Francisco Fernández del Riego

Perfil biográfico do histórico galeguista

O 7 de xaneiro de 1913, Vilanova de Lourenzá viu nacer a Francisco Fernández del Riego. Na súa familia foi o primoxénito de doce irmáns. E en Galicia foi tamén, se non o primoxénito, si un deses irmáns máis vellos que marcan o camiño a seguir polos máis novos. A traxectoria vital de Paco del Riego, como lle gustaba que lle chamasen, foi sempre de dedicación plena a Galicia. Aprendeu dos antecesores o que despois lles ensinou aos novos, favorecendo unha continuidade xeracional necesaria para que a cultura galega sobrevivise aos duros anos do franquismo.

A descuberta de Galicia
Resulta cando menos curioso que Paco del Riego tivese que ir a Madrid para descubrir o galeguismo, pero así foi. No 1930, xa rematado o bacharelato en Monforte de Lemos, marchou para alá estudar Dereito. E coñeceu un compañeiro de curso que lle puxo nas mans a Teoría do nacionalismo galego de Vicente Risco. “Este breve texto supuxo para min unha auténtica revelación e determinou o meu compromiso coa ideoloxía galeguista. Ese día nacín ó galeguismo”. Só un ano máis tarde, coincidindo co comezo da II República, Paco del Riego trasladouse para Compostela con toda a súa familia.
Viviu a esperanzadora época republicana en que Santiago era unha fervedoiro de ideas políticas e de reivindicacións estudantís. E Fernández del Riego atopou o seu lugar no grupo galeguista. O seu propósito era, ao primeiro, galeguizar os estudos e a vida académica dentro da universidade. Para iso entrou en contacto cos membros do Seminario de Estudos Galegos, aínda que sen deixar as carreiras de Dereito nin de Filosofía e Letras. Pero as súas aspiracións axiña irían máis alá: incorporouse ao Partido Galeguista non ben se fundou; militou en organizacións culturais; integrouse nas Mocidades Galeguistas; participou na constitución de Galeuzca... e salientable foi o traballo que fixo a prol do primeiro Estatuto de autonomía para Galicia xunto con Alexandre Bóveda e Castelao. Paralelamente, a vocación literaria do rapaz Paco del Riego tomou forma xornalística. Nos seus escritos deixaba entrever unha forte influencia dos seus ideais políticos, ata o punto de constituíren unha das manifestacións máis intensas do pensamento galeguista daqueles anos.

Actos contra conciencia
Xa entrado o mes de xullo do 36, só uns días despois do plebiscito polo Estatuto, Paco del Riego era delegado do Partido Galeguista na Frente Popular de Santiago. Era tamén un dos novos valores de Galicia cun futuro prometedor na docencia do Dereito, na vida cultural e na política. Mais todas as expectativas do futuro ficaron tronzadas pola Guerra; unha guerra en que Francisco Fernández tivo que participar, actuando contra a súa conciencia, nun intento de salvar a vida. Ríos Panisse lembra que “Paco del Riego foi perseguido dende os días iniciais da revolta militar. Primeiro tivo que agocharse e asistir impotente á morte de moitos dos seus amigos. (...) Logo, para pasar inadvertido e poder sobrevivir, tivo que incorporarse a filas, ir á guerra”. Malia verse obrigado a “facer cousas... en fin, tristes e deplorables que me rebaixan e me humillan”, ten dito, conservou a esperanza de que a Guerra rematase co triunfo da República, o que significaba para el e para Galicia a posibilidade da Autonomía pola que tanto loitara. A guerra rematou do outro xeito. Pero cando menos o meterse na boca do lobo, no exército franquista, permitiulle a Paco subsistir e iniciar unha nova vida de loita por Galicia. Unha vida en que tivo que ir superando atrancos.

Galicia baixo o réxime
Os primeiros atrancos atopounos ao regresar a Compostela no 39. Sobre el pesaba a prohibición de ensinar na universidade e unha inminente hostilidade con que era visto polo franquismo triunfante.
En Vigo, onde se instalou definitivamente, viuse obrigado a traballar case clandestinamente en escolas privadas e a obviar o seu segundo apelido para non ser recoñecido. Pero estas trabas non lle impediron, porén, retomar o guieiro do novo galeguismo. Primeiro, intentando refacer o Partido Galeguista, o que o levou ao cárcere máis dunha vez. E despois, planificando unha estratexia cultural que acabaría dando como principal froito a aparición da editorial Galaxia no ano 1950.
Paco del Riego sempre foi rotundo en canto á polémica pola desaparición do PG: “Ninguén disolveu o Partido Galeguista. Esmoreceu e desapareceu porque moita xente recuou e se amosou descomprometida (...). Ninguén o desfixo para substituílo pola actividade cultural”. Pero o certo é que cando o partido deixou de ter actividade, o papel de concienciar sobre o que debía ser Galicia, a súa cultura, a súa lingua e o seu futuro quedou en mans da editorial Galaxia. Xaime Isla Costa, Ramón Piñeiro e Paco Fernández del Riego foron os iniciadores, os primoxénitos deste proxecto cultural, no que cada un desempeñou a súa función. A de Del Riego radicou, por unha banda, en recuperar para a causa galega antigos galeguistas sobreviventes da Guerra; e pola outra, en incorporar novos escritores. O conxunto de literatos que produciron cultura galega arredor da editorial deron en chamarse a Xeración Galaxia. Foron os responsables de manter a continuidade dos ideais da anterior xeración Nós e serviron de ponte entre os escritores anteriores e os novos.

A diáspora
Ao mesmo tempo que participaba na política dende a clandestinidade en Galicia, Paco del Riego colaborou activamente, a partir dos anos 40, co esforzo político e cultural que figuras como Seoane e Castelao guiaban en Bos Aires. Sen dúbida, a batalla do exilio non sería posible sen a axuda tan eficaz que dende “a Galicia amordazada” forneceron persoas coma Paco del Riego.
En resumo, foi un elemento unificador, un punto de contacto entre as xeracións máis vellas e máis novas (que non coñecían a cultura galega), e entre os galeguistas que estaban no país e os que vivían no exilio.

A tríade do 63
A vida cultural do país experimentou no ano 1963 tres grandes acontecementos relevantes, todos tres promovidos polo, outra vez, primoxénito Paco del Riego. Foi el un dos que propuxo a realización do Día das Letras Galegas; foi el quen asumiu a dirección da Fundación Penzol dende os seus comezos; e foi el tamén un dos fundadores da revista Grial, que serviu de espello da época arrincada de mediados de século. Para alén de todo isto está, segundo Ríos Panisse, “o traballo persoal, calado de Del Riego, que se materializa en relacións intelectuais con persoeiros da cultura mundial interesantes para a causa galeguista, en publicacións en xornais e libros (...) moitas veces utilizando o pseudónimo de Salvador de Lorenzana para evitar ser perseguido”. A súa enerxía inesgotable xunto coa fonda convicción de que Galicia só podería progresar con forzas políticas propias levárono, de alí a un ano, a converterse nun dos fundadores do Partido Socialista Galego.

Tempos novos
A chegada da democracia non variou os hábitos deste laurentino. Seguiu traballando en Galaxia e en Grial, deu conferencias, escribiu en xornais, seguiu publicando libros, interveu politicamente en partidos... ata o ano 78. Nese ano retirouse da política militante, mais non por iso deixou de sentirse comprometido co galeguismo nin desaproveitou ocasión de afirmar expresamente ese seu compromiso.
E así é como, dúas décadas máis tarde, asumiu o cargo de presidente da Real Academia Galega (RAG), da que xa era membro numerario dende o ano 60. Paco del Riego colleu unha RAG que precisaba integrarse urxentemente na modernidade. E cando decidiu abandonar o seu cargo, no 2001, deixou rematada a tan necesaria reforma dos estatutos, deixou unha morea de propostas para caracterizar a Academia con algunha actividade representativa e, en definitiva, deixou tras del o que ata daquela foi o período máis aberto da institución. O seu sucesor no cargo, Barreiro Fernández, dixo que “Del Riego salvou a Academia, prestixiouna, organizouna e deulle tal pulo que os que agora seguimos só podemos continuar a súa inercia e o seu consello”.

Por tantos labores propios dun primoxénito, dun “espello en que se mirar”, dun inesgotable loitador que sempre se mantivo fiel aos seus ideais, a súa foi unha vida plena que recibiu algunhas compensacións. Aos varios premios culturais, ao título de Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, á creación da Biblioteca e Museo Francisco Fernández del Riego no ano 95, uniuse a maior distinción que outorga o Goberno galego: en 2002 Paco subiu ao podio coa Medalla de Ouro de Galicia.

Nos últimos anos, Del Riego deixara a actividade pública, cedendo en xaneiro de 2010 a presidencia da Fundación Penzol. Ata poucos meses antes do seu falecemento en novembro de 2010 mantivo as súas colaboracións xornalísticas, con artigos que escribira previamente. A morte sorprendeuno en Vigo aos 97 anos.

CARGOS
-Codirector da revista Grial
-Membro do Padronado do Museo Carlos Maside de Arte Galega
-Membro do Padronado da Casa Museo Ramón Otero Pedrayo
-Membro da Asociación Internacional de Críticos Literarios
-Membro da RAG, e presidente do ano 1998 ao 2001
-Director da Biblioteca Penzol


GALARDÓNS / DISTINCIÓNS / RECOÑECEMENTOS / PREMIOS
Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo
Distinción de Galego Egrexio pola Fundación dos Premios da Crítica
Premio Trasalba
Pedrón de Ouro
Medalla de Ouro da Cidade de Vigo
Medalla Castelao
Premio Celanova Casa dos Poetas
Premio de Creación Cultural da Xunta de Galicia
Medalla de Ouro de Galicia
Premio Voces de Liberdade do PEN Clube de Galicia
Premio Blanco Torres de xornalismo
Premio Laxeiro

OBRAS
Ao longo da súa actividade literaria utilizou pseudónimos:
Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio, Adrián Soutelo.

COLABORACIÓNS XORNALÍSTICAS:
En xornais:
El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, Heraldo de Galicia, La Noche, Faro de Vigo
En revistas:
Nós, Alento, Vida Gallega, Galicia Emigrante, Galicia (do Centro Gallego de Buenos Aires), Vieiros, A Trabe de Ouro, Grial, Galicia desde Londres, Fouce, Lar, Castrelos, Ronsel, Nordés, Raigame, Alba, Dorna...

LIBROS
Escribiu máis de trinta obras de narrativa e ensaio:
-Índice cultural e artístico do renacimento galego, 1933
-Presencia de Galicia nos vieiros do arte novo, 1934
-Cos ollos do noso esprito: ensaios breves, 1949
-Danzas populares galegas, 1950
-Historia da literatura galega, 1951
-Galicia no espello, 1954
-Escolma de poesía galega. Os contemporáneos, 1955
-Escolma de poesía galega. O século XIX, 1957
-Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores (discurso de ingreso na Real Academia Galega), 1960.
-Historia da literatura galega, 1971
-Poesía galega. Do dezanove aos continuadores, 1976
-Galicia y nuestro tiempo, 1974
-Letras do noso tempo, 1974
-Antolín Faraldo, un precursor, 1978
-Vocabulario castellano-gallego, 1979
-Poesía galega: do posmodernismo aos novos, 1980
-Pensamento galeguista do século XX, 1983
-Ánxel Casal e o libro galego, 1983
-As peregrinacións xacobeas, 1983
-Escritores do Portugal e do Brasil, 1984
-O señor da casa grande de Cima de Vila, 1988
-O río do tempo (memorias), 1991
-Blanco Amor, emigrante e autodidacta, a súa vida literaria, 1992
-Con Pondal en Bergantiños
-Diccionario de escritores en lingua galega, 1990
-Álvaro Cunqueiro e o seu mundo, 1990
-Álvaro Cunqueiro, unha fotobiografía: 1911-1981, 1991
-O camiño de Santiago, 1992
-Mondoñedo, 1992
-O cego de Pumardeón, 1992
-Galicia, 1994
-A xeración Galaxia, 1996
-Antolín Faraldo, o gran soñador, 1998
-Camiño andado (memorias), 2003
-As peregrinacións xacobeas, 2003
-Lourenzá, 2004
-Palabras a eito, 2005
-Álvaro Cunqueiro, 2007

Declaracións extraídas de:

-AA.VV.: Rolda de amigos derredor de Francisco Fernández del Riego. Galicia 1993, Ediciós do Castro, Sada (A Coruña), 1993.
-Carballa, Xan: “O medo que pasamos non se pode crer”, Cadernos A Nosa Terra de Pensamento e Cultura, n.º 18.
-Lama López, María Jesús: “Entrevista con don Francisco Fernández del Riego”, Galicien Magazin.
-P. Ría, Manuel: “Memoria dos nosos”, Galicia Internacional, nº.12.