A prensa galega recolleu esta fin de semana con abundancia os trinta anos da morte de Álvaro Cunqueiro, quen finou un 28 de febreiro de hai 30 anos. En La Voz de Galicia Xesús Fraga escolma as principais novidades literarias e actividades ao redor da conmemoración do seu nacemento neste Ano Cunqueiro. No Faro de Vigo, Mar Mato realiza unha interesante reportaxe sobre como os traballadores do xornal recordan ao Cunqueiro director do xornal. Pola súa banda, o Consello da Cultura Galega elaborou un amplo programa de actividades que poden consultar no web oficial e hoxe publica unha nova escolma de audio que recolle un fragmento sonoro dunha conferencia de Ricard Salvat sobre Cunqueiro e o teatro europeo da súa época, dixitalizado polo Arquivo Sonoro de Galicia.