Patrimonio para cegos

Arousa Norte elabora un paquete turístico para amosar a herdanza cultural e ecolóxica do Barbanza aos invidentes

¿Como adaptar unha comarca galega para que poida ser vivida, comprendida e visitada por turistas con discapacidades visuais? A Mancomunidade de concellos de Arousa Norte está a elaborar un paquete turístico para discapacitados visuais que pretende amosar o patrimonio natural, histórico e gastronómico da comarca a estes novos potenciais clientes. Estivemos na experiencia piloto para contárvolo.

Coas mans, Leonor Muñoz percorre os sucos dunha antiga lauda romana do século II d.C., a Pedra de Rufino, custodiada no Centro Arqueolóxico do Barbanza. Cos dedos, descrifra os antigos caracteres tallados por un dedicante chamado Urso para o seu amigo Rufino, "fillo de Pintano, de nacemento libre". Leonor é invidente, pero guiada polas mans da monitora do centro, comprende os curiosos motivos astrais que gravaron na lauda como dedicatoria para o alén dos vivos aos mortos. Non sabe epigrafía romana, pero os seus dedos identifican as letras que un escultor de hai dous mil anos grabou no granito do Barbanza.

Leonor é unha das participantes da experiencia piloto que a Mancomunidade de concellos de Arousa Norte (que comprenden os municipios do sur da comarca do Barbanza: Rianxo, Boiro, Pobra do Caramiñal e Ribeira) realizou a pasada semana para probar un paquete experimental de turismo para invidentes, baseado nos atractivos da comarca. Desde experiencias gustativas, como probar os menús degustación dos restaurantes adscritos da comarca, ata probas sensoriais máis adaptadas ao contexto dos invidentes. O paquete contempla a inmersión nas augas da ría de Arousa para facer bautismos de buceo (substituídas na experiencia piloto por un espazo algo máis cálido, a piscina municipal de Boiro), o Roteiro do Mexilón, que supón levar aos visitantes ao medio da Ría de Arousa para coñecer os proceso de cultivo e extracción do mexilón. Debido ao temporal, a pequena expedición non puido embarcar, e a visita desprazouse ao Museo do Mar de Rianxo, ubicado nas proximidades da capeliña da Guadalupe. Leonor apreciou as texturas, os volumes e as formas das embarcacións tradicionais, as teas, os panos, as mallas e as nasas.

Unha das experiencias máis interesantes desde o punto de vista da valorización do patrimonio foi a visita ao Centro de Interpretación dos Castros de Neixón (Boiro), onde grazas á responsable do centro, os invidentes interpretan o espazo que percorren. A guía colle a man dos cegos e con ela constrúe, imaxinariamente, a Península da Barbanza; cos dedos, traza o itinerario da serra que a percorre e os chans de alta montaña nos que se dá unha das maiores concentracións de megalitos de toda Europa. Nas curvas das palmas, no dedo gordo, Pitusa representa o Neixón, e a ubicación dos dous castros da área arqueolóxica.

Os visitantes collen despois, coas súas propias mans, as ostras, mesmo algunha especie xa extinta, consumidas polos habitantes dos castros, aprecian a decoración da cerámica castrexa en comparación coa do mundo romano ou, nun dos momentos máis emocionantes, len coas súas mans a propia inscrición da estela de Rufino atopada nas proximidades de Neixón, en Taragoña (Rianxo).

A Mancomunidade avaliará os resultados da experiencia piloto antes de comercializar o paquete turístico. Non será a primeira vez que Arousa Norte experimente con novas formas de pra Pero a viaxe demostrou que os territorios e o patrimonio son moito máis que vista.