Jalisia (Is my country)

O fotógrafo Xurxo Lobato redescubre a identidade galega cunha mostra na galería Moret Art

Dúas décadas despois de amosar as series fotográficas Jalisia sitio distinto e Jalisia terra nai, Xurxo Lobato recupera ese interese por retratrar as romarías e as festas populares de Galicia. O resultado é Jalisia is my country(Galería Moret Art, A Coruña ata o 4 de marzo) na que Lobato asegura “quixen retratar unha determinada Galicia, a que está a medio camino entre o rural e o urbán”. Lobato comenta cinco imaxes das catorce que compoñen a mostra para Culturagalega.org.

“Non hai rostros, esta vez non quixen que houbera rostros. Ademais, as protagonistas son as mulleres, pero non foi algo intencional, senón que me dei conta moito despois” afirma un Xurxo Lobato que asegura que a exposición é unha explosión de color, de contrastes da cultura tradicional coa cultura urbana. “Quero retratar a Galicia do século XXI, unha determinada Galicia que está a camino entre o rural e o urbán, na que está presente a morte, pero tamén a vida e a festa” apunta Lobato que sempre se sentiu moi atraído por ese ambiente de mesturas. “Defino as fotografías cunhas gotas de esperpento de Valle Inclán, algo de costumismo de Almodóvar cun profundo respecto. Hai ironía e humor, pero tamén respecto” afirma.

A exposición pretende tamén “reconstruír unha nova iconografía a partir das fontes da vella iconografía de Galicia, plasmada nas romarías do Corpiño, de Santa Marta de Ribarteme..., o que fotografío son as fillas e netas das señoras que retratou Cristina García Rodero na magnífica exposición que se pode ver CGAC. Eu busco o cambio”. Na súa opinión é unha forma de retratar o territorio, a paisaxe, nos espazos que viven e nos seus lugares, así como reconstruír un pouco ese mundo semiurbano, semirural, este mundo de mestizaxes. “Son unhas novas señas de identidade de Galicia e haberá que xenerar outra iconografía” afirma.


GALERÍA COMENTADA



Muller de negro, Ribarteme.

Fotografía 120x80 cm/2010






“Alguén dixo: Oes Lobato, tiraches un retrato que parece feito en Sicilia. A verdade é que non o fixen en Sicilia, fíxeno a carón de Portugal, nos estremos da nosa Galicia pero ben podería ser unha homenaxe a Fellini”.

O pano

Fotografía/ 2010






“Unha señora de costas, unha camisa de cadros… é unha foto evocadora que evoca a moda galega. ¿Por que os deseñadores de Zara, Roberto Verino e Adolfo Domínguez non van ao Corpiño? Porque o que vexa esa foto entenderá perfectamente o que é a moda galega”.

A nena vai de festa. O corpiño

Fotografía 120x80 cm/2010






“Algún día a nena mirarase nesta foto e comprenderá por que non lle dixen a verdade”

Tacones cercanos

Fotografía, 120x80 cm/ 2010






“Camariñas. Festa do Carme. Saen os barcos engalanados. Aquí temos dúas mulleres de mariñeiros que teñen a sorte de ter aos maridos nese día en casa e se engalanan e se poñen estes tacóns tan cercanos”

O corpiño

Fotografía, 100 x 150 cm/ 2010






“Unha das romarías máis auténticas do que se deu en chamar a Galicia profunda. A rapaza está coa nai, coa irmá maior non sabemos se vai quitar o demo do corpo, pero a súa actitute déixanos cunha certa inquedanza. Só sabemos que hai unha rapaza pequena cunha muller maior…”