A evolución da memoria

A percepción sobre a represión e a guerrilla durante o franquismo pasou diferentes etapas ao longo do tempo

Mirelle Curro, compañeira do Piloto, e Carlos Reigosa entrevistándoa. Foto: Juan López Ricos. Editado por Xerais.
Mirelle Curro, compañeira do Piloto, e Carlos Reigosa entrevistándoa. Foto: Juan López Ricos. Editado por Xerais.
Hai década e media Carlos G. Reigosa se botaba ao monte na comarca leonesa da Cabrera detrás dos pasos do guerrilleiro Manuel Girón. A obra que tirou daquela investigación A agonía do león ve a luz agora en galego, nunha edición que achega un epílogo inédito. O traballo sírvenos para reflexionar co autor sobre como foi mudando a percepción sobre esta época na memoria popular desde o franquismo.

Cando en 1980 Hartmut Haine publicou A guerrilla antifranquista en Galicia abría un ámbito de investigación inédito que ofertaba grandes posibilidades para os historiadores. No entanto, a súa proposta non tivo continuidade editorial ata que, en 1996, Carlos G. Reigosa publicaba, en castelán, A agonía do león, unha reconstrución da actividade de Manuel Girón, un dos principais membros da guerrilla antifranquista en Galicia e León. O seu traballo supuxo recuperar unha memoria oral marcada pola represión e o medo. Desde aquela, no entanto, as políticas de recuperación da memoria histórica mudaron e cada vez hai un maior interese por coñecer a fondo esta época e as súas circunstancias. A pasada semana, Reigosa presentaba na sede do Consello da Cultura, en Compostela, a edición galega da obra, da man de Xerais, que inclúe un epílogo que achega novos datos sobre o caso e mais un prólogo inédito de Manu Leguineche.

O silencio
Xa ben antes da publicación desta obra, Reigosa iniciou as súas primeiras investigación sobre a guerrilla e a represión franquista. En 1968 non era sinxelo conseguir datos sobre os fuxidos, xa que “ninguén quería falar, nin os represaliados nin sequera os que ocupaban posicións de poder, como a Garda Civil. O silencio alcanzou do mesmo xeito os dous bandos”. A presenza da ditadura marcou de maneira decisiva a comunicación sobre a época e mesmo o xeito no que se percibían aqueles feitos. “Isto era lóxico ata a morte de Franco, e aínda depois resultaba moi difícil falar, pero xa era posible. A xente fixera un grande esforzo por tapar todo aquilo na súa memoria, e cando chegabas preguntando eras un tipo incómodo”. Naqueles tempos, conseguir datos esixía por parte do investigador un importante traballo para gañar a confianza dos informantes. “O que preguntaba tiña case que se facer cómplice do que falaba. Realmente tiñan moi pouca gana de voltar falar de todo iso, e había medo a voltar atrás. Entramos realmente en cuestións psicolóxicas de por qué iso era así, pero o franquismo durou tanto tempo que os feitos semellaban estar moi lonxe, e estaban tan tapados na memoria que custaba remexer neles”.

A mudanza
Nese sentido, un momento clave, no ollar deste investigador foi o retorno dos exiliados durante o franquismo. “A xente que estivera fóra de España e que non vivira esa represión, voltaba de Arxentina ou de Francia e falaban sen eses temores”. Tamén a Lei de Amnistía de 1977 influíu na percepción da xente sobre a época e foi abrindo aos poucos a memoria aos investigadores que facían traballo de campo sobre esta cuestión. “Xa estaba claro que non era da policía e que non che buscaban polo que pasara daquela”, lembra Reigosa. En xeral, o paso do tempo foi facilitando o labor de obter datos dos supervivintes daquela época, aínda que ao tempo, por lei de vida, foi diminuíndo o número de informantes con coñecemento directo dos feitos. “No 77 era máis fácil do que no 68, no 80 máis que no 77 e no 85 máis que no 80”, explica Reigosa. “Hoxe a dificultade é atopar bos interlocutores vivos, pero dá gusto chegar a unha porta e que che falen do tema”.

As áreas escuras
Malia a esa maior facilidade para que a xente recupere as súas lembranzas sobre a guerrilla ou a represión, continúa a haber ámbitos nos que existe unha certa dificultade para conseguir datos. “Hoxe fala todo o mundo e non hai problemas ao respecto”. No entanto, esta clarificación da memoria non afecta por igual ao bando dos represores. “Aínda hoxe hai moitas familias que non saben que o seu avó ou o seu tío era un dos paseadores da zona, e cando un vai preguntar non o ollan ben. En Mondoñedo mesmo, onde só houbo tres paseados, non se sabe aínda quen o fixo. Os fillos das vítimas, no entanto, si que saben que os seu pais foron paseados, e falan con naturalidade daqueles feitos”. De xeito semellante pódese lembrar a polémica que houbo en Pontevedra en anos recentes coa mudanza de nomes de rúas, na que descendentes da familia Vázquez Lescaille negabn a participación dos seus antepasados en actividades de represión. A facilidade para conseguir datos, ten tamén aínda outra dificultade. “Ainda que a xente fala con tranquilidade, esa calma non chega a ser total cando se fala de veciños e da xente próxima, que teñen fillos e netos”. Por outra banda, na presentación da obra, Reigosa sinala o curioso oco que supón a falta de información sobre as relacións amorosas que mantiñan os guerrilleiros. “En todas partes tiñan mozas e iso é algo que non se di moito. Marcelino Fernández Villanueva Gafas, xefe da Federación de Guerrillas de León-Galicia, recoñecía que non había mellor apoio para un guerrilleiro do que unha muller namorada e coa que se sinta a gusto, pero iso non son cousas que se publican polo xeral”.

As políticas da memoria e a retroalimentación
A vaga a prol da recuperación da memoria histórica que se está a vivir desde finais dos anos noventa incrementou notablemente o número de publicacións encol desta época e o interese por aclarar uns feitos non sempre suficientemente coñecidos. No entanto, para Reigosa, este maior interese e as políticas públicas de reparación da memoria dos represaliados non tiveron un especial efecto no xeito no que a xente se relaciona coas súas lembranzas. “Eu penso que foi máis o paso do tempo do que outra cousa. Xa antes de que chegase este pulo de recuperación era moi sinxelo falar coa xente”. Si recoñece no entanto este autor que as obras sobre o tema deixan unha certa pegada nas propias impresións dos informantes. “No caso do meu libro deuse unha situación algo peculiar, que seguramente se repita con outras obras. Acontece que a memoria que conserva a xente é moi esnaquizada, saben moito dunha parte das historias pero nada das outras, e con estas obras ollan o conxunto e prodúcese unha certa irritación ante o propio descoñecemento, e tamén unha reivindicación, porque se pensa que aínda quedan máis cousas por saber. Cando se confirman datos ou sospeitas, obviamente hai un proceso de aceptación ou de indignación. Esa indignación paréceme lóxica, pero non me semella axeitado politizala”, explica. “O labor dos investigadores ten unha parte que ademais de sistematizar e explicar os feitos, de xeito paradóxico, dan nun certo enfriamento e na progresiva racionalización dos mesmos. No meu traballo, feito en directo co a xente falando ou chorando, pode provocar outra lectura máis en quente”.

As reaccións
E é que a investigación sobre uns feitos tan complexos aínda provocan reaccións acendidas, e o propio Reigosa comprobou como ao pouco de publicar o seu libro, en Ponferrada apareceron pintadas de “Girón vive” ou “Viva Girón”. De xeito semellante, Reigosa detecta na actual vaga da recuperación da memoria unha certa tendencia a mitificar a figura de guerrilleiros e resistentes, sen que en ocasións se teñan en conta aspectos escuros das súas actuacións. “Eu tento separar sempre a cuestión política da realidade. A recuperación da memoria é esencial no sentido de traer a verdade ao presente, pero non me parece axeitado que se traia tamén a belicosidade daqueles tempos de horror”, lembra o autor. “É como se quixésemos traer a guerra de independencia ao presente e odiar a Francia por iso. Estou a favor dos que reclaman a verdade, e en darlle un nicho digno a persoas que están enterradas nunha encrucillada ou nunha barranca, iso é cuestión de humanidade. Pero non estou de acordo nos que tentan empregar isto para conseguir votos”.

O futuro
A progresiva desaparición de informantes directos vai provocar, de xeito evidente, mudanzas no xeito de investigar esta época no futuro. Ao tempo, é de ver que posiblemente a actual vaga de interese pola época vaia decaendo. “Como sempre ocorre, a investigación terá que continuar, do mesmo xeito que se continúan a publicar libros sobre a Guerra da Independencia, son procesos que esixen unha revisión permanente, pero evidentemente isto vai ir quedando cada vez máis no eido dos historiadores, que é onde ten que estar”. Canda á non politización da memoria, Reigosa reclama tamén o papel dos creadores á hora de crear relatos de ficción da época. “Tamén os dramaturgos, os cineastas e os novelistas teñen o seu papel nisto, porque ao final estamos a falar de historias de aventuras e en moitos casos houbo xente que se botaron ao monte sen ter sequera unha motivación política. O que non é axeitado é que se produza unha mitificación dos guerrilleiros desde a propia recuperación da memoria”. A concluír a súa reflexión sobre este tema, Reigosa incide na importancia do traballo de recuperación. “Para min a memoria é algo esencial. Penso que nós realmente somos memoria, non somos concibibles sen as nosas propias lembranzas. Por tanto, paréceme esencial que esas lembranzas sexan correctas, precisas e contrastadas. Somos o que recordamos”.