Citas na carteleira

Chega ás salas de cine 18 comidas, o último filme de Jorge Coira protagonizado por Luis Tosar

Dúas citas cinematográficas con arrecendo galego para as salas de cinema esta fin de semana. Dunha banda, 18 comidas a película de Jorge Coira que conta, con espontaneidade e naturalidade (rodáronse 90 horas para unha película de 90 minutos de duración) historias que acontecen arredor das comidas de seis días. Unha película coral, rodada en galego pero tamén en castelán (respétase a lingua dos diferentes actores) protagonizada por nomes moi coñecidos como Luis Tosar, Esperanza Pedreño, Pedro Alonso entre moitos outros. O filme chega a carteleira con numerosos premios (Festival Taormina, premio especial do xurado e de público do Festival de Ourense) e boas críticas. Da outra, tamén con participación galega (a Xunta investiu 700.000 euros) chega The Way que conta un drama familar co Camiño de Santiago como telón de fondo. O filme está dirixido por Emilio Estévez e protagonizada por Martin Sheen.