Os libros rescatados

A Fundación Penzol dá a coñecer cunha mostra a importancia dos seus fondos

Castelao. <i>Carauta de Pimpinela</i> 1941
Castelao. Carauta de Pimpinela 1941
Unha das bibliotecas máis singulares do noso país. Fondos sobre Galicia, de todas as épocas, incluíndo manuscritos e obras orixinais dalgúns dos nosos autores máis destacados. Este é o legado de Fermín Penzol, un bibliófilo empedernido que, nunha época na que a nosa cultura non contaba con centros de seu, conseguiu artellar un espazo fundamental para entendermos a configuración actual da mesma. Unha exposición en Vigo lembra agora o seu legado.

Anos de coleccionismo case compulsivo deron pé a un inmenso patrimonio bibliográfico que, a diferenza doutros patrimonios semellantes, púxose a disposición do público. Nada menos que 40.000 libros, 106 manuscritos e 2.370 publicacións periódicas, ademais fondos arquivísticos, cartografía histórica ou gravados. Foi en 1963 cando botaba a andar a Fundación Penzol e mais a biblioteca da Casa Galega da Cultura, en Vigo. Segundo explica Henrique Monteagudo, un dos comisarios da mostra, “cando se abriu, non existían na Universidade liñas de estudos galegos. Nin lingua e literatura, nin historia nin nada. Entón aí comezaron a organizar seminarios sobre estes temas e publicacións da propia fundación. A idea era suplir esas eivas, sobre todo en ámbitos de humanidades e ciencias sociais. Foi un viveiro para este tipo de actividades. ”. Nese marco insírese a edición de, por exemplo, A vida e fala dos devanceiros de Ferro Couselo, entre outras obras. “A importancia fundamental desta biblioteca é que durante o franquismo puxo a disposición dos estudosos fondos aos que era imposible ou moi difícil chegar”. Se ben é certo a que nivel bibliográfico institucións como o Museo de Pontevedra, con Filgueira Valverde á fronte, ou a Real Academia conservaban un importante fondo de obras sobre Galicia, non sempre era sinxelo o seu acceso.

As orixes
De xeito curioso, a acumulación de tan importante colección de textos débese en boa medida ao feito de Fermín Penzol iniciar a súa colección en Madrid. “Estaba no sitio ideal”, explica Monteagudo. “Alí había un mercado de vello impresionante, e ademais comezou moi pronto, cara aos anos 20. E ao se especializar tan cedo, conseguiu unha rede de contactos moi importante, que lle facilitou despois a adquisición de libros”. Canda a Penzol, outros coleccionistas procuraban facerse co máximo de material posible relacionado co noso país. Segundo lembra Monteagudo, “o propio Penzol dicía que rivalizar con coleccionistas moi avezados como Cotarelo Valledor, Rey Soto ou Bouza Brey”, que tamén estaban interesados en compilar fondos relacionados co noso país. Tal e como lembra o comisario da mostra, “naquel momento se non había unha persoa preocupada por conseguir fondos deste tipo, acababan en mans privadas ou sabe Deus onde. Aínda pasou nos anos oitenta co Pergameo Vindel, que acabou en Estados Unidos”.

Documentos
Encol da parte documental, os fondos da Penzol foron e son fundamentais na elaboración da historia do galeguismo. “Material como a correspondencia de Castelao que ten, ou os fondos de Viqueira foron fundamentais neste sentido. E o mesmo cos fondos dos irmán Vilar Ponte, todo o que hai de historia feita sobre o galeguismo sería moi díficil con este material”, lembra Monteagudo. Fronte á temperá adquisición dos libros, a maior parte dos documentos que conserva a fundación chegaron a ela despois da creación da mesma, “había executorias e documentos medievais, pero o fondo sobre galeguismo entrou despois”. As familias de Castelao ou de Viqueira tomárono como centro de referencia, sabendo que era un lugar aberto aos investigadores, e cederon o seu material.

As funcións do proxecto
Para alén da súa importancia entre os investigadores, a biblioteca Penzol “tamén tivo un papel importante pola grande precariedade de servizos públicos de lectura que había en Vigo”, lembra Monteagudo. E é que, durante moitos anos, este foi un centro fundamental na cultura viguesa. No entanto, co tempo foi mudando o contexto e, con el, o papel da Fundación.” Segundo a universidade foi introducindo nos seus plans estudos máis vencellados a Galicia, a importancia da Penzol nese sentido diminuíu”, lembra Monteagudo. “Daquela tiña tamén un papel de salvagarda, agora xa non é o mesmo que naquel momento, xa non é o único sitio no que hai garantía de que se salven as cousas”. Dese xeito, pasou a ser un centro especializado en fondos galegos máis orientado cara a investigación.

Incorporacións posteriores
Desde os anos oitenta, logo do falecemento do fundador, a incorporación de fondos á institución prodúcese fundamentalmente por doazóns, xa que carece de fondos propios para continuar o traballo de adquisicións. Deste xeito, aínda hoxe boa parte das editoras galegas lle envían os seus lanzamentos, e do mesmo xeito que as familias de Castelao ou Viqueira achegaron os fondos destes persoeiros, tamén boa parte dos documentos de Ramón Martínez López, Otero Pedraio e de Ramón Piñeiro (aínda moi recentemente)acabaron nestes andeis. “Logo tamén se deron doazóns anónimas, tanto en material como en metálico. Tamén había moitas de galeguistas filántropos ao mellor para mercar un cancioneiro”, explica Monteagudo. “É de agardar que neste sentido continúen a chegar novas doazóns”. De cara ao futuro, a Fundación está a desenvolver un proceso de renovación e apertura que buscar dar a coñecer polo miúdo o inxente material que ten no seus fondos. Exposicións como a que agora se pode ver, un novo web no que se poida consultar o catálogo e material dixitalizado e outras actividades marcan as intención de futuro da Fundación.

Os interesados en coñecer máis polo miúdo este interesante legado, poden achegarse ata o vindeiro 30 de novembro á Casa Galega da Cultura en Vigo. Alí poden atopar unha mostra dos fondos que existen no centro, así como un percorrido pola biografía do propio Penzol, que supón un auténtico retrato do galeguismo ao longo do século XX.

Galería: <i>Fermín Penzol: Unha obra para un país</i>

Galería: Fermín Penzol: Unha obra para un país

Doazón do rey Alfonso VII ao Mosterio de San Xoán de Caaveiro. 1135 Fonte: Fundación Penzol

Domenico Laffi: <i>Viaggio in ponente a San Giacomo di Galitia</i>

Domenico Laffi: Viaggio in ponente a San Giacomo di Galitia

Relato das peregrinacións de Domenico Laffi, publicado en Florencia en 1681. Fonte: Fundación Penzol

Vasco Díaz Tanco <i>Palinodia</i>

Vasco Díaz Tanco Palinodia

Libro editado en 1547 por Vasco Díaz Tanco ou Díaz Frexenal, un dos primeiros impresores que desenvolveu o seu traballo no noso país. Fonte: Fundación Penzol

José Cornide Saavedra: <i>Investigaciones sobre la fundación y fábrica de la Torre llamada de Hércules</i>

José Cornide Saavedra: Investigaciones sobre la fundación y fábrica de la Torre llamada de Hércules

A obra pioneira de Cornide sobre o monumento herculino publicouse en Madrid en 1792. Fonte: Fundación Penzol

Castelao: <i>Álbum de autocaricaturas</i>

Castelao: Álbum de autocaricaturas

Orixinal de 1903 doado por Francisco Fernández del Riego. Fonte: Fundación Penzol

Ramón Otero Pedrayo: <i>Arredor de si</i>

Ramón Otero Pedrayo: Arredor de si

Manuscrito autógrafo da novela publicada en 1930. Fonte: Fundación Penzol