Os ghits de Nós

A revista dirixida por Vicente Risco deixou algúns dos textos máis influíntes da nosa cultura

O 30 de outubro de 1920 iniciaba a súa andaina en Ourense, unha publicación que marcou o devir da nosa cultura ao longo do século XX. A revista Nós, impulsada e dirixida por Vicente Risco, foi unha tentativa por crear unha revista de referencia monolingüe con contidos de calidade. A lingua, a literatura, a historia ou as vangardas artísticas atoparon o seu espazo nas páxinas dunha publicación que viu truncada a súa carreira co alzamento fascista de 1936. Amosámosche os grandes éxitos que Nós lle legou á nosa cultura.

Este ano fanse 90 anos do nacemento de Nós. A celebrar a efeméride, o pasado 30 de outubro, Ourense acollía unha xuntanza plenaria da Real Academia Galega. Ademais, a Deputación declarou que o 30 de outubro será a partir deste ano “Día de Nós, A Nación-Cultura Galega” , mentres o Concello publicou, en colaboración coa Editorial Galaxia, un facsímile do primeiro número da publicación, ademais de facer a súa propia declaración institucional. Pola súa banda, as fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Penzol e Isla Couto fixeron público un manifesto no que recoñecena importancia desta publicación e se afirman nos valores que desenvolveron os membros daquela xeración. A coincidir con este evento, Henrique Monteagudo, membro da Real Academia Galega, selecciona para nós algúns dos fitos que marcaron a nosa cultura desde as páxinas desta histórica publicación.

Encol da prosa galega de Antón Losada Diéguez (15 de xaneiro de 1930)
“Trátase dun texto programático para o desenvolvemento do galego na narración e no ensaio na nosa lingua”, lembra Monteagudo. A proposta naceu orixinalmente como unha conferencia para o Seminario de Estudos Galegos. “Naquel momento tiñan a conciencia de que para facer do galego un idioma nacional non abondaba coa poesía ou co teatro e a prosa costumista, algo que xa viña en certa medida de Vilar Ponte coas Irmandades da Fala. Losada di que cómpre cultivar a prosa culta e mais o ensaio, e para iso marca unha liñas para o desenvolvemento do galego culto na prosa. Aposta por unha orientación claramente autonomista para a nosa lingua e chama a desenvolvela a partir do patrimonio oral ou dialectal, dos recursos internos do galego. Esta aposta foi ata certo punto programática para o traballo posterior neste campo de Otero Pedrayo ou de Risco, e marcou bastante a pauta”. Como nos nosos días, a proposta xerou tamén amplos debates. “Por exemplo Viqueira mesmo era máis reintegracionista neste sentido, e nin o propio Vilar ponte coincidía totalmente con esta idea, pero Losada marcou bastante o sentir xeral da Xeración Nós neste terreo”.


Dedalus en Compostela :(pseudoparáfrase) de Vicente Risco (25 de xullo de 1929) e Fragmentos de Ulises de Joyce, traducido por Otero Pedrayo (15 de agosto de 1926)
O primeiro destes textos trátase dunha paráfrase a partir do Ulysses de James Joyce. Risco colle o personaxe de Stephen Daédalus e sitúao a dar un paseo en Compostela, empregando recursos literarios vangardistas semellantes aos da obra do autor irlandés. Pola súa banda, a coñecida tradución que fixo Pedrayo de fragmentos da mesma obra de Joyce supuxo a primeira versión da mesma nunha lingua peninsular, mesmo previa ao castelán ou ao portugués. Segundo Monteagudo, “os dous textos son moi representativos do carácter que buscaba a revista como vangarda estética e cultural. Nese sentido”, lembra este filólogo, “son un exemplo de como Nós non pretendía ser unha revista de divulgación. Para a comunicación máis de masas estaba A Nosa Terra que levaba a Irmandade da Fala da Coruña. Era unha publicación máis política que buscaba ampliar o público lector en galego e conectar coas bases nacionalistas. Fronte a iso, Nós quería ser unha publicación de prestixio, que realmente podía ter un impacto limitado”.

O Castro "a cibdade" en San Ciprián de Las, Florentino Cuevillas (20 de abril de 1922)
“Na revista hai artigos aos que ao mellor hoxe non se lles dá moita importancia pero que na mentalidade daquel momento si que a tiña. Hai toda unha faceta de traballos de arqueoloxía, prehistoria ou heráldica cos que se buscaba unha fundamentación étnica para a identidade galega”, explica Monteagudo. “Aí hai algúns artigos de Cuevillas que son un bo exemplo neste sentido, son traballos mesmo de tipo técnico que, aínda que existía a publicación do Seminario de Estudos Galegos, Arquivos, tamén tiñan cabida en Nós, tiñan ese interese por estes temas.

Capa de Nós, Castelao (20 de abril de 1922)
É coñecido o importante labor que desempeñou Castelao á hora de fixar, desde un comezo, o deseño da publicación. A través das súas páxinas podemos contemplar as tentativas do galeguista por crear unha estética galega moderna e vencelladas ás raíces populares e históricas do país. “Un exemplo disto é a famosa cuberta que realizou para a revista, que resulta moi representativa da época e ademais amosa os avances que se deron na edición galega naquel momento”.

A tola do monte, Castelao (30 de novembro de 1920)
“Aínda que non publicou moitos textos na revista, xa o 30 de novembro do 1920 víu a luz A tola do monte un relato que faría parte despois das Cousas deste autor, é un texto moi representativo”.
Encol da prosa galega. Antón Losada Diéguez.
Dédalus en Compostela. Vicente Risco.
Fragmentos de Ulises. James Joyce, traducido por Otero Pedrayo.
O Castro "a cibdade" en San Ciprián de Las. Florentino Cuevillas.
Capa de Nós. Castelao.
A tola do monte. Castelao..