A Fundaçom Artábria celebra o seu cuarto aniversario convertida nun centro fundamental para a cultural alternativa galega

Artábria: Catro anos alternativos

Estamos afeitos a ver fundacións con nomes de escritores e xente importante da cultura, entidades constituídas coma homenaxes e que semellan mover moitos cartos. Pero existen outro tipo de fundacións, aquelas que son aproveitadas por xente con gaña de facer cousas e que aproveitan este xeito de organización para pór en marcha as súas iniciativas. É o caso da Fundaçom Artábria, que cumpre agora catro anos coma un centro da cultura alternativa no país.


De Associaçom a Fundaçom


En 1992 nacía a Associaçom Artábria coa intención de defender o noso idioma, sempre desde unha perspectiva reintegracionista, na comarca de Ferrol. Logo de seis anos de actividade, os seus arredor de quince membros decidiron mudar a súa estratexia de actuación. A idea era crear un centro social que actuase como un punto de encontro para galegofalantes en Ferrol e a súa comarca, un lugar no que ofrecer actividades atractivas que permitisen achegar o noso idioma a xente a priori non interesada na cuestión lingüística. Nas palabras da propia organización, a intención era “compactar a massa social favorável ao galego” e crear un espacio monolingüe, un xeito de actuar que coincide co da fundación Zenbat Gara de Bilbao, fundada con posterioridade. Para acadar estes obxectivos, os membros de Artábria decidiron aproveitar as posibilidades legais que ofrecía o estatuto de fundación. Este modelo organizativo permitía ó grupo desenvolver actividades económicas sen ánimo de lucro coas que financiar os seus proxectos. Deste xeito púxose en marcha un café bar, e na actualidade está en proxecto profesionalizar a área de publicacións da propia Fundaçom e desenvolver unha empresa dedicada á animación sociocultural.
Para poñer en marcha o novo proxecto buscouse contactar con máis xente que puidese prestar apoio económico, ata reunir algo máis de cen persoas que se implicaron na idea. Despois pediuse un crédito para contar cun capital inicial e púxose todo o mundo a traballar no acondicionamento do local que alugaron. Baños, sistema eléctrico, pintura, obras... todo foi realizado voluntariamente por socios e colaboradores, e en setembro de 1998 abría o Centro Social da Fundaçom.




Outro xeito de funcionar


Á orixinalidade da orixe da Fundaçom engádese un xeito de funcionar que tampouco é o máis habitual neste tipo de entidades. Segundo explican no seu regulamento interno, en Artábria búscase democratizar ó máximo os órganos de xestión, polo que o Padroado da Fundaçom debe responder ante unha Asemblea Xeral de socios do traballo realizado. Ademais, existe un exhaustivo regulamento que prevé desde os mecanismos de reclamación e representación ata as responsabilidades de limpeza das diferentes áreas do local e o emprego que se lle dará a esas áreas. Logo da posta en marcha do local comezou o traballo de dinamización social, un traballo que logo destes catro anos permitiu á Fundaçom chegar na actualidade a case trescentos socios que colaboran en manter a entidade pagando cotas que oscilan entre os tres e os trinta euros cada mes. Artábria tamén se financia mediante a venda de material promocional e das súas publicacións, ademais de recibir subvencións dos concellos de Narón e de Ferrol (menos de 2.100 euros en 2002) polas actividades que realizan durante o ano. Aínda que o bar debería servir para financiar parte das actividades, desde Artábria sinalan que o gaño dá unicamente para soster o local e pagarlle ás dúas persoas que traballan nel. A pesar de recoñecer que non están no seu mellor intre económico, o orzamento que manexou a entidade no último ano superou os cincuenta e sete mil euros (arredor de nove millóns e medio de pesetas). A maior parte destes cartos fóronse en pagar os honorarios de grupos e de colectivos visitantes.




Un local, moitas actividades

Outra peculiaridade máis de Artábria é que o centro social non funciona unicamente como sede da Fundaçom, senón que nestes anos converteuse nun centro aberto a outras entidades que desenvolven alí as súas actividades, coma é o caso de Mulheres Nacionalistas Galegas ou a sección local da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). De xeito puntual o centro acolle tamén actos doutras organizacións e mesmo ten sido escenario de actividades de ocio nocturno organizadas polo concello. Desde dentro da propia Fundaçom traballan no centro o Grupo de Música Tradicional (cunha banda de gaitas e unha agrupación de cantareiras), o de Lingua (dos máis recoñecidos no país) e A Revolta, unha agrupación que existía xa antes que Artábria e que se integrou no proxecto encargándose na actualidade de organizar festas con ocasión do magosto, o entroido ou o San Xoán. Deste xeito o local acolle regularmente actividades culturais do máis diverso tipo, desde exposicións, obras de teatro ou conferencias ata cursos nos que se ensina desde a cociña vexetariana a gaita ou radio. Fóra do centro desenvólvese unha das actividades máis exitosas, o festival da Terra e da Lingua, que chegou a congregar na súa última edición a máis de dúas mil persoas.




Resultados e futuro


Na actualidade o nome de Artábria é coñecido nos círculos culturais de todo o país, converténdose nun referente imprescindible na vida cultural da comarca. Desde a súa directiva destacan como resultados destacados os centos de actividades realizadas nestes catro anos e o éxito do bar e do centro como punto de encontro da cultura da zona. Tamén sinalan con orgullo o éxito do Festival da Terra e da Língua e, aínda que recoñecen a dificultade de espallar o noso idioma, valoran moi positivamente a construcción dun espacio case totalmente monolingüe (como sinalan na súa web, a maior parte da prensa dispoñible no bar continúa a estar en castelán ;-). Na actualidade están a desenvolverse os actos do cuarto aniversario e preparando a programación dos vindeiros tres meses. Para o vindeiro catro de outubro está convocada unha asemblea xeral na que os socios decidirán máis polo miúdo o futuro do proxecto.