O Centro de Supercomputación de Galicia desenvolve dous proxectos nos que redes de computadores realizan tarefas de cálculo complexo

Compartir o ordenador, multiplicar recursos

O Grid é unha técnica nacida en 1999 que consiste en compartir os recursos de múltiples ordenadores para acadar unha maior potencia de cálculo. Desde hai xa dous anos, o Centro de Supercomputación de Galicia(CESGA) empezou a traballar nun proxecto deste tipo, o Superordenador Virtual Galego (SVG) composto por unha rede de PCs. Gracias a esta experiencia, na actualidade o centro traballa nun proxecto semellante a nivel europeo, o Crossgrid.


SVG


O Superordenador Virtual Galego(SVG) é un proxecto que comezou durante o ano 2000 con financiamento da Secretaría Xeral de I+D, e que xurdiu froito dunha colaboración entre o CESGA e o Grupo de Sistemas Autónomos da Universidade da Coruña. Na súa primeira fase, o SVG conta cuns cincuenta PCs Pentium de diferentes tipos interconectados entre si. Estes computadores están situados nos dous centros participantes ademais de no Centro de Innovación e Servicios de Ferrol, aínda que o proxecto está aberto á participación de PCs instalados noutros centros de investigación. O xeito en que funciona unha rede coma o SVG é empregando os recursos dos computadores integrados nela durante o tempo en que este non son utilizados polos seus usuarios. É dicir, o usuario dun computador integrado nun Grid pode acordar ceder a súa máquina pola noite e, mediante a instalación dun programa de monitorización, o sistema faise co control do equipo e emprega a súa potencia de cálculo durante ese tempo. Se o usuario quere facer uso do aparello nalgún intre, o sistema interrompe inmediatamente o cálculo e devólvelle o seu dono o control.





O bosque no SVG


O SVG foi empregado para renderizar as imaxes en tres dimensións da película “O bosque animado”, é dicir, procesar as capas que compoñen as diferentes imaxes fotograma a fotograma e convertelas en secuencias de animación. Segundo sinala o CESGA, cada fotograma precisaría dúas horas de cálculo nun computador Pentium III a 550 Mhz. O SVG repartiu grande parte dos 115.000 fotogramas da película entre os corenta e nove procesadores con que contaba daquela, o que permitiu acelerar enormemente o proceso. Ademais de animar películas o SVG tamén é utilizado por diferentes grupos de investigación do país, especialmente polo Grupo de Sistemas Autónomos da Universidade da Coruña que o emprega para os seus traballos no deseño de controladores para robots.





Un proxecto europeo


En marzo comezaba no CESGA un segundo banzo na informática de recursos compartidos: O Crossgrid. Trátase un proxecto a nivel europeo no que participan 22 institucións entre as que se contan tamén as Universidades da Coruña e de Santiago. Está ultima é quen lidera o proxecto. A idea básica é a mesma que a do SVG, pero neste caso interconectaranse máquinas de grandes centros de investigación espallados por Europa adiante e será necesario definir estándares que permitan que esta plataforma continúe medrando. O desenvolvemento deste sistema comezou este mesmo ano e está previsto que continúe ata o 2004, cun orzamento total de 6.707.000 euros na súa maior parte financiados pola Unión Europea.



Para que


A capacidade de cálculo que xerará este sistema unha vez en marcha será inmensa e servirá para desenvolver aplicacións interactivas. É dicir, o sistema permitirá responder a unha acción do usuario en tempo real. Entre os empregos máis destacados deste tipo de rede estará a simulación a tempo real de operacións cirúrxicas, a predicción meteorolóxica e de contaminación atmosférica, a análise de datos en experimentos de física de altas enerxías ou os sistemas de apoio á toma de decisión en asolagamentos, é dicir as simulacións en tempo real da situación e as posible evolución da mesma.




O tixolo galego


Galicia aportará ó Crossgrid algúns dos computadores do CESGA e ademais, o centro compostelán participará na instalación da plataforma e nas tarefas de administración dos equipos que a compoñen. Pola súa banda desde os grupos de investigación das Universidades da Coruña e de Santiago están a traballar nas aplicacións de predicción meteorolóxica e de análise de polución atmosférica. Para o vindeiro mes de febreiro realizarase en Compostela unha xuntanza na que participarán representantes de todas as organizacións implicadas e analizarán a situación do proxecto e as súas posibilidades.