Varrendo límites

O MARCO cumpre oito anos cunha traxectoria consolidada e coherente

Imaxe de
Imaxe de "7+1Project Rooms"
Son só oito anos pero neste tempo o Museo de Arte Contemporánea viguesa, o MARCO, conseguiu superar moitas das eivas que tiña “a priori” por ser un centro de carácter municipal e por estar moi próximo fisicamente a dous polos máis coñecidos como son o CGAC e Museo Serralves. Conseguiu implicar a institucións públicas e privadas, abrirse ao gran público e, sobre todo, traer artistas de primeiro nivel. Santiago Sierra (famoso estes días por ter rexeitado o Premio Nacional), Ángela de la Cruz (finalista ao prestixioso premio Turner) son algúns dos nomes que pasaron por este pequeno centro que aspira a ser grande.

“O balance é moi positivo porque se conseguiron levar adiante proxectos moi complicados que nos reverteron certo prestixio internacional” aseguraba Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO cando lle pedimos que valore esta pequena traxectoria do Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Na súa opinión “fixéronse ben as cousas desde o principio, desde a rehabilitación do edificio, acorde co tamaño da cidade, un equipo profesional que soubo traballar na constitución dunha fundación para que a carga non fóra tan grande e conseguir implicar financeiramente a máis entidades”. Iñaki capitanea este centro desde o ano 2005, cando un concurso de méritos resolveu no seu favor a dirección. Daquela afirmou que o seu proxecto de traballo sería o apoio e promoción de artistas galegos emerxentes e a consideración do museo como motor cultural da cidade. Naquel entón tamén albiscou que había que potenciar as relacións con outros centros. E fíxoo. Cinco anos despois, o MARCO ten no seu haber unha serie de coproducións con centros de todos os tipos (Artium de Victoria, Fundação Calouste Gulbenkian, Museum Morsbroich de Leverkusen, Koldo Mitxelena Kulturunea de San Sebastián … e fixo da colaboración unha razón de ser nestes tempos de crise económica). “Temos a eiva do financiamento privado porque aínda non conseguimos convencer ao mundo da empresa para que participen. Non está desenvolto o suficientemente con máis iniciativas fiscais e que as empresas vexan rendibilidade nestes apoios” engade. A maior parte das colaboracións privadas viñeron máis pola cesión de material que economicamente, pero “danse pequenos pasos”. Canda isto, o realmente destacado é que nestes oito anos, o MARCO xa ten os seus pequenos fitos.

Nomes que converten unha historia
Un deses fitos foi Urbanitas (20 xaneiro 2006 - 7 maio 2006). Primeiro porque marcou un cambio de ritmo, no que Iñaki Martínez antelo se estreaba como director e segundo porque lle permitiu a artistas e novos creadores galegos ter a súa primeira exposición. Graffitis, intervencións urbanas, fotografía, vídeo, escultura, instalacións plásticas e sonoras, pintura… multiciplicadade de xéneros e sorportes para unha xeración de artistas que naceron despois de 1970. Nano 4814 Álvaro Negro, Chiu Longina ou Mónica Alonso son algúns dos nomes da trintena de artistas que participaron nesta exposición. De feito, esta última artista, a lucense Mónica Alonso lembra que que “foi a iniciativa máis cativa do museo, a do espazo anexo, a que deu a posibilidade de expoñer a moitos artistas novos e emerxentes”. Posiblemente o espazo Anexo foi o lugar no que o MARCO desenvolveu os seus proxectos máis destacados e coñecidos a nivel internacional. Mónica Alonso lembra tamén ter visto neste espazo “a primeira retrospectiva en España de Ángela de La Cruz”. Hoxe, de la Cruz (A Coruña, 1955) é moi coñecida en España por ser finalista dos prestixiosos premios Turner, que concede a Tate Britain e que cuxo veredicto se dará a coñecer o vindeiro 6 de decembro. Foi no verán de 2004 (2 xullo 2004 - 26 setembro 2004) cando o espazo Anexo acolleu dúas pezas desta artista nada na Coruña (Larger than Life, Máis grande que a vida, e Stuck, Incrustado) que falaban do espazo e dos seus límites en sentido real e figurado.

A artista Mónica Alonso asegura que “gocei das exposicións colectivas, con múltiples temáticas con obras concretas de artistas que me interesan, pero sobre todas da primeira retrospectiva dun artista galego nun museo, a de Jorge Barbi, creo que este tipo de proxectos é moi importante para a arte galega que nunca se deben esquecer”. A exposición de Jorge Barbi, xunto coa de Santiago Sierra no ano 2009 marcaron unha nova liña do museo, a de dar cabida a exposicións individuais. Unha mostra que se basea na idea do percorrido, do paseo e da observación cotiá da natureza que constituiu en si mesmo un pequeno fito. Barbi é un dos creadores máis destacados do panorama artístico actual. Principalmente pola súa independencia das regras do mercado cunha actitude sobre a introspección poética e conceptual que lle valeu o recoñecemento de público e crítica. A mostra serviu para apreciar a súa idea de percorrido, de paseo, e da observación cotiá da natureza e as súas mutacións, como un extenso arquivo que o artista foi construíndo ao longo do tempo. Fotografías realizadas nos últimos anos, xunto con novas producións creadas especificamente para esta mostra, intentando establecer novas lecturas do seu traballo.

Nesta pequena historia do MARCO non debe falta 7+1 Project Rooms, o proxecto comisariado por Gerardo Mosquera no que se lle deu a oportunidade a un conxunto de artistas para reflexionar de xeito individual sobre temas sociais: política, poder, violencia, xénero, medio urbano… un conxunto de presentacións cun marcado espírito crítico sobre a sociedade actual. Mónica Bonvicini, Tania Bruguera, Kendell Geers, Thomas Hirschhorn, Teresa Margolles, Jorge Perianes e Fernando Sánchez Castillo son os nomes que configuraron este proxecto.

“Penso que tivo unha laboura moi importante na exosición de arte e cultura. Un museo de arte contemporánea moi necesario na liña Compostela, Vigo e Porto” sintentiza Mónica Alonso. Agora, para o futuro só “nos queda conseguir o que cada vez é máis difícil: sacar adiante a programación que temos prevista” asegura o seu director.

8 anos +12 mostras = 1 traxectoria

8 anos +12 mostras = 1 traxectoria

16 outubro 2009 - 14 febreiro 2010: Jorge Barbi.41º 52’ 59” latitude N/8º 51’ 12” lonxitude

Puntos de Encontro III Carlos Bunga

Puntos de Encontro III Carlos Bunga

3 xullo 2009 - 18 outubro 2009

Puntos de encontro II Manuel Eirís

Puntos de encontro II Manuel Eirís

17 abril 2009 - 21 xuño 2009

Pedro Barateiro

Pedro Barateiro

30 xaneiro 2009 - 5 abril 2009

O medio é o museo

O medio é o museo

20 xuño 2008 - 21 setembro 2008

Tempo ao tempo / Taking time. Cinco anos do MARCO

Tempo ao tempo / Taking time. Cinco anos do MARCO

19 outubro 2007 - 17 febreiro 2008

A mostra invisible

A mostra invisible

20 outubro 2006 - 21 xaneiro 2007

Chikaku. Tempo e memoria en Xapón. Arte xaponesa contemporánea

Chikaku. Tempo e memoria en Xapón. Arte xaponesa contemporánea

7 outubro 2005 - 22 xaneiro 2006

Carlos Rodríguez-Méndez

Carlos Rodríguez-Méndez

18 marzo 2005 - 19 xuño 2005

Ángela de la Cruz

Ángela de la Cruz

24 setembro 2004 - 5 decembro 2004

The last picture show. Artistas que fan uso da fotografía. Tendencias conceptuales de1960-1982

The last picture show. Artistas que fan uso da fotografía. Tendencias conceptuales de1960-1982

28 maio 2004 - 19 setembro 2004