O desembarco inglés

A presenza da literatura galega na lingua de Shakespeare multiplicouse no último ano

Se en 2009 non existía unha soa antoloxía de literatura galega en inglés, o ano 2010 rematou con dúas publicacións deste tipo. Ademais, publicouse un volume compartido entre poetas galegas e irlandesas, a selección de autores galegos na revista Poetry Review ou a versión de Os libros arden mal amosan unha sorprendente vitalidade da tradución da nosa lingua para o inglés. No entanto, aínda queda moito traballo que facer.

Jonathan Dunne é o responsable de traducir a Manuel Rivas a esta lingua, segundo el, non hai dúbida ningunha de que o ano 2010 supuxo un desembarco da literatura galega nas Illas Británicas. Dúas antoloxías, Anthology of Galician Literature 1196-1981, realizada polo propio Dunne, e Breogán's Lighthouse: An anthology of Galician literature, coordinada por Antonio Raúl de Toro son as principais achegas deste ano ao panorama literario galego en inglés. Canda a estes, viu a luz este ano a novela de Manolo Rivas Books Burn Badly, a antoloxía de poetas galegas e irlandesas To the Winds Our Sails e outra de lírica galega contemporánea que viu a luz como suplemento da revista Poetry Review. A estes hai que engadir I am not from here, poemario de María do Cebreiro que tamén viu a luz en 2010 e mais unha edición de poesía e prosa de Rosalía de Castro que tamén saíu neste período. “Produciuse un avance real. Para min un dos fitos do ano foi a tradución de Os libros arden mal, un libro de case 700 páxinas que saiu publicado nada menos que por Random House, non por unha pequena editora. Logo o suplemento de poetas galegos que saíu a Poetry Review deste inverno chegou ao domicilio dos 4.000 subscriptores desta publicación, entre os que se atopan os principais poetas do país”.

A situación
Malia a este espectacular avance, a presenza da nosa literatura na lingua internacional por excelencia continúa a ser anecdótica, e este tradutor cifra en só 33 os títulos das nosas letras con versión en inglés. “O problema non é tanto a chamada dificultade para entrar no mercado anglófono, senón o descoñecemento por parte dos autores e dos editores sobre como o facer”, explica Dunne. Ao seu ver “para que un editor inglés tome unha decisión sobre un autor galego primeiro precisa dunha boa tradución. Logo cómpre que teña información de contexto sobre o autor para o situar e mais unha sinopse sobre a obra. E iso cómpre saber como o escribir, saber qué é o que queren e darllo, ata certo punto hai que corresponder ao que buscan, e iso non está a acontecer neste momento”.

Interese
De cara a mellorar a nosa presenza na lingua de Shakespeare, Dunne reclama unha maior implicación do sector e mais das institucións, “non é unha decisión unicamente política, é unha cuestión de país, de tirar todos na mesma dirección”. Interese, cando menos por parte dos autores, non falta. “Moitas veces recibo mensaxes de escritores que me preguntan polas posibilidades de exportar a súa obra. Eu entendo esas ambicións e eu querería o mesmo de escribir. Está a faltar promoción para os autore contemporáneos. Aínda que se está a facer moito, hai vías que están abertas pero que aínda non se aproveitaron, esa é a miña frustración”.

Alén das universidades
Unha peculiaridade de varios destes lanzamentos é que amosan unha certa tendencia a separar a tradución do galego ao ámbito universitario. Ata o de agora, boa parte das versións en inglés da nosa lingua xorden dos Centros de Estudos Galegos nas Illas Británicas. É o caso do Things de Castelao, ou de Them, unha escolma de relatos de Méndez Ferrín. “Ata o de agora pensouse na vía universitaria para dar a coñecer a literatura fóra do país, pero isto chega só a un número reducido de persoas e nun ámbito especializado”. Para exemplificar isto, cita cifras como os 12.000 exemplares que vendeu a súa versión do Lapis do carpinteiro de Rivas ou os 4.000 receptores do caderno dedicado aos poetas galegos na Poetry Review. Canda a eles, autores como Cunqueiro e Domingo Villar son os únicos que superan os mil exemplares nas súas versións en inglés.

Futuro inmediato
De cara a se no futuro seguiremos vendo novos títulos galegos en inglés, Dunne non ten dúbida. “Penso que sempre hai un resultado de actuacións deste tipo, e cómpre ter en conta o papel do editor. Se un editor le estes suplementos ou estas antoloxías sensibilízase cara a unha cultura e unha literatura, infórmase e a continuación está máis disposto a publicar autores e obras da literatura galega”. De xeito inmediato, o propio Dunne está a traballar na tradución de Poemas (1981-1991), Poesía última de amor e enfermidade e mais Poemas para unha loia de Lois Pereiro. “Estou tremendamente impresionado pola calidade da súa poesía, hai tempo que non traduzo un autor que me impresionase tanto. Realmente penso que pode ter moito éxito no ámbito anglófono, internacionalizar a súa obra con esta tradución, xa de por sí internacional, axudará a que se faga realidade o que dicía del Manuel Rivas, que se se coñece será un autor moi popular”. Ademais, Dunne rematou recentemente a versión na súa lingua de O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz. “Quedei moi impresionado, aínda non temos editora pero penso que hai boas perspectivas”. Con algo máis de tempo, sairá a luz o segundo volume da antoloxía que publicaron Galaxia e Xerais “será desde 1981 ata hoxe e incluirá todos os actores actuais” adianta. De cara ao futuro, sinala que lle gustaría abordar a edición ou a traducón de obras como Follas novas. “É certo que estamos escasos de clásicos en inglés”, recoñece, aínda que desde hai uns anos pódense atopar obras como Merlín and family e People from Here and Beyond de Cunqueiro, ou Wounded wind de Carlos Casares son outras das obras dispoñibles en inglés.