Impertérrito Cineuropa

Cineuropa cumpre 24 anos fiel a unha fórmula que bate marcas de participantes

Hai unha imaxe que se repite invariablemente cada novembro en Santiago. Colas diante do Teatro Principal para asistir ás proxeccións de Cineuropa, entradas esgotadas e un regueiro de boas películas. Cineuropa “nega unha máxima do mercado de exhibición cinematográfica que asegura que o cinema independente e en versión orixinal non ten cabida no público” aseguraba Jose Luís Losa, o seu director, na rolda de presentación do programa. O público fiel é un dos puntos fortes dun certame que permanece fiel á súa esencia. Pero.. ¿seguirá sempre así?

A priori, as cifras de Cineuropa, son abrumadoras para calquera festival de cine: 130 películas, 24 días de exhibición (aínda que nesta edición hai cinco días menos que o ano pasado) e todo cun orzamento que ronda os 300.000 euros. O certame comeza esta noite e aínda faltan por confirmar aínda as contías por parte das diferentes administracións implicadas no proxecto (tanto a Autonómica como a Estatal). Esta é unha das principais dificultades que ten este “festival de festivais”, a dependencia total e absoluta das achegas públicas. José Luis Losa, director artístico do proxecto, asegura que o encontro debería optar a buscar máis financiamento entre as entidades privadas. É unha fórmula xa explorada por outros certames tanto nacionais como estranxeiros, como pode ser o Fantasporto, festival do cinema fantástico do Porto, que consegue 600.000 euros por esta vía (o seu orzamento ronda os 4 millóns de euros) a cargo dunha empresa de bebidas. Alí conseguiuse aunar os intereses desa marca co do festival “Unha cervexa fantástica para un festival fantástico”, reza a publicidade. “É un camino no que debemos de traballar con maior esforzo” asegurou Losa.

En todo caso é un espello no que se ollar. Pero non é o único. Cineuropa é un encontro con gran éxito de público que asume a súa organización, en exclusiva, a concellaría de Cultura de Santiago. É esta entidade a que este ano convocou un concurso público para a "xestión, dirección e organización" deste encontro (o concurso público polo que se adxudicou a xestión do festival é de 249.800 euros). Lonxe están as fórmulas doutras entidades. Por exemplo, o Festival de Cine de San Sebastián conta con 6 millóns de euros de orzamento e está organizado pola sociedade Festival Internacional de Cine Donostia-San Sebastián, integrada a partes iguais polo Concello de Donostia-San Sebastián, o Goberno Vasco, a Deputación Foral de Gipuzkoa e o Ministerio de Cultura, ostentando a presidencia da mesma o Alcalde de Donostia-San Sebastián. É o encontro de maior orzamento de todos cantos festivais hai en España. Pero por situarnos máis preto, o festival de cine de Ourense foi de 600.000 euros, o dobre que o certame Santiagués. Ademais, está organizado legalmente constituído como "Consorcio do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense", un organismo integrado polo Concello e a Deputación co que colaboran tradicionalmente institucións asociadas como a Xunta de Galicia e o ICAA, do Ministerio de Cultura, entidades colaboradoras e patrocinios privados.

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, asegura que a idea de crear unha entidade autónoma (figura que xa existe no caso da xestión do Auditorio de Galicia) planou polo seu departamento en numerosas ocasión. “Non sei porque non se plantexou antes, pero desde este equipo de goberno, deixou de converterse nunha opción sólida porque tanto a lei de subvencións, a de concursos e as circunstancias administrativas que xiran ao redor do tema de persoal, non acababan por facilitar os trámites, como por outra parte, si acontecía no pasado”. En todo caso, a concelleira ten moi claro que cómpre buscar financiamento privado, para que este festival poida dar un salto cualitativo. Ese cambio, advirte o seu director artístico non perverterá xamais a súa esencia, é dicir, “un núcleo central de producións cinematográficas que difícilmente teñen acceso á carteleira”, senón que “conviviría con outro esquema máis propio dun encontro festivaleiro (é dicir, un xurado internacional que lle dea valor ao seu premio)”. Sería esa outra concepción a que lle permitiría axustarse aos criterios de definición dun festival que establece o ICAA e que, polo tanto, lle suporía unha maior achega económica. Pero a concelleira tamén advirte que isto ten a súa cruz “non podemos gastar a maior parte do orzamento en traer a estrelas e celebridades, e debemos pensar no innegable valor cultural que este encontro está a exercer, e isto tamén é un criterio que as outras administracións deberan de ter en conta”.

Superada a coincidencia no tempo dos dous principais festivais de Galicia (Ourense e Cineuropa), con temáticas semellantes (cinema independente e social), o que ambos directores teñen manifestado en numerosas ocasións é a necesidade de que Galicia teña un gran festival de cinema. “Galicia sería a única comunidade que non dispoña dese gran encontro” aseguraba Jose Luis Losa, ao tempo que se preguntaba “¿cómo é posible que o Festival de Cine de Ourense premie en outubro de 2010 unha película que estivo en Cineuropa o ano pasado (en alusión ao filme de Manuel de Oliveira, A religiosa portuguesa?”. É evidente que son dous modelos diferentes que levan numerosos anos convivindo (Ourense cumpriu 15 edicións e Cineuropa leva, con esta, 24)

As variacións
Desde que Cineuropa arrincou un novembro de 1986, moitas cousas cambiaron na súa organización. Aquela mostra de Festivais que se chegou a celebrar no hoxe desaparecido Cinema Avenida, tiña como unha das súas características que os sonados programas apareceran no despacho de billetes días despois de ter iniciado o festival. Pero non era o último, a súa popularización nos noventa creou longuísimas colas nos arredores do Teatro Principal. Logo chegaron novas salas para incrementar a oferta (Salón Teatro, CGAC, Fundación Caixa Galicia, Arteria Noroeste) e, por último, a venda telemática para soliviantar as numerosas e incómodas colas. Canda isto, un público fiel e entregado que cada ano bate marcas de participación ás propostas de cinema social e independente, moi afastado da lóxica das carteleiras comerciais.
Ligazóns