A NASA (Nave de Servicios Artísticos) cumpre unha década de programación alternativa en Compostela

Unha boa marea: Dez anos de NASA

¿Pode unha sala independente, cun aforo de cento sesenta prazas, situada na periferia dunha cidade galega, albergar unha compañía de teatro residente e sobrevivir sen a penas subvencións? ¿Poden unha ducia de persoas pór en marcha un espacio escénico no que teñan cabida todo tipo de produccións, cunha programación estable e continuada, vangardista e crítica? A NASA (Nave de Servicios Artísticos) celebra estes días os dez anos que leva conseguíndoo. O futuro, coma sempre, é incerto.

De artistas a xestores (... e artistas)


Hai quince anos un grupo de afeccionados ó teatro botaron a andar a compañía Chévere con espectáculos irreverentes e cheos de humor e crítica, buscando facer un teatro diferente ó que se facía, cunha maior conexión co público. E en Chévere foron falando do ben que viría ter un espacio fixo para representar e no que puidesen participar compañías teatrais e proxectos artísticos de todo tipo. E saíu a ocasión. Un antigo taller mecánico abandonado na rúa San Lourenzo, nas proximidades do Campus Sur compostelán. Un lugar afastado dos centros culturais habituais e mesmo das zonas nocturnas máis activas. Ben valía. Moito traballo e 180.000€ despois, nacía a NASA, un espacio de 500 metros cadrados no que se xuntaban barra, escenario, camerinos, oficinas, almacéns e espacio para o público. E comezou o espectáculo. O primeiro, “Big Bang”, unha obra de Chévere. Despois outras obras, o cabaré da primeira Ultranoite, concertos, exposicións, curtametraxes e mesturas de todos estes xéneros ían enchendo as noites da sala. O tirón de Chévere, con forte arraigo na cidade, foi fundamental nos primeiros tempos da NASA. Co tempo a sala foi acadando o seu propio público ata chegar ás preto de catorce mil persoas que van cada temporada ata a rúa San Lourenzo.



Brevísimo resumo

A programación dos primeiros tempos da NASA baseouse en todo o universo artístico que rodeaba a Chévere e nos intentos de achegar oportunidades a novos valores. Así naceu por exemplo o Parrulo Rock, que permitiu a moitos grupos galegos iniciar a súa andaina nos escenario, ou o seu sucesor o Rock Cabo Sam Lourenzo, que o substituíu. E das Ultranoites naceron Ana Pudor, Os Tristáns, os Magical Brothers e aínda no último ano a compañía Arrepentimientos de Padrón. E na NASA se foron forxando Mofa e Befa, e a Psicofónica de Conxo ademais, por suposto, dos espectáculos de Chévere da última década. Quedaron polo camiño iniciativas coma Arte en Acción, un dos primeiros espacios para performances que se puxo en marcha no país. Ou o S.O.S (Son Outros Sons), festival de música alternativa. Ou o Festival de Ópera de Peto, que pretendía levar a lírica a novos públicos e escenarios e do que sairían dúas produccións galegas deste xénero. Pero saíron adiante e continúan actividades coma a mostra periódica de curtametraxes Fanzinasa; a exitosa programación infantil Asteroide B-612 do grupo Berrobambán, que se exportou a Ferrol e ten participado nun festival coreano; as mostras de artistas do Galizoo, e, por suposto, os concertos e as representacións teatrais e parateatrais de todo tipo e condición.



Facendo contas

Logo de dez anos de actividade, os responsables da NASA cifran en 120.000 o número de espectadores que foron ata a rúa San Lourenzo nos 1.150 días de actividade desde anos para ver os máis de 4.000 artistas que pasaron polo escenario. Na actualidade chegouse á cifra de 150 tripulantes (os “socios” da NASA que, cunha cota anual teñen dereito a descontos e outras vantaxes), dos que un 40% son de fóra de Compostela, e 100 tripulantiños (nenos e nenas que acoden con regularidade á programación infantil da sala). Ademais a sala acolle case o 25% da actividade escénica compostelá e posúe a única programación estable de música popular da cidade, ademais do único espacio dedicado ás artes escénicas para os máis novos (o Asteroide B-612). O orzamento anual aproximado da sala rolda os 150.000€ dos que arredor de 70.000 invístense na contratacións de grupos e artistas. De todos estes cartos, un 71% proceden de recursos propios (venda de entradas e de material, rendementos do bar e cotas dos navegantes), un 11% de patrocinios privados e só un 18% de axudas públicas. Os gastos mensuais fixos da NASA son de 4.800 €, dos que 600 son unicamente de luz e que inclúen os soldos das catro persoas que traballan a tempo completo para a sala e das outras tres que se encargan da porta o despacho de billetes e a limpeza.




Ollando o mar (algo revolto)


Precisamente é a escaseza de axudas públicas unha das principais queixas que se fan desde as NASA nos últimos anos. Segundo os responsables da sala, o concello diminuíu a súa axuda nun 85% durante o último lustro, xa que desde 1997 esta axuda se reduce ós 4.800 € que a Concellería de Educación achega á programación infantil. Desde o Concello xa retrucaron que está previsto estudiar un proxecto de convenio co centro, aínda que sinalan a dificultade de atender a todos os programas en marcha na cidade. Desde a NASA tense apuntado a posibilidade de trasladar a súa actividade a outra cidade galega na que conten cun maior apoio e no que sexa posible chegar a máis público que en Compostela. A súa petición é que a axuda pública chegue a cubrir un 25% ou un 30% do orzamento da sala, unha porcentaxe que, segundo os responsables, é habitual noutras salas independentes do estado e que mesmo chega ó 100% en países da Unión Europea.



Esta marea


Polo de agora está claro que a décimo primeira temporada vaise celebrar en Compostela cunha boa programación que inclúe desde a recuperación de antigos espectáculos (“Río Bravo” de Chévere ou a Antoloxía da Ultranoite, así coma o un concerto con artistas que subiron ó escenario nestes dez anos) a concertos do máis actual e a continuidade do espacio destinado ó circo coa apertura do espacio Pista Catro. Tamén se agarda facer, coa Sala Galán, a cuarta edición FestiAlt, aínda que os problemas monetarios poñen en perigo a celebración deste evento. Do mesmo xeito que está en perigo o sexto ano de órbita o Asteroide B-612 polo mesmo motivo. A NASA pode sobrevivir pero non pode medrar, e como sinalan os seus responsables, nun mundo no que os gastos se incrementan ano a ano, non medrar supón morrer. No caso de que melloren as cousas e acaden unha maior porcentaxe de axudas, a NASA pensa en recuperar vellas iniciativas desaparecidas por falta de apoio, organizar un ciclo para grupos novos de teatro... As ideas que non faltaron durante estes dez anos tampouco faltan para un posible futuro.

GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

Aspecto da entrada traseira do que logo sería a NASA antes de comezar as obras de acondicionamento

GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

O interior da sala, listo para a función.

 GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

Un intre das obras de acondicionamento do local.

 GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

A porta traseira da NASA despois das obras de rehabilitación.

 GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

"Big Bang", o primeiro espectáculo de Chévere na NASA.

 GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

Imaxe de "O navegante", última montaxe de Chévere na NASA

 GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

GALERIA: NASA, dez anos en sete fotos

Despedida dunha Ultranoite.

NASA 1992-2002. Dez anos de alternativas.
Neste texto os responsables da NASA fan un resumo dos seus dez anos de actividade enumerando os grupos e artistas que teñen pasado polo seu escenario e explicando a súa situación económica.