Historias por todas as vías

Amal ten un catálogo gratuito duns catrocentos filmes sobre temática árabe listos para programar

Grazas ao Festival Amal, en Santiago se puideron ver, por exemplo, moitas das historias persoais que non abordaron os medios de comunicación sobre o ataque israelí sobre Gaza, ademais do seu impacto sobre Palestina. Diferentes puntos de vista, historias contadas en primeira persona, algunhas delas rodadas con moito sixilo e enviadas en segredo para participar nun festival que pretende dar a coñecer a cultura árabe. O festival Amal, que significa esperanza en árabe, cumple este ano nove edicións e quenta motores.

Faltan máis de oito meses para que comece a semana oficial do festival, pero Amal xa comezou a quentar motores. A semana pasada abriuse o prazo de recepción de filmes e apenas horas despois xa comezaron as primeiras inscricións. “Esperamos que a situación do Sahara con Marrocos, así como o conflicto de Túnez esté presente en numerosas cintas este ano” apuntaba Ghaleb Jaber Martínez, director do festival en rolda de prensa, que alude ao valor das historias que retrata este certame.

As historias
“Manteñen a pureza das historias porque non están perturbados por subvencións e axudas que lle restan protagonismo” aseguraba o director do festival. A mairo parte das películas chegan de Palestina, do Líbano, de Arxelia e de Irak. Precisamente, Ghaleb Jaber destacou o crecente protagonismo deste país que “está recuperando o papel de foco cultural”. Sen ir máis lonxe, na edición de 2010 gañou o encontro un filme desta nacionalidade, O mensaxeiro (Whisper in the wind). Un filme de ficción que conta o sufrimento dos kurdos iraquíes nas últimas décadas a través do traballo do carteiro Mam, que viaxou polos lugares da montaña do Kurdistán Iraquí gravando e entregando mensaxes aos seus habitantes. Un ano antes, o xurado de Amal premiou a Un mozo para Yasmina, un filme sobre os matrimonios de conveniencia, o compromiso social e a vida en parella que dirixiu a española Irene Cardona. E aquí radica outra da peculiaridades deste certame, que malia que “nós, non miramos a orixe nin o xénero do director cando confeccionamos a selección oficial acaba acontecendo que hai un montón de películas feitas por mulleres” afirma Ghaleb Jaber. Segundo os seus cálculos, nas últimas edicións de Amal a presenza de filmes dirixidos por féminas rondaba o corenta ou corenta e cinco por cento dos filmes.
O director ten claro o obxectivo último dun festival que se chama esperanza: “con estas historias o importante é romper ese silenzo que e o xerme da violencia”.

O catálogo
Acontece que, alén da semana oficial do festival que se desenvolve cada ano a finais de outubro, a maior parte dos títulos que chegan acaban engrosando unha base de datos que está a disposición de fundacións, asociacións e demais entidades sen ánimo de lucro que queiran, no marco das súas actividades, dar a coñecer a realidade árabe. Ghaleb Jaber cuantifica en preto de catrocentos os títulos que están neste listado a libre disposición. “Cando remata ao festival pedímoslle aos directores que nos deixen unha copia para reproducción. Algúns, principalmente ficción, xa teñen distribuidora e non o fan, pero a maioría de documentais e de curtametraxes si que nos ceden os dereitos de difusión para visionado sen ánimo de lucro” apunta o director. Deste xeito, tamén se aproveita un dos grandes traballos que se fai no certame que é o de subtitulado das películas. “Os filmes tamén chegan en francés ou en árabe e hai que facer un traballo de subtitulado no que se vai boa parte do orzamento do festival pero que é tan necesario que nin tan sequera te cuestionas” explica.
Ligazóns