Tras dos pasos de Cunqueiro

Presentamos dous roteiros que seguen os pasos do escritor por Vigo e Mondoñedo

Río Troncedo. Mondoñedo.
Río Troncedo. Mondoñedo.
A celebrar o centenario de Cunqueiro, engadimos aos Roteiros da Cultura dúas novas propostas que teñen este fabulador como protagonista. Por unha banda, podemos percorrer os lugares do Vigo no que desenvolveu boa parte da súa vida profesional. Pola outra, temos a ocasión de visitar a Terra de Miranda, a comarca mindoniense na que medrou e que é escenario de parte da súa obra. Dous xeitos diferentes de se achegar a unha figura literaria, coñecendo os espazos da súa vida e mais algunhas das súas fontes de inspiración máis destacadas.

Adiántamosche algúns dos puntos que podes atopar nestes roteiros.

1. Bar Eligio. Vigo
O Eligio é unha das tascas con máis solera de Vigo que sobrevive co paso dos anos. Probablemente existía xa desde o anos 20, cando o seu antigo propietario chega do concello de Leiro para traballar na cidade olívica. Pero a verdadeira fama a acada despois dos anos 60, xa que era frecuentado pola bohemia local. Estaba moi próximo á redacción de El Pueblo Gallego, polo que numeros escritores, xunto con destacados artistas, atravesaron a súa porta, como Cunqueiro ou o seu amigo Castroviejo.


2. A Braña. Mondoñedo
Penedo de Rúa, de Xente de aquí e acolá, fora á Braña a buscar un tesouro. E un dos curandeiros que Cunqueiro presenta en Escola de Menciñeiros chamábase Perrón da Braña. En moitas ocasión, alcumes e topónimos forman o nome dos protagonistas das obras do mindoniense. Neste caso, na memoria recente da veciñanza da Braña non está o nome de Perrón. Pero si acordan a Lagoa, da veciña Pastoriza. Igual non era Borrallo de Lagoa, outra personaxe de Escola de Menciñeiros, pero curandeiro na vida real si que foi.

3. Santuario de San Cosme de Galgao. Abadín
Os pais do pequeno Álvaro tiñan unha gran preocupación porque o neno, a pesar de comer e medrar, non engordaba. A súa nai, Pepita Mora, animada polas irmáns, lévao á Romaría de San Cosme e San Damián, ofrecido cunha cabeza de cera na man. De maior, Cunqueiro seguiría acudindo con frecuencia. O cariño cara a Galgao, por mor da visita feita cando era cativo, fará que os Santos Damián e Cosme non falten nos seus textos, pois segundo o escritor lle concederon a facilidade de invención e fantasía.


O roteiro foi deseñado para o CCG por Etnoga.