As palabras que forman a Historia

O CCG estrea Gallaeciae Monumenta Historia, unha aplicación para explorar a documentación medieval galega

O Consello da Cultura Galega publica Gallaeciae Monumenta Historica, unha aplicación web que permite aos usuarios explorar a documentación medieval galega a través das súas persoas, lugares, conceptos. É unha versión interactiva que propón un novo xeito de concebir as grandes coleccións documentais que no XIX e XX permitiron a construción da historia medieval europea e que ata agora non existía en Galicia.

A nova aplicación web do CCG, Gallaeciae Monumenta Historica, presentouse por primeira vez a un grupo de prestixiosos medievalistas reunidos nas xornadas O século de Xelmírez, celebradas en novembro de 2010. Cando se amosaron as funcionalidades do sistema, un deles exclamou: "se tivera eu esta aplicación no seu momento!". A anécdota resume as funcionalidades de Gallaecia Monumenta Historia, un servizo orientado á difusión da historia medieval galega a través das súas fontes.

Gallaeciae Monumenta Historica é unha aplicación para a publicación de edicións do corpus escrito medieval galego, en calquera das linguas nas que foi escrito (habitualmente latín, galego ou castelán). Pero non só permite consultar as obras en liña, senón que desmenuza e etiqueta cada documento, identificando nel a persoas, temáticas e mesmo topónimos -é un dos aspectos máis complexos-, que permiten ler de xeito transversal o corpus de documentación. É dicir: podemos ler un diploma de Afonso X o Sabio preservado na colección documental de Mondoñedo, ou podemos localizar todos os diplomas que ten o sistema nos que figura Afonso X o sabio. Ou podemos recuperar todas as referencias a maravedís ou a compravenda de terras antes do século XI, ou coñecer rapidamente as referencias á vestimenta, á vida cotiá ou a comercio. É dicir, o proxecto convértese nun dos primeiros sistemas no mundo que permite ler documentación medieval de xeito transversal, e non só a través de buscas libres senón dun xeito conceptual. O sistema tamén é totalmente aberto: permite aos investigadores consultar e recuperar, sen contrasinal nin permiso previo, cada un dos documentos de xeito íntegro e sen rexistro previo.

O proxecto inspíranse nas grandes coleccións documentais que desde o século XIX recopilaron toda a documentación medieval de países coma o Reino Unido ou Alemaña, e que son claves para a investigación da historia medieval. De momento están incorporadas as coleccións documentais da Catedral de Mondoñedo, con documentación desde o século IX ata o XV, e o Libro do Concello de Santiago, do século XV. Proximamente incorporarase toda a documentación medieval da cidade de Ourense e ao longo dos seguintes anos todas as publicacións que editou o Consello da Cultura Galega na súa colección "Fontes para a Historia de Galicia". Alí figuran os documentos das catedrais de Lugo ou de Ourense, o Tombo de Toxosoutos, libros notariais...O CCG editará deste novo xeito as edicións de textos medievais que leva publicados nos últimos vinte anos, pero tamén os de aquelas institucións que desexen sumarse ao proxecto.

Entre os vindeiros desenvolvementos de Gallaeciae Monumenta Historia está a incorporación de todos estes novos contidos e a creación de novas ferramentas que amplíen a funcionalidade do sistema e poidan tamén contribuír ao etiquetado e análise dos textos.