A Asociación Cultural Monte Branco organiza en Ponteceso o VIII Simposio Pondaliano, ademais de toda unha chea de actividades.

Pondal no Monte Branco

A aldea do Couto, en Ponteceso, acolle desde hoxe a VIII edición do Simposio Pondaliano, a cita máis importante que se organiza no país para os interesados na vida e na obra do Bardo. Detrás deste encontro atópase unha pequena asociación do rural que vén dinamizando a vida cultural do seu contorno desde hai xa máis de vinte anos, a Asociación Monte Branco.

Un novo Pondal

Como cada ano desde hai xa oito, os interesados na vida e na obra de Eduardo Pondal teñen unha cita todos os martes do mes de outubro. O VIII Simposio Pondaliano que comeza hoxe desenvolve as súas actividades durante unha tarde cada semana. Ademais de conferencias, que desta volta analizarán temas coma a presencia de Pondal na emigración ou a música do Rexurdimento, presentaranse as últimas obras sobre o literato, haberá recitais poéticos e mesmo un itinerario polos lugares da Terra de Xallas relacionados co autor. Segundo apunta Xosé Manuel Varela, un dos organizadores, un dos actos máis importantes desta edición é a presentación da obra “Poemas manuscritos”, unha obra na que Manuel Ferreiro recolle os poemas inéditos do autor que se conservaban na Real Academia e que permitirá abrir novas liñas de investigación sobre a obra de Pondal. Como exemplo sinalar que o libro recolle temas inéditos no escritor, como son os ataques viquingos á Costa da Morte. Este libro fará que con, “Queixumes dos pinos”, “Poemas impresos” e a futura edición de “Os Eoas”, o Bardo de Ponteceso sexa o poeta do Rexurdimento con máis títulos publicados en galego, catro fronte ós dous de Rosalía e de Curros.




A orixe dunha cita

A idea de organizar o Simposio xurdiu coa intención de recuperar a memoria dun escritor que, ó contrario dos seus coetáneos Rosalía e Curros, non conta cunha fundación propia. Sen embargo, e gracias ó traballos da Asociación Cultural Monte Branco, é o único escritor cunhas xornadas anuais no seu nome. Ademais da figura de Pondal en si, no simposio danse a coñecer diferentes aspectos da época na viviu o escritor como a música ou a pintura do Rexurdimento. Os participantes tamén percorren cada ano lugares relacionados co homenaxeado ou que aparecen mencionados na súa obra e coñecen material pedagóxico sobre o poeta e a súa obra. Todo isto gastando algo máis de 1.800 euros nestas últimas edicións, aportados na súa totalidade pola Dirección Xeral de Política Lingüística. Este encontro, con matrícula gratuíta, reúne habitualmente arredor de cincuenta persoas de todo o país, na súa maioría ensinantes da comarca de Bergantiños ós que se suman persoas interesadas nalgún dos temas tratados.




Unha casa da asociación


Foi no Nadal de 1982 cando un grupo de xente nova da aldea do Couto, a dous quilómetros de Ponteceso, decidiron botar a andar a Asociación Monte Branco, que toma o seu nome, evidentemente dun monte próximo. A súa intención era dignificar a lingua e a cultura do país entre os veciños, e vaia se o acadaron. Nos últimos vinte anos acadáronse fitos coma a inauguración, en 1993 da Casa dos Veciños, un local construído gracias á participación dos habitantes da zona, e contando con apoio económico do Concello de Ponteceso. Este local converteuse nun auténtico centro sociocultural no que veñen desenvolvendo multitude de actividades coma os obradoiros e cursos de olería, teatro, xornalismo, gaita ou pandeireta durante todo o ano. Ademais, a casa acolle a biblioteca local, o video-fórum, unha cafetería e o Punto de Información Xuvenil, e é empregada para os ensaios do coro promovido pola asociación no que participan abondosos veciños. Todas as actividades e instalacións do centro son xestionadas pola asociación e realizadas polos socios (uns cen sen contar colaboradores puntuais) en diferentes quendas, mesmo á hora de atender o bar.



Marcando estilo


Darío Xohán Cabana escribiu a propósito da asociación “Se toda Galicia fose coma vós, Galicia ardería e faríase libre”. E é que a vida do Couto xa non é a mesma desde que Monte Branco se puxo en marcha. No lugar hai agora catro agrupacións de música folk e tradicional nacidas no seo da asociación ademais dun coro. As festas tradicionais celébranse cunha ampla participación popular, durante o verán organízase unha Escola na que os máis novos dispoñen dunha chea de actividades e hai obradoiros na Casa dos Veciños durante todo o ano. A celebración do Día das Letras é maior que a festa patronal, un día cheo de actividades que mobiliza a 120 persoas para a súa organización e na que non faltan as rosquilleiras ou unha verbena na que a orquestra fáiselle cantar todo o repertorio en galego. Pero no Couto a festa da lingua non queda só no dezasete de maio, e durante varios días do mes sucédense actos de celebración. No sábado seguinte ó Día da Letras tribútase a homenaxe a un escritor vivo. Este acto levou á aldea autores coma Uxío Novoneyra, Bernardino Graña, os poetas da Costa da Morte ou o grupo Brais Pinto entre outros. E a finais do mes celébrase a Feira de Artesanía á que acoden profesionais de toda Galicia que amosan os seus traballos e ensinan como se fan xa desde hai dezaoito anos. E todo isto sen contar actos puntuais que van xurdindo ó longo do ano ou as abondosas publicacións que se fan no seo deste colectivo. Na súa obra “En salvaxe compaña” Manolo Rivas faille dicir ó rei García: “Habería que poñer no Monte Branco unha escola de beleza”. Velaí a está.