O percurso de Pereiro

O autor homenaxeado nas Letras 2011 reflicte na súa biografía a época en que lle tocou vivir

O poeta Lois Pereiro aos 38 anos.
O poeta Lois Pereiro aos 38 anos.
A súa imaxe é un epítome dos anos oitenta. O punk, o pop, a apertura ás influencias europeas, a renovación da poesía galega, a colza, a droga... todo un rosario de elementos que caracterizaron unha xeración completa en Galicia. No entanto, para alén dos tópicos e do seu carácter icónico, a biografía de Lois Pereiro amosa unha traxectoria única e particular que individualiza o autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2011.

Nado en Monforte en 1958, o percurso biográfico de Lois Pereiro non difire moito do de moitos mozos galegos que, entre finais dos setenta e nos anos oitenta. A infancia e a primeira mocidade na vila do Cabe supuxeron os seus primeiros contactos coas letras e a arte. Malia á periferia aparente do lugar, xa de adolescente Pereiro entrara en contacto con influencias vangardistas como os simbolistas franceses, o cinema e coa poesía de Manuel Antonio, que se revelou unha influencia fundamental na súa decisión de escribir en galego. Canda a isto, a música pop, o cinema e todo tipo de influencias propias da modernidade da época foron formando a sensibilidade do autor.

Chegado aos 17 anos, o poeta emigrou a Madrid, onde iniciou unha carreira de Socioloxía da que só cursou tres meses. No ano seguinte (1976) voltou á capital, desta volta para se centrar nos idiomas. O dominio do inglés, francés e alemán, e o contacto con estas literaturas marcaría de xeito decisivo a súa sensiblidade artística e literaria. En plena Transición, Pereiro participa da efervescencia cultural na capital de España, onde coincide con outros creadores novos do noso país como o seu propio irmán Xosé Manuel Pereiro, Antón Patiño, Menchu Lamas ou Manuel Rivas, con quen fundaría a revista Loia (1978) que se prolongaría durante catro números e na que verían as luz as súas primeiras creacións. A época en Madrid remata cun feito que marcaría a súa vida: o envelenamento con aceite de colza produciríalle a síndroma que acompañaría ata a fin dos seus días e que lle provocaría diferentes problemas de saúde, como a perda de masa muscular ou problemas articulatorios.

Dispersión
Logo do seu retorno á Coruña, fíxose co premio de poesía O Facho en 1982, e participou en diferentes iniciativas literarias e artísticas, como o colectivo De amor e desamor, con quen realizou diferentes recitais. Foi a través de revistas, fanzines e recitais que a obra de Pereiro foi callando nos ambientes culturais galegos. Logo de Loia, o poeta participou no consello de redacción da coñecida revista La Naval e publicou nas dúas antoloxías De amor de desamor (1984 e 1985) canda a creadores como Manuel Rivas, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xavier Seoane, Francisco Salinas ou Xulio Valcárcel. Tamén se poden atopar os seus versos en Después de la modernidad (1987), unha escolma realizada por Julia Barella.
Non sería ata os anos noventa ando o traballo de Lois foi recollido en libro. Poemas: 1981-1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995) (1995) foron os dous poemarios que o autor deixou en vida. Ao ano da súa morte viu a luz Poemas para unha loia que recollía os traballos que apareceran nesta publicación, canda ao ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. No mesmo ano a revista Luzes da Galiza publicou os primeiros oito capítulos da novela inacabada Náufragos do Paraíso.

Multimedia
Para alén da súa poesía, Pereiro mantivo estreitas relacións con outras artes como a música ou o cinema. Como mostra está o seu traballo como dobrador durante os anos madrileños, pero ademais o poeta participou tamén en producións experimentais como a curta Valle de lágrimas de Jorde Demetrio Rodríguez. A nivel musical, achegou letras para o grupo que lideraba o seu irmán Xosé Manuel, o mítico Radio Océano. Textos en fanzines e en guións completan o traballo multimedia dun escritor que, tal e como se pode ver nas edicións do seus poemas en Loia, lle daba unha grande importancia á reprodución dos seus textos. Presentacións acompañadas de música ou poemas ilustrados amosan o amplo concepto da creación que tiña o de Monforte.

A voz
En xeral, a crítica recoñece a pegada do expresionismo centroeuropeo no traballo de Pereiro. Thomas Bernhard, Peter Handke ou Raymond Carver son algunhas das súas influencias máis destacadas. A estas pódese engadir o xa mentado Manuel Antonio, José Ángel Valente, ou pegadas múltiples chegadas do cinema, a música da época ou moitos outros ámbitos artísticos. Referentes universais mestúranse nos textos deste creador e é que, para alén do seu vencello coa Terra, destacan na biografía de Pereiro as súas diferentes viaxes por Europa. O autor percorreu Francia, Alemaña, Irlanda, Bélxica ou Checoeslovaquia, e non perdía a ocasión de visitar as casas dos seus autores predilectos nos seus percursos.. Os seus versos, traballados demoradamente, presentan tamén risco da contracultura da súa época, destacando para os críticos a honestidade vital que se percibe nas súas letras.

A fin
Consciente dos seus problemas de saúde, agravados polo consumo de heroína e a SIDA, Pereiro enfrontou os seus últimos anos sabedor de que non lle restaba moita vida. Malia a que o seu segundo poemario conseguiu recoñecemento por parte da crítica, o autor non tiña especial interese polas homenaxes. Faleceu na Coruña o 26 de maio de 1996. O epitafio no cemiterio de Santa Cristina, en Monforte, recolle os versos do propio autor: “Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria”.

Homenaxe
A decisión da Real Academia Galega de lle dedicar o Día das Letras a este autor está a reavivar enormemente o interese pola súa figura. Xa en 2010 Iago Martínez e Álex Cancelo presentaban o documental Lois Pereiro: Contra a morte, ainda pendente de estrea, na que fan un repaso pola vida e a obra do poeta. A rematar o ano, Edicións Positivas anunciaba o lanzamento dunha obra inédita do autor, Conversas ultramariñas, un epistolario realizado nos últimos meses da súa vida que o propio Pereiro xa concibira como unha posible publicación póstuma. A mesma editora recuperara as obras que o poeta editara en Vida, e agárdase que Espiral Maior reedite Poemas para unha loia, sen o ensaio orixinal pero engadindo os textos das antoloxía De amor e desamor. A isto sumouse, a finais de 2010 a Fotobiografía sonora da editorial Ouvirmos, na que se recupera unha ampla colección de imaxes do homenaxeado así como artigos sobre a súa figura, unha entrevista e diferentes versións músicadas de textos seus entre outros contidos. Antón Patiño publicou en Espiral Maior, pola súa banda Radiografía do abismo, unha obra que indaga na personalidade e na obra do autor. Veremos tamén unha edición bilingüe galego-castelán das Obras completas traducidas por Daniel Salgado, quen tamén preparou unha antoloxía do autor que verá a luz en Galaxia.

O eco
Ao longo do ano, como non, podemos agardar as xa habituais biografías e ensaios que han clarificar a obra dun creador que, ata o de agora, non tivera un eco excesivo nas institucións. Adiántase xa unha da man de Xerais, realizada por Marcos Calveiro e destinada a un público xuvenil, mentres en Galaxia será Antón Lopo o autor encarregado. Pola contra, a orixinalidade da súa voz fixo del un creador de referencia de moitos dos poetas da súa época e, de xeito especial, para as novas xeracións de creadores do noso país, como amosa o crecemente movemento que se desenvolveu arredor da súa figura ao longo dos últimos anos, con reclamacións para que se lle dedicase un Día das Letras que, neste 2011 leva finalmente o nome de Pereiro.