Celébrase en Santiago VII Coloquio Galego de Museos centrándose na función do museo ó servicio da sociedade

Se os museos falasen

... e falan. De identidade, de conservación, de normas e leis que os regulan. Todos os anos o Consello Galego de Museos organiza un coloquio para analizar a situación dos museos etnográficos, analizar os seus problemas e buscar solucións. Este ano o lema é “Museos: construíndo a comunidade”.

Antes de que se fose industrializando cada un dos diferentes ámbitos da vida cotiá nas comarcas, existían teares, arados e demais apeiros tradicionais que, aínda que hoxe enchen vitrinas de museos, antes eran parte da equipamento diaria. Na Limia (Ourense) hai un “Museo etnográfico” que recolle en seis salas un percorrido polo que foi o pasado recente da comarca. A recollida do liño, as segas e mesmo as formas peculiares que tiña a cociña, o leito coa súa moblaxe e co enxoval; unha radiografía do que foi a sociedade tradicional que se perde pouco a pouco. E para evitar que a memoria do que foi ata hai ben pouco están os museos que, lonxe de darlles a costas á sociedade viven a expensas dela. Hai museos etnográficos, etnolóxicos, provinciais, municipais, arqueolóxicos, históricos, e sobre todos eles se artella unha comunidade. E os 27 centros que forman o Consello Galego de Museos que desde hoxe se poden ver no Museo do Pobo Galego, nunha exposición que completa unhas xornadas que teñen como lema “Museos: construíndo a identidade”.



Museos en comunidade


Hai museos coma garavanzos, de diferentes tipos, identidades que albergan materiais tan diversos, como diversos son as afeccións e gustos do ser humano. As xornadas que se desenvolven no Museo do Pobo céntranse nun tipo de museos que son coma as árbores, que sentan as raíces na súa propia terra e que se nutren dela para florecer e medrar. Son ese tipo de museos que, segundo a lei de Patrimonio Cultural de Galicia (de 1995), teñen “interese relevante para a permanencia e identidade da cultura galega a través do tempo”.



A relación entre os museos e a comunidade non é algo nin estraño nin que suscite un diálogo por primeira vez. De feito, desde hai varios anos celébrase unha xuntanza na que os museos reflexionan sobre a súa propia identidade, a súa ideosincrase, e a súa propia natureza. Porque, segundo María Xosé Fernández, do Consello Galego de Museos, encargado de organizar estas xornadas, “non se pode entender o museo como un almacén no que se gardan obxectos senón que hai que darlle unha dimensión social“. Na edición do ano pasado, na que se discutiu sobre a conservación dos centros, deixouse a porta aberta ó tema que recollen agora que se centra en como ir creando unha comunidade. Naquelas conclusións estableceron que “lembrar que a existencia dun museo non pode ser concibida sen a recuperación dun patrimonio”, o que vén a dicir que museo e patrimonio cultural son dúas caras dunha mesma moeda.



Indicadores de cambio social


Para María Xosé Fernández “hai que reflexionar sobre o papel dos museos na sociedade; porque os museos fan un valor de posta en valor do patrimonio propio das comunidades nas que se insire ese patrimonio, como unha posta en común das identidades actuais”. Pero os museos cumpren algo máis que esa función de aglutinador do patrimonio cultural, dos bens inventariados ou catalogados, xa que pretenden de servir de proxección de futuro, participando nos diferentes niveis e tipos de desenvolvemento dunha sociedade. É dicir, é como recoller as sementes que unha comunidade produce, gardalas e volvelas a plantar na terra cando o cultivo se perde. E isto a grande escala, tanto no económico, como no social. María Xosé apunta un exemplo na participación económica en “museos como o do Río Arnois, que establecen na recuperación de curtiderías e dos muíños da zona que supuxeron un importante aporte no tecido económico”. E para falar de todo isto, estarán en Santiago durante tres días responsables das chamadas “novas tendencias de museoloxía” de diferentes países (Portugal, Francia...) que aportarán unha dimensión global a un fenómeno que se pode da por igual en toda europa e que afecta á comunidade.




Museos turísticos



E sen esa incardinación directa museo-comunidade e reflexo do cambio social, os museos non serían tal. Para María Xosé Fernández, cómpre diferenciar este tipo de formacións museísticas que serven para cambiar e mellorar unha sociedade atendendo á súa propia idiosincrasia de “iniciativas de tipo turístico, que non teñen un interese etnográfico e identitario”.



Porque ó abeiro deste tipo de institucións, existen unha serie de centros de interpretación, de pequenos centros etnolóxicos que non se dedican ó patrimonio artístico-cultural-etnográfico e social que é imprescindible nos museos. Para María Xosé “non é patrimonio en si mesmo”. Normalmente están orientados a aspectos moi concretos, enfocado cara o turismo, relacionado con experiencias de turismo rural, pero que non teñen unha incardinación directa co que é o obxecto dun museo. Un museo debe, en función do que determina a lei, estar ó servicio “promoción e desenvolvemento cultural da comunidade (... )sen ánimo de lucro”.


Informe "Museos e Centros de Arte Contemporánea".
Nun momento de imparable evolución da arte, o museo veuse na obriga de adaptarse ás súas novas esixencias. Esta evolución deu lugar á aparición dun novo espacio expositivo que puidera dar cabida ás novas expresións da arte na que teñen cabida o minimalismo, a arte conceptual ou as novas tecnoloxías. Xorde así o centro de arte contemporánea que agora se define e analiza neste informe Museos e Centros de Arte Contemporánea, publicado pola Sección de Artes Plásticas do Consello da Cultura Galega.