BD: Radiografía 2010

Culturagalega.org presenta o primeiro resumo estatístico sobre a produción de banda deseñada no noso país

12/1/2011 | Santiago. Redacción | Seccións: banda deseñada
58 lecturas | Compartido 0 veces

Galicia e os Estados Unidos foron os principais focos de edición de autores de novena arte galegos no ano 2010. Case a metade dos libros do nosos creadores saíron en galego, e a o apoio público á edición no noso país chegou a perto dun terzo dos títulos editados. Por vez primeira, culturagalega.org presenta unha análise polo miúdo da edición de banda deseñada en Galicia.
Ao longo de 2010 publicáronse un total de 85 títulos de banda deseñada, ben feita por autores galegos, ben editada por empresas e colectivos do noso país, ben na nosa lingua. Destas, 56 obras foron editadas en Galicia, totalizando nada menos que 383.640 exemplares. Na nosa análise considéranse como volumes separados as edicións dunha mesma obra en varios idiomas, e cóntanse de xeito individual os diferentes números das publicacións periódicas. Non se tiveron en conta as reimpresións ou reedicións de títulos de anos anteriores. A orixe
A pegada que están a ter nos Estados Unidos autores galegos, fundamentalmente cos traballos de Emma Ríos e Alex Cal, fan que este país fose en 2010 o segundo editor de títulos relacionados co noso país. Atendendo aos criterios mentados previamente, temos nada menos que 21 títulos en Norteamérica, fronte aos 56 que saíron no noso país. Pola contra, centros coma Madrid, Barcelona ou outros recolle só oito deses 85 títulos. Malia a que isto semella amosar unha feble pegada dos nosos creadores no mercado estatal, a afirmación debe matizarse se atendemos aos diferentes sistemas de edición, cun sistema industrial de produción e títulos con menos páxinas que facilitan a multiplicidade de títulos en América. Ademais, no último ano foron varias as traducións para o galego de obras publicadas orixinalmente en Estados Unidos, ou Francia. Este fenómeno relativamente recente pero en fase de consolidación explica en boa medida a importancia da produción localizada no noso país. A lingua
Un 41% dos títulos editados en Galicia ou feitos por autores galegos foron publicados na nosa lingua. Fronte a isto houbo un 22% de obras que saíron en castelán e outro 21% en inglés. Atendendo a mentada exportación de autores a Estados Unidos, debemos ter en conta que a alta porcentaxe de obras en castelán corresponde na maior parte dos casos a traducións de títulos que saíron tamén en galego, como se pode verificar por contraste co gráfico anterior. Disto tiramos que a práctica da edición en dúas linguas está amplamente estendida entre as editoras galegas. No país A se centrar na edición de banda deseñada feita por empresas, institucións ou colectivo galegos, atopamos un panorama no que as iniciativas privadas superan amplamente as BDs de carácter institucional. Para alén, destaca a existencia dun grande número de selos editoriais, que se impoñen tamén á edición de fanzines que durante anos marcou o noso panorama. No entanto, cómpre apuntar a existencia de destacados apoios públicos por varias vías á edición de BD, que permite o desenvolvemento de determinados proxectos que doutro xeito serían dificilmente viables. Os exemplares
Destaca no gráfico a inxente produción de El Patito Editorial. Débese ter en conta que este selo, co apoio do programa Bocaberta de normalización lingüística, é o responsable da edición da revista Galimatías que se distribúe de balde con El Correo Gallego. Tamén é outra publicación periódica, Retranca a que marca unha tendencia á alza nas edicións galegas. Canda a elas, destacan as publicacións de carácter institucional como Cresconio. La última batalla vikinga editada polo Concello de Catoira cunha tiraxe de 25.000 exemplares ou Uxío Novoneyra, a voz herdada, con 5.000. Fóra destes casos comprobamos que a maior parte das editoras galegas optan por tiraxes algo inferiores aos mil exemplares para os seus títulos, o que nos deixa algo por embaixo da media estatal. Destaca neste campo Demo Editorial, que apostou forte polos dous títulos editados este ano, cun total de 4.000 exemplares. Títulos
Neste apartado de novo se comproba a potencia de El Patito. Mesmo sen contar os nove títulos de Galimatías aparecidos en 2010, a firma sitúase con diferenza á cabeza das editoras do país con 22 títulos (contando, como dicíamos as edicións en galego e mais as de castelán). Por tras deles, atopamos o selo Factoría K, de Kalandraka, que con Retranca suma seis lanzamentos. A verificar as grandes tiraxes da edicións institucional, atopamos que o conxunto de publicacións deste tipo é tamén de seis obras. Pola contra, obsérvase como un número igual de fanzines publicados en 2010 só chegaron aos 640 exemplares, o que amosa as escasas tiraxes destas iniciativas. O apoio público
Mesmo tendo en conta bolsas á creación, convenios, edición directa por parte de institucións ou premios que contemplan a edición da obra, temos que un 66.07% dos títulos de BD editados no noso país non contaron con apoio público. Vaia por diante que non se considerou como tal a adquisición de exemplares para bibliotecas e centros de ensino ou a inclusión de anuncios. Ao aplicar este criterio ao número de exemplares publicados con axuda institucional, observamos que un 82,75% dos volumes que chegaron ás nosas librarías si tiveron apoios deste tipo, o que amosa unha concentración das axudas nun número reducido de publicacións con amplas tiraxes. Os títulos que nos constan editados en 2010 son: 1809. A Revolución Neria A historia xamais contada xamais contada* A mansión dos murmurios. Libro primeiro: Sara A noite das cacharelas* As dúas viaxes Astérix e o fouciño de ouro Astérix o galo Banda desexada 2* Barsowia 15 BD Banda 4 (castelán) BD Banda 4 (galego) Caperucita Roja Carapuchiña Vermella Carne Líquida 9 Concurso BD Xunta Construcción en Rego Torto* Cresconio. La última batalla vikinga De sangre y ron, mi Cuba El agujero del infierno Extraño Fragmentos de apocalipsis G.I.Joe 20-22 G.I.Joe: Operation Hiss 1 G.I.Joe: Origins 16-18 Galimatías 21-29 Galimatías, ano 0 Historias de Maese Zorro. Le Roman de Renart Historias de Mestre Raposo. Le Roman de Renart Improv!! L'évangile selon judas La mancha negra* Lobezno Lobezno. Das Pastoras Los Espíritus Azules Luís va a la playa Luís vai á praia Milan K. El precio de la supervivencia Milan K. O prezo da supervivencia Northwind O burato do inferno O Fanzine das Xornadas 22 O fillo da furia O regreso do caralludo Sr Mundo Os Espíritos Azuis Os Marcos* Osborn 1-2 Petaco Pictodiario Ratoon Retranca 24-29 Romeo & Giulietta Sen mirar atrás Shadowland: Elektra Sin conexión Sin mirar atrás Sinónimos de lucro 1-2 Spirou e Fantasio en Nova York Strange 1-4 +tomo compilatorio Stratos Superlópez: A caixa de Pandora Tiras Cíclicas Uxío Novoneyra: A voz herdada Vento do norte Whispers in the wall 1-6 (*Estes seis títulos foron engadidos con posterioridade ao 12/1/11, daí que non foran considerados na elaboración das estatísticas. Como en todos os recontos anuais, se sabes dalgún que falte, escribe para bd@culturagalega.org)

Universo culturagalega.gal