Os libros que se gardan na casa

As coleccións privadas desempeñan un importante papel na conservación do noso patrimonio bibliográfico

É ben sabido que, durante anos, a conservación do patrimonio bibliográfico e documental galego foi un esforzo fundamentalmente privado. Canda a asociacións, fundacións e outros organismos, os bibliófilos foron construíndo e conservando desde o Rexurdimento todo un corpus de libros e documentos que tardaría moito en conseguir recoñecemento e apoio institucional. Malia a contar na actualidade con organismos públicos, universidades, e todo tipo de plans de acción, o coleccionismo privado mantén un grande papel na conservación deste legado.

Desde o Rexurdimento, e de xeito especial ao longo do primeiro terzo do século XX e mais no Franquismo, iniciativas privadas como o coleccionismo desempeñaron un papel fundamental na conservación de boa parte do noso legado cultural. A existencia de persoas interesadas na compilación sistemática de publicacións, obras de arte, bens do patrimonio etnográfico ou mesmo antigüidades que facían parte do legado cultura do noso país permitiron constituír todo un corpus documental, artístico e histórico que en moitos casos é hoxe accesible ao público e á investigación. A cuestión ponse de actualidade pola celebración o vindeiro sábado dunha poxa en Poio de bens deste tipo. Organizada pola empresa María Fechoría e Asociados, poranse á venda un bo número de publicacións, autógrafos e gravados relacionados na súa maior parte co exilio en Sudamérica.

Coleccionistas que fixeron país
A nivel histórico, é sobranceiro nese sentido o caso de Fermín Penzol, posuidor dunha das principais colección privadas de fondos bibliográficos e documentais relacionados con Galicia, con arredor de 40.000 volumes. No entanto non era o único que, nos longos anos do franquismo, se preocupou de recuperar obras, manuscritos e documentos que doutro xeito terían acabado espallados ou estragados. Segundo nos lembra Henrique Monteagudo, “o propio Penzol dicía que tiña rivalizar con coleccionistas moi avezados como Cotarelo Valledor, Martínez Barbeito ou Rey Soto”. Precisamente a cesión de fondos que este último realizou ao Mosteiro de Poio contribuíu a facer da biblioteca deste cenobio un referente na cultura do noso país. No caso de Martínez Barbeito, foi a Fundación Barrié a que se fixo cargo dos seus fondos, unha institución que tamén adquiriu a importante de biblioteca de Domingo García Sabell. Moitas outras coleccións con importancia para a nosa cultura que acabaron a disposición do público están hoxe baixo a custodia de fundacións como a Fernández del Riego, Vicente Risco, ou Curros Enríquez, por nomear só algunhas. Do mesmo xeito, tamén a Biblioteca do Museo do Pobo atesoura coleccións privadas de Xaquín Lorenzo, Taboada Chivite, Antón Fraguas, Manuel Beiras ou Bouza Brey entre outros. E non se pode esquecer o inmenso patrimonio documental que atesourou ao longo dos anos Isaac Díaz Pardo desde Sargadelos e o Instituto Galego da Información, uns bens cuxo futuro está aínda pendente de resolución. Tal e como refire Monteagudo a falar de Penzol e da súa época, “realmente a recuperación do patrimonio bibliográfico e documental galego durante a ditadura foi unha iniciativa privada, de coleccionistas e mecenas. Naquel momento se non había unha persoa preocupada por conseguir fondos deste tipo, acababan en mans privadas ou sabe Deus onde. Aínda pasou nos anos oitenta co Pergameo Vindel, que acabou en Estados Unidos”.

A importancia dos bibliófilos
O papel destes compiladores de libros é aínda importante na actualidade. Segundo explica Ignacio Cabano, coordinador do Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico no Centro Superior Bibliográfico de Galicia (CSBG) e autor de obras como Bibliofilia de Galicia, “hai coleccións que nacen de coleccionistas privados que son as mellores que existen sobre algún autor concreto. Resultan en ocasións máis interesantes do que outras de universidades de institucións, que se crean máis por acumulación”, explica. E conclúe reivindicando o papel destes bibliófilos á hora de recuperar e conservar os libros do noso pasado. “Os coleccionistas, tanto os que existiron como os que existen, son realmente importantes para o patrimonio bibliográfico galego, conservan exemplares con anotacións ou manuscritas e preocúpanse de traballalas e completalas. Nós por exemplo mercamos a de Alonso Montero, que é moi importante á hora de falar do galego pero que ademais conta con manuscritos e textos mecanografados”, conclúe.


Onde mercar
O formato de poxa, como a que se celebra este sábado, non é o máis habitual no noso país para bens como os que agora saen á venda. Segundo explica Cabano, “non hai poxas en Galicia, nin de libro galego nin de libro en xeral. Hai que mercar fóra, ou por Internet”. Canda a isto, si existen librarías de vello ou anticuarías que manteñen un fondo importante deste tipo de material, como pode ser Incunable na Coruña que “conta cun almacén espectacular, un dos maiores con libro galego”, lembra este bibliotecario. Destaca nese eido pola súa especialización a célebre Couceiro, de Santiago. Segundo explica Pablo Couceiro, un dos responsables do negocio, “temos documentos e libros pero normalmente os documentos son vendas para institucións. Nos libros antigos si que existe un cliente moi determinado”. Cabano pola súa parte destaca a revolución que supuxo Internet, que permitiu un acceso inmediato ao mercado global. “Comprobamos webs especializadas como Iberlibro ou Vialibri.net, e recibimos catálogos Internacionais”, apunta desde o CSBG. Ademais recoñece que “a escarvar en páxinas como eBay atopas cousas en ocasións”. Para alén da rede, recoñece que hai que contar tamén con librarías especializadas, a miúdo foráneas. “A libraría Renacimiento, de Sevilla, mercou os fondos de Eliseo Torres, libreiro galego en Nova York, que ten un material excepcional. tanto a Biblioteca de Galicia como a Universidade de Santiago foron adquirindo exemplares deste legado”, explica Cabano.

O perfil do coleccionista
Á hora de caracterizar o coleccionista galego tipo, Cabano sinala que “é bastante calado. Hainos que se especializan en primeiras edicións ou quen se centra nun tipo de libro que podemos chamar como `singular'”. Pola súa banda, Couceiro recoñece que os seus clientes, polo xeral “son un grupo moi determinado de coleccionistas”. Malia a que moitos dos mesmos son persoeiros públicos vencellados a importantes institucións da nosa cultura, desde a libraría apuntan que “os maiores coleccionistas son xente que non sae nos medios. Dentro da xente vencellada á cultura si que hai moitos que están interesados en conseguir primeiras edicións, por exemplo”. Canda a estes, Pablo Couceiro destaca que está a aparecer outro tipo de cliente, “hai xente que non coñece o libro antigo pero recorre a el para facer un agasallo especial. Por exemplo, un grupo de amigos poden reunirse para agasallar un libro de Cunqueiro ou unha edición especial de Rosalía”.

A situación do mercado
Malia a que a aparición de institucións interesadas por conseguir fondos bibliográficos antigos poden facer pensar que o mercado para os coleccionistas privados se reduciu, a verdade é que continúa vivo, e mesmo está a se producir nos últimos anos unha revalorización destes bens. “Existe unha demanda que moitas veces non podes corresponder. Ata hai uns anos a xente non lle daba aprezo a estes bens. Agora si comeza a valoralos e mesmo a pensar que ten cousas que son máis valiosas do que en realidade son”, explica Couceiro. Canda á esta revalorización entra en xogo a crise económica, que deu nun descenso das vendas deste tipo nos últimos tempos. “Houbo unha baixa tremenda na venda de libro antiguo galego de certo valor a particulares ao longo dos últimos dous ou tres anos”, recoñece. Desde María Fechoría, María Díaz apunta que esa situación fai máis interesante para os potenciais compradores o formato de poxa. “Agora mesmo, que o mercado de arte en xeral está moi parado, as poxas funcionan mellor do que a venda mediante galerías ou anticuarios. Os prezos de saída sempre son máis baixos, e polo que vemos ten bastante aceptación”. “É certo que agora hai un certo bache no mercado, pero existe demanda”, concorda Cabano.

O valor na casa
A xeralización do emprego de Internet neste mercado tivo curiosamente un certo efecto na alza dos prezos. Tal e como comenta María Díaz, non ten nada que ver o que se pode valorar un Sempre en Galiza en Nova York co que pode valer aquí, que sempre será moitísimo máis”. Concorda con ela Pablo Couceiro, quen apunta que “un mesmo libro deste tipo vai custar máis aquí do que en Sevilla, porque existe moita máis demanda”. Iso podería facernos pensar que será máis barato ir adquirir obras antigas galegas no exterior. No entanto, segundo Ignacio Cabano, “é certo que estes libros están moito máis valorados aquí, antes atopábanse auténticas gangas mercando fóra, pero coa rede os vendedores rapidamente se decatan do interese que pode espertar aquí ese material e os prezos suben. O mercado está globalizado”. Deste xeito, por exemplo, sinala que “todo o libro galego anterior ao XIX é complicado de conseguir, ten cotizacións moi altas pola súa rareza e porque en Galicia non quedou case nada. Nese sentido acada prezos superiores ao de material semellante noutras comunidades”. Como exemplo apunta a existencia dunhas bulas do Hospital de Santiago do século XVI dispoñibles nunha libraría catalá. “para nós é un material interesante, pero resulta caro de máis”.

A poxa
Nese sentido, este mesmo mes de novembro destaca na actualidade a poxa que se vai realizar este sábado 18 de decembro no restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe, en Poio. Un total de 106 pezas que inclúen libros, manuscritos, cartas, fotografías, serigrafías e outros bens relacionados co adiáspora galega. Na maior parte dos casos, as obras conteñen dedicatorias autógrafas dos autores. A conservación de semellante lote débese a unha emigrante en Arxentina que foi compilando este material ao longo da súa vida. Os organizadores deste evento recoñecen que moitos dos particulares que os contactan preguntan polo mecanismo concreto da actividade ou se cómpre un convite para acceder á sala. “Non cómpre ir a poxar, o que queremos é pasar unha tarde diferente e divertida, quen queira pode vir para ver estes libros e gravados en directo, vanse presentar un a un e ata certo punto é como se fose unha exposición”, explica Díaz. “A iniciativa está a ter moita aceptación e estamos a recibir moitas chamadas solicitando informacións, tanto de medios como de particulares e mesmo xa houbo varias institucións que se interesaron por estes fondos”, lembra Díaz. Segundo ela “estariamos encantados de que este material fose pra unha institución porque pensamos que ten moita importancia. O que acontece é que tampouco as institucións están para mercar moito nesta temporada. Gustaríanos que boa parte destes libros vaian xuntos, e se alguén pode mercar unha boa colección, pois moito mellor. Os prezos están postos tamén con idea de buscar que se hai xente q os merque xuntos, mellor”, completa.

O interese dos volumes
Precisamente por falarmos dun tipo de material que non é habitual neste tipo de vendas, establecer un prezo de partida para as pezas presenta unha dificultade engadida. “Temos varios asesores que nos axudan, e baseámonos moito en que algúns destes libros xa pasaron por poxas en Madrid ou en Barcelona, o que permite ver por onde van os prezos. Logo hai institucións que tamén teñen taxados os seus bens e serven de referencia”. Dentro da poxa, para alén de obras que posúen un interese recoñecido, “hai determinados libriños que teñen importancia para certos lugares. Por exemplo hai algunhas obras dos anos 20 editadas en Betanzos e entón un museo de alí pode estar interesado. O mesmo con obras da imprenta de La voz de Galicia”. Ignacio Cabano anuncia que “A Biblioteca de Galicia estará na poxa para aqueles exemplares que non teñamos e que estean en prezo de mercado. Moitos dos que se presentan xa están nas nosas coleccións ou nos doutras coleccións públicas e non queremos duplicar fondos”. Ademais recoñece que “iniciativas como esta son para aplaudir, ogallá xordan máis propostas semellantes”.