Turismo de interior

Escolmamos as propostas máis interesantes que se poden facer nesta ponte en Galicia

Vista de Looks, a exposición de Manuel Outumuro no Auditorio de Galicia
Vista de Looks, a exposición de Manuel Outumuro no Auditorio de Galicia
Non é necesario ir a Florencia, á Galería dos Uffici ou a Galería della Academia, para ver un Miguel Ángel ou Tiziano. Ou ao Rijksmuseum en Amsterdam para ver un Van Dyck. A oferta cultural galega para esta ponte inclúe estes nomes de artistas de primeiro nivel nas diferentes propostas expositivas. Teatro, música e fotografía de alto nivel son opcións para desenvolver sen saír de Galicia.

Tiziano, Miguel Ángel, Van Dyck, Caravaggio, Rubens.. son algúns dos artistas cuxas obras compoñen a exposición “Grandes Maestros” que a pinacoteca privada da familia Zanchi trae Caixanova á súa sede da praza Cervantes. A incredulidade de Tomás, o lenzo de Caravaggio que ilustra o barroco italiano; a escultura Ecce Homo de Tiziano; o bronce “Atropos”, do polifacético Miguel Ángel (única peza deste material que se coñece do artista italiano e que está acompañada dos debuxos preparatorios); dous lenzos de Van Dyck e outras dúas obras do artista británico Turner compoñen algúns das cuarenta obras que se poderán ver ata o 16 de xaneiro na sede compostelá. Unhas rúas máis abaixo, na do Vilar onde está a sede de Caixa Galicia (as dúas caixas galegas xa unificadas) destacan tamén unha manchea de figuras de primeiro nivel. Un impresionante Botero saúda desde a rúa a unha colección que chega do froito da colaboración coa Fundación Aena. Tempo de aeroportos que inclúe figuras coma Broto, Gordillo, Guinovart, Antón Lamazares o Tàpies; de escultores como Manolo Paz, Botero o Agustín Ibarrola; de fotógrafos como Chema Alvargonzález o Maider López e ata unha serigrafía sobre cobre de Cristina Iglesias.

É este final de ano un bo momento para os amantes da fotografía. E o foco está en Vigo e en Santiago. En Vigo, da man do MARCO pódese visitar unha interesante e novidosa exposición sobre Virxilio Vieitez. O fotógrafo de Soutelo de Montes conservaba un inxente arquivo sobre o que se puido facer unha investigación a fondo que serve para, a través de rostros de persoas, compoñen o retrato dun pobo. A exposición conclúe coas primeiras fotografías en cor de Vieitez, que marcan o avance dunha época na cal a innovación tecnolóxica coincide con cambios políticos e sociais que desencaixan e forzan tamén a linguaxe fotográfica. De Vigo saltamos a Santiago onde tanto a imaxe se escribe con nome de muller. Dunha banda, está Cándida Hoffer, a fotógrafa alemana do espazo público que tanto exhibe tanto en San Martín Pinario como na Cidade da Cultura, na que ofrece visións case pictóricas das principais bibliotecas e arquivos de Galicia e do Camiño de Santiago. Da outra banda está Cristina García Rodero, premio Nacional de Fotografía e primeira española en ingresar na Axencia Magnum, que peneira no seu arquivo para presentar unha selección de 117 fotografías de tres décadas de viaxes a Galicia. Unha exposición que se pode visitar no CGAC ata o 13 de febreiro e na que se descubrirá un país iconográfico que se debate entre a relixiosidade e a festividade retratada en branco e negro. Por completar este itinerario fotográfico, o Auditorio de Galicia mantén ata o 12 de decembro a exposición que repensa a traxectoria profesional e artística do fotógrafo ourensán Manuel Outumuro.
Son máis de 200 imaxes capturadas polo que é considerado un dos fotógrafos máis prestixiosos do noso país; pioneiro e referente no campo da fotografía de moda.


Este repaso remata coa Galería José Lorenzo en Santiago, que ofrece unha magnífica ocasión para ver unha antolóxica (32 obras entre óleos, debuxos, acuarelas, augadas…) dun dos mellores paisaxistas do Romantismo ibérico, o ferrolán Jenaro Pérez Villaamil (1807-1854).

Oportunidades únicas e concertos clásicos
As citas coa música clásica comezan esta noite, co programa de abono da Real Filharmonía de Galicia que leva a escena a ópera “A voz humana”, de Poulenc, coa soprano Marisol Montalvo e na que Ana Vallés, de Matarile Teatro, se estrea como directora de escena. Neste mesmo programa interpretarase o Concerto para violín de Octavio Vázquez (un encargo do Xacobeo Classics 2010), unha estrea absoluta desta que mereceu o premio no IV Concurso Internacional de Composición Prokofiev de San Petersburgo.

A outra gran cita para esta ponte terá lugar o sábado na Coruña, onde a Orquestra Sinfónica de Galicia presenta un concerto imprescindible para os amantes de Beethoven. Con Víctor Pablo como director e con Paul Lewis ao piano, presétanse tres obras de piano e orquestra que conforman un corpus de obras mestras de actual vixencia e valor incuestionables que serviron no seu momento para confirmar o talento creativo dun novísimo Beethoven. (Pazo de Congresos, sábado 4 ás 20:30 horas).


As escénicas, máis artes ca nunca
Alén das propostas foráneas, o teatro galego ten tres citas imprescindibles esta ponte. Unha delas é a segunda parte de Citizen, a triloxía teatral coa que Chévere debuxa un retrato da transición inspirado no filme de Orson Welles a través da traxectoria dun dos empresarios galegos máis influíntes do momento (Sala Nasa, ata o 12 de decembro). A segunda entrega suporá ademais unha aproximación ás artes do movimento como recurso expresivo para o teatro. Para os que non viran a primeira parte (cada entrega é autónoma e pódese comprender sen ter que ver as outras) terán unha repesca o vindeiro mércores 8 de decembro.

O Salón Teatro de Santiago acollerá ata o vindeiro día 19 de decembro a primeira aposta do Centro Dramático Galego con Blanca Cendán como directora. Para o seu debú, encargou a Carlos Santiago unha adaptación contemporánea de Salomé, o clásico de Oscar Wilde que protagonizan María Mera (no papel de Salomé) e Pepe Benabade (como Herodes Antipas).

A terceira cita imprescindible das artes escénicas galegas é Un cránio furado, a última aposta dirixida por Quico Cadaval. Unha historia irlandesa, dun autor irlandés (Martin McDonagh), ambientada nese país pero que poderia ser, perfectamente, unha historia galega. Un enterrador ten que trasladar os restos da súa esposa aos sete anos da súa morte, ante a mirada expectante dos veciños. Precisamente porque eles pensan que o enterrador estivo implicado no seu falecemento. No medio, un policía local con ansias de progresar inicia unha particular investigación. Avelino González traduce (que non adapta) ao galego esta historia que conta coa colaboración de Dorotea Bárcena e de Santi Romay que se unen ao dúo formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. (Teatro Principal de Santiago, 7 e 8 de decembro).

Audiovisual
A resaca de Cineuropa en Santiago deixa paso ás carteleiras comerciais nas que se poderán ver varios títulos galegos. 18 comidas, a película de Jorge Coira que está a colleitar críticas moi positivas. Protagonizada por Luis Tosar, Esperanza Pedreño e unha nómina de actores moi coñecidos do panorama galego e estatal. Mantense nas carteleiras The Way a película dirixida por Emilio Estévez e protagonizada por Martin Sheen que tivo unha achega económica do Xacobeo polo que supón de promoción do Camiño de Santiago.