Quintanilla: “Dá igual onde se convoquen as axudas ao sector porque Agadic e Consorcio teñen o mesmo presidente”

O director-xerente do Consorcio Audiovisual considera fluídas as relacións con todos os axentes

Coñece ben o ámbito audiovisual porque leva traballando nel toda unha vida. Anxo Quintanilla aterrou no Consorcio Audiovisual de Galicia nun momento complicado, cando agromaba a crise do sector e no momento no que a Xunta anunciaba unha redefinición da política audiovisual. O seu mandato cumprirá un ano nos vindeiros meses e, malia as críticas do sector que botan en falta cambios e unificación na política audiovisual herdada do bipartito, fala dun período de transición que está marcado pola coordinación con outras entidades e o diálogo co sector.

O seu nomeamento foi case a mediados de 2010 cando o Consorcio atravesaba por unha singradura difícil tralo cambio de goberno. Chegou para pilotar un proxecto no que se apuntaba cara un modelo de “ventaíña única”, pero o sector aínda fala de que non se unificaron as competencias
A non unificación, que algunha xente cre que aínda segue así, non é tal. Eu estou traballando nunha coordinación directa coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)e tendo en conta que o Consorcio depende dunha consellaría na que tamén se integra Agadic e que ambos teñen o mesmo presidente, existe máxima colaboración e coordinación. Máis que a unificación física estamos nunha fase de coordinación de todas as axudas que a comunidade autónoma lle está prestando ao sector audiovisual.

Pero a colaboración entre Agadic e Consorcio é transitoria?
Hai que empezar por un edificio no que poidamos traballar xuntos. Agora mesmo o posicionamento do Consorcio e de Agadic é de xuntarnos nun espazo físico no que sexa moito máis fácil manexarnos. Canta máis proximidade teñas moito mellor e nos próximos días teremos unha reunión para ver estes asuntos. O horizonte é que as axudas as convoque o Consorcio pero, sinceramente, é o menos importante porque a estrutura última está en Cultura e dá igual que o fagas desde un ou outro sitio. Con todo, é unha fórmula transitoria. Sinceramente, no meu traballo teño moitos problemas pero ningún de coordinación. A idea é xuntalos, pero iso implica unha integración xurídica e administrativa que leva un tempo.

Tendo en conta que están buscando un espazo físico común a Consorcio e Agadic ¿Sería factible a integración destas entidades?
Eu non o podo contestar porque é unha decisión que me trascende. Así direi que todo é posible, se me pides opinión, desde o punto de vista da eficiencia, estamos funcionando con total coordinación e normalidade. En todo caso, o CAG é o organismo único do audiovisual respondendo a unha demanda do sector. E esa é a encomenda que me fixeron o presidente, Roberto Varela e o vicepresidente, Alfonso Cabaleiro.


---
“A IDEA ÚLTIMA É XUNTAR (AGADIC E CONSORCIO), PERO ISO IMPLICA UNHA INTEGRACIÓN XURÍDICA E ADMINISTRATIVA QUE LEVA UN TEMPO”
------


¿A día de hoxe cal é a situación real do Consorcio tanto a nivel laboral como administrativo ?
No laboral, o Consorcio está nunha fase transitoria onde fisicamente hai tres persoas que chegan de diferentes consellarías que compoñen o consorcio con distintos tipos de contrato. Ademais, estamos pendentes de resolución dunhas demandas anteriores á miña chegada pola rescisión dunha serie de contratos. No que atende á estrutura, as axudas a producións seguen a estar no Agadic. No que estamos a traballar é nos outros aspectos que son, principalmente, a ampliación de orzamentos para conseguir financiamento privado. Estamos nunha fase administrativa sen descoidar as labores necesarias para o sector e as cousas van correctamente neste aspecto.

¿Como afecta esa parte administrativa ao plan de actividades?
O plan de actividades do Consorcio Audiovisual Galego (CAG) están en favorecer o sector na medida dos recursos que vaia conseguindo a través dos seus consorciados (no que están as diferentes sete consellarías e catro deputacións). En todo caso, o labor do Consorcio ten que estar coordinado e optimizar os seus recursos. He de recoñecer que me gustan as estruturas pequenas e proporcionadas ao orzamento que ese proxecto teña.

E ¿cal é o orzamento para este 2011?
Arredor dun millón de euros. Isto é o que debería de ter o Consorcio, en función do que marca os acordos co consorciados. Hai que puntualizar que aí non está contemplado o orzamento que a Administración destina ao audiovisual a través doutras entidades como son o IGAPE, a AGADIC…. E con esta cifra faremos: mantemento dos festivais, as diferentes bolsas de estudos, de diferentes cursos e o apartado de axudas (Fondo de coprodución Galicia-Brasil, Programa Raíces, Semprecinema) que está medio cuberto; e logo está o Plan de Internacionalización das producións audiovisuais que contempla a asistencia a mercados, que era o que antes se facía a través do Clúster e que desde o ano pasado se xestiona a través do CAG.

¿O Plan de Internacionalización inclúe asistencia a mercados e festivais?
Efectivamente. Neste momento estamos preparando o de Berlín, que iremos baixo o paraugas do ICEX-FAPAE, e logo está Cannes (MIPCom e MIPtv) e as citas habituais. Fixemos unha comunicación as empresas, e as que queren asistir dáselles unha axuda regulada. Este ano foi por información a todos os membros do sector pero a idea é que sexa por convocatoria competitiva, igual que acontecerá coas convocatorias a festivais. De momento, para non paralizar nada estamos saíndo do mesmo xeito que en anteriores edicións.



---
“A IDEA É AS CONVOCATORIAS A ASISTENCIA A MERCADOS SEXA POR CONVOCATORIA COMPETITIVA, IGUAL QUE ACONTECERÁ COAS CONVOCATORIAS A FESTIVAIS”
---

Durante a época do bipartito o sector apuntou que se estaban a seguir modelos diferentes. Dunha banda, promovéronse producións audiovisuais atendendo a criterios identitarios, ao tempo que nutrir aos novos creadores. Da outra, existía outra liña audiovisual favorecía grandes producións audiovisuais. ¿Cal é o modelo polo que vai optar o Consorcio?
O modelo quen o ten que definir é o conselleiro, que trasladará o que se debata no Consello da Xunta. Eu non os vexo antagónicos. Por exemplo, o ano pasado producíronse en Galicia unhas 6 e 7 películas que van desde a de Óliver Laxe (Todos vós sodes capitáns) ata 18 comidas, de Jorge Coira, que son ben diferentes e son películas excelentes. Isto demostra que son compatibles, e que o que hai que facer é buscar un equilibrio. Tamén creo que o modelo o vai concretar as posibilidades de cada empresa e o acerto co que se resolva cada proxecto… Ten que haber cine comercial, pero sendo unha industria cultural, teñen que convivir ambos modelos. Hai que pensar que os recursos son os que son e segundo en que momento a decisión vai por un lado ou outro. Este ano prevense 7 ou 8 estreas de longametraxes e para un país de tres millóns de persoas, a cifra está moi ben. A nosa reponsabilidade é facer convivir os dous modelos e buscar un equilibrio.

O modelo de negocio está a cambiar no sector audiovisual e a distribución preséntase como fundamental. ¿Qué vai facer o CAG para reforzar este aspecto?
Para min é clave e, ademais, o sector está demandando si podemos fortalecer este aspecto. E niso estamos. Dunha banda, traballamos para que o proxecto de Flocos.tv teña continuidade e, da outra, está a iniciativa de Cinemas Dixitais que estamos a reformular. Penso que promoción e distribución están moi ligadas e iso é estamos tratando de ser alternativos e creativos.
Existe en Galicia un nutrido abano de entidades que se dedican ao sector audiovisual. ¿Cómo é a relación do CAG con estas outras entidades públicas (CGAI, Observatorio do Audiovisual….)?
As relación son excelentes e de diálogo. Por exemplo, co CGAI estamos tendo unha coordinación dunha forma sistemática. Neste caso concreto, serán as autoridades competentes as que terán que decidir como segue porque o futuro do CGAI pasa por integrarse na estrutura audiovisual que teña a entidade, e que quede claro, que falo soamente de estrutura.


----
"O CONSELLEIRO É QUEN TEN QUE DEFINIR O MODELO, QUE TRASLADARÁ O QUE SE DEBATA NO CONSELLO DA XUNTA"
---



…E coas privadas (Agapi, Clúster do Audiovisual, Aega…)?
Fluidísima e, sobre todo nun momento de depresión coma este, solidaria. A comunicación coas institucións ten que ser total porque se non fose así non tería sentido esta entidade. Ao haber unha dificultade económica hai que consensuar as necesidades.
Todas as decisión que toma o CAG están consensuadas co sector?
Eu a miña responsabilidade non a dilúo nas consultas. Agora ben, en xeral é inevitable que estean consensuadas porque son todas as mesmas. Eu espero que o Consorcio sexa o centro no que se concentren todas as inquietudes empresariais para tratar de viabilizalas de diferentes formas. Son un gran defensor da empresa pública pola responsabilidade que ten que ter co sector.

Por último, a CRTVG é o gran motor do audiovisual e, alén do ben que coñece esa casa, podería o CAG exercer un papel de mediación nestes momentos de división (pola denuncia do incumprimento de investir o 6% que establece a lei en produción audiovisuais) entre o ente público e o sector?
A relación coa CRTVG é impecable, como non podía ser doutra maneira. De feito na estrutura directiva do CAG está a CRTVG, como tamén está nas comisión de axudas. A TVG é responsable e consciente da súa importancia dentro do sector. Nós, desde aquí, estamos tentando ter unha comunicación coa situación das empresas para buscarlles solución as súas demandas e problemas. E esa é a intención. No fondo, a base do conflito está na interpretación da porcentaxe de investimento, que o sector di que só saíu unha parte. Nós aí pouco temos que facer que non sexa respectar a todas as partes. A nosa misión é, tento en conta a situación que hai, que todo o mundo teña as mínimas posibilidades de supervivencia.