O ritmo dos alicerces

As asociacións vencelladas ás industrias culturais multiplicáronse nos últimos anos

Nos últimos anos está a se incrementar o número de asociacións sectoriais vencelladas ás industrias culturais galegas. Co exemplo da edición e do audiovisual, aos poucos o tecido do noso país está a coller pulo e organizarse. Técnicos de escea, locais de música ao vivo ou galeristas fan parte dun panorama cada vez máis vizoso que augura unha situación inédita no noso país en canto a industrias da cultura se refire, cunha profesionalización crecente e maiores posibilidades de coordinación.



A tantas veces comentada preeminencia das letras e da edición no noso panorama cultural ten o seu reflexo inmediato nas asociacións vencelladas a este ámbito. Deste xeito, as máis antigas agrupacións de creadores en activo das que temos constancia están relacionadas coa edición. Destaca pola súa idade a Asociación de Editores, nada en 1983 e que aparece com primeiro colectivo de empresas da cultura do país. Canda a ela atopamos a Asociación de Escritores en Lingua Galega, nada en 1980 como o PEN Clube de Galicia, que foi admitido na organización homónima internacional en 1989 preséntanse como pioneiros na agrupación de creadores. Canda ás letras, a importancia da música folk no país deixouse sentir co nacemento relativamente temperán de colectivos como o de Gaiteiros Galegos, existente desde 1989.

O exemplo audiovisual
Nunha segunda vaga de asociacionismo atopamos os colectivos nados ao abeiro da penetración do audiovisual no noso país. Coa a Asociación Galega de Produtoras Indpendentes (AGAPI) como punta de lanza, o sector viu despois aparecer os colectivos de Guionistas (1997), a Asociación de Empresas do Audiovisual (2001), e a agrupación dos técnicos do sector, escindida en 2007 da antiga Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia. No entanto, foi a creación do Clúster Audiovisual, en 2003, a que marcou un novo paso nas relacións industriais do sector e que serviría de modelo para outros ámbitos.

Segundo paso para a edición
Deste xeito, o modelo foi recollido polo sector do Produto Gráfico e do Libro, que vería nacer o seu propio Clúster en 2007, cunha composición maioritariamente vencelladas ás artes gráficas. A edición, en colaboración con distribuidoras e librarías tería que agardar ata 2010 para ter o seu propio Clúster. No seo do mesmo está a se xestar, segundo anunciou o seu presidente Alfonso García Sanmartín, a primeira agrupación de distribuidoras culturais galegas.



As causas
En casos como dos clústeres detéctase a pegada expresa da Administración Pública. Tal e como sinalaba García Sanmartín na presentación do mesmo, a necesidade de contar cunha única voz na administración e a existencia de axudas específicas para este tipo de colectivos empresariais foron decisivos á hora de que o sector apostase por se artellar neste modelo. De xeito semellante, foron moitos os sectores nos que a busca dunha coordinación no diálogo coa administración pública deu na creación ou no reforzo de estruturas asociativas profesionais. Deste xeiito, atopamos a creación da asociación de fonografistas (2007) a de Salas de Música ao Vivo (2006) ou a de Empresas Musicais (2007) entre outras aínda en activo. Un camiño semellante seguiu o sectors das artes escénicas, que viu neses anos o nacemento de colectivos como o de Magos Profesionais, monicreques e danza, todas nadas en 2006 ou a creación da asociación transversal Escena Galega, nada no mesmo ano.

A situación
Malia a que a mudanza das políticas culturais que se deu co cambio de goberno en 2009 e a subseguinte crise poida facer pensar nunha caída no asociacionismo, o que estamos a ver polo momento é que os colectivos creados se manteñen e desenvolven unha actividade importante. Se no seu momento actuaban en boa medida como interlocutores nas políticas da aministración, nos últimos anos están a se amosar como os voceiros das reclamacións dos diferentes sectores e nos vehículos de iniciativas privadas de dinamización. Ao tempo, a aposta de Cultura por apoiar as propostas dos actores culturais antes do que promover iniciativas desde a propia Consellaría esixiulles tamén ás industrias manter e desenvolver ese tecido asociativo. Sirva como exemplo nos últimos anos o nacemento da Asociación Culturgal, participada de diferentes empresas culturais galegas, que se encarga de organizar un evento que comezou da man da Consellaría de Cultura, ou as diferentes denuncias que deste colectivos como os de tradutores, Escena Galega ou os tradutores, entre outros, desenvolven. Ao tempo, nacemento doutros colectivos, como a Asociacion de Orquestras, o de Músicos ao Vivo, o de Ilusionistas, todos eles aparecidos en 2010, amosan que o mapa non está nin moito menos fechado, e que podemos agardar novas agrupacións sectoriais que continúen a asentar os alicerces das nosas industrias culturais.

Datos técnicos
As datas de nacemento dos diferentes colectivos tomáronse ben dos seus webs, das hemerotecas de prensa nas que se recolle a súa presentación pública ou ben, en casos puntuais, do Rexistro de Asociacións da Xunta. Ao ser voluntaria a adscrición neste rexistro, os datos aparecidos no mesmo non sempre coinciden coa da creación de cada colectivo.