Vigo abre ós visitantes as excavacións da vila romana de Mirambell como un xeito de divulgación dos métodos arqueolóxicos

Descubrir Roma en bañador

Non é só un xacemento, senón unha investigación arqueolóxica e un protomuseo que varía en función dos valiosos obxectos que están atopando os arqueólogos na vila romana de Miranbell, enfronte da illa de Toralla (Vigo). Dende este ano, un equipo de investigadores está a descubrir un dos xacementos romanos máis importantes do sur do país. Os achados foron importantes e calquera pode participar, ver e mesmo axudar a través dun programa divulgación. É a arqueoloxía en directo. ;-)

Na zona turística de Vigo, preto da illa de Toralla e da praia de Samil, entre os séculos III e VI viviron uns potentados romanos nunha impresionante vila de 560 metros cadrados. Hoxe en día, despois de toda unha riquísima campaña de investigación arqueolóxica, xa hai valoracións interesantes: máis de 6.000 pezas de cerámica e interesantes pezas procedentes do Mediterráneo central e occidental, do norte de África e Tunicia, que amosan a conexión da costa galega coas grandes correntes comerciais da época. Segundo Fermín Losada, director da excavación, “o mar era o principal medio de comunicación do mundo antigo, e na época tardorromana era máis empregado para o comercio que os propios camiños”. Toralla como un enclave receptor de comercio. Por exemplo, as conservas, peixe en salmoira, chegaban en grandes ánforas dende o sur de Portugal.



A vila está encravada na finca de Mirambell. A familia do mesmo nome coidou o xacemento e mesmo realizou algunha excavación familiar a principios de século. Hoxe, o Concello e a Universidade de Vigo chegaron a un acordo para realizar un plan de xeito integral e tirar rendabilidade pública inmediata do xacemento. Deteñámonos nisto, porque é unha experiencia realmente nova en Galicia: os arqueólogos chegan co seu instrumental, analizan o xacemento e comezan a excavar; mentres, os curiosos da cidade entran no xacemento, danlles un folleto explicativo, e comezan a percorrer a excavación. Un monitor infórmalles do que está a ver. Cada día a visita é distinta e axústanse ás cousas novas que os investigadores van atopando. ¿Onte descubrimos un hórreo romano? Os visitantes poden ver na carpa anexa as pezas que atoparon dentro e que membros do equipo da Facultade de Humanidades de Ourense están a inventariar.










Representación dun centauro atopado nunha
orixinal cerámica decorativa atopada no corredor porticado da fachada da
vila romana.


Foto: Proxecto Toralla. Universidade de Vigo.
Para a Concellería de Patrimonio Histórico de Vigo, “o obxectivo desta mostra é por unha parte didáctico, na medida en que persegue divulgar e facer comprensible o proceso integral de recuperación duns restos arqueolóxicos, e por outra, o de lograr que un ben patrimonial destas características comece a ter impacto e rendibilidade social dende un primeiro momento”. Rendibilidade. O xacemento acollerá no futuro, cando rematen as excavacións no 2004, un Centro de Interpretación sobre o xacemento, pero as autoridades non querían agardar dous anos para a súa visita pública. Practicamente dende o primeiro día os visitantes poden seguir a evolución dunha excavación arqueolóxica. Non se trata só de coñecer o noso pasado, senón tamén os métodos que empregan os arqueólogos para chegar ata el.



A escavación da vila romana de Toralla foi tamén pensada para a educación dos novos aprendices de arqueólogos. En total, 50 alumnos de Historia e Humanidades participaron na escavación do xacemento ó longo de todo o verán. Segundo Fermín Losada, director do proxecto, “ tivo o formato dun curso práctico de arqueoloxía onde tódolos estudiantes e licenciados en Historia aprendesen e participasen nos labores técnicos como a escavación, o inventariado e o debuxo arqueolóxico”.



Novas técnicas

A vila romana de Toralla non só vale para que os estudiantes de Historia e os cidadáns de Vigo afonden no coñecemento das disciplinas de recuperación do pasado, senón para o ensaio de novas técnicas de datación arqueolóxica. Ata o momento, o emprego de tecnoloxía para coñecer a data exacta dun xacemento era unha cuestión complicada en Galicia. A técnica máis habitual era o coñecido como “carbono 14” (C-14), un procedemento químico que se aplicaba ós materiais orgánicos, é dicir, restos de tecidos, teas, etc. que se atopaban na escavación. Pero en Galicia había un serio problema. Debido á gran acidez do noso chan, case non se conservan restos orgánicos.



Toralla está valendo para probar unha nova técnica que pode axudar moito ós arqueólogos a coñecer a data dun xacemento: chámase datación arqueomagnética e baséase en tentar localizar o norte magnético cara o que están orientadas as partículas de ferro dun material determinado, como pode ser a cerámica cocida a altas temperaturas. O norte magnético da Terra variou ó longo da historia e en cada época tivo unha orientación distinta. Con tecnoloxía da Universidade de Vigo, os arqueólogos tentarán probar por segunda vez en Galicia se esta técnica é aplicable ó noso país.




Un complexo industrial

As vilas romanas, relativamente abundantes en Galicia, pertencían a potentados romanos ou galaicorromanos que construían un amplo lugar residencial e o dotaban de tódolos edificios ou aparellos para que tamén fose unha explotación agrícola e pesqueira. Algo similar ó que, séculos máis tarde, fixo a fidalguía galega nos famosos pazos. As vilas romanas galegas foron importantes focos de introducción de novas técnicas industriais no país.



A importancia de Toralla radica basicamente en que é o primeiro xacemento deste tipo escavado na súa totalidade. Segundo sinalou Losada, “as casas de campo romanas son relativamente abundantes en Galicia, nas Rías Baixas e na costa galega. A diferencia é que Toralla é no momento actual que está escavada completamente. Polo tanto, a diferencia doutros xacementos que poden ser máis ricos e máis grandes, Toralla é o único lugar no que podemos falar dun conxunto, da planimetría e a estructura total do edificio. Para o futuro, Toralla convertirase no modelo para que a nivel arqueolóxico se poida exemplificar o tipo de ocupación costeira romana. Cando se fale nos libros de texto da ocupación romana en Galicia, Toralla será a vila romana por excelencia”.