O berce da edición

A mostra A Coruña na creación do libro galego reconstrúe as orixes da edición no noso país

É ben coñecida a importancia que tivo a Cidade da Coruña no renacer da cultura galega no século XIX e comezos do XX. Sede da Real Academia, residencia de intelectuais e de movementos destacados, a cidade acolleu tamén unha intensa actividade editorial. De feito a súa pegada neste ámbito sitúaa como o berce da edición profesional do noso país. Agora, unha exposición recupera as obras e as historias que explican este proceso.

Sesenta pezas entre libros e obxectos persoais repasan unha historia pouco coñecida: O xeito en que A Coruña foi a base do actual sector editorial galego. O Pazo de María Pita acolle ata o vindeiro 21 de novembro unha exposición organizada pola Concellaría de Cultura e mais a Real Academia que xorde con ocasión dun curioso aniversario. Segundo explica Pepe Barro, comisario da mostra “este ano celébrase ou debería celebrarse o bicentenario do primeiro libro editado en galego”.

Tempos de napoleón
Proezas de Galicia (1810), de Fernández de Neira “é o traballo dun guerrilleiro convalecente da loita contra os franceses que decide facer unha especie de reportaxe animada na conversa de dous labregos que comentan as mil e unha guerrillas que se fixeron contra o invasor” explica. “É un libro moi modesto, sen pretensións literarias, pero que amosa a necesidade de defender o país, e para isto elixe a lingua galega, posiblemente porque fose de uso comun no seu medio e a da xente a quen se quería dirixir”. A este seguiría toda unha serie de edicións, tanto de volumes individuais como de coleccións que revelan, segundo Barro que, “ata 1931, cando vai Ánxel Casal para Santiago, o libro galego moderno, con sentido editorial e de empresa cultural e económica céase na Coruña”. Nese mesmo contexto, ve a luz, en 1813 Rogos dun galego de Manuel Pardo de Andrade, un obra en verso na que satiriza sen piedade o absolutismo. O proxecto conseguiu un grande éxito ante unha poboación que seguía a intensa actualidade política e mesmo no Cádiz da Cortes Constituíntes, un xornal reproduciu os 600 versos na nosa lingua. Logo do éxito comercial, o autor tivo que se exiliar en París ante á subida ao poder de Fernando VII.

Biblioteca moderna
Entre os fitos da edición, Barro destaca, xa a finais do século, a importancia da “Biblioteca Moderna”. Esta colección, promovida por Andrés Martínez Salazar en 1885, “sintoniza coa actitude da editora como empresa moderna. Ao igual que acontecía noutros lugares de Europa, a colección presenta xa un deseño gráfico unificado”. Na mesma verían a luz obras destacas como Los Precursores de Manuel Murguía, Aires da miña terra de Curros Enríquez ou Queixumes dos pinos de Pondal.

Lar
No entanto, para o comisario desta mostra, o grande paso á consideración empresarial da edición é o que dá Lar a partir de 1924 coas súas edicións populares. “Saen coa vocación do que hoxe chamamos literatura de quiosco. Son novelas curtas, grampadas, que se puñan á venda cun prezo moi popular, trinta céntimos ao comezo”. As cifras dan vertixe aínda hoxe. “Falaban de tiraxes de 3.000 exemplares, e ese éxito animou a moita xente a escribir. De feito, autores que nunca escribiran en galego estréanse na nosa lingua dentro desta colección”. Ao carón de autores descoñecidos, os preto de cincuenta títulos da cabeceira deron acubillo a moitos dos autores que marcaron a literatura galega da primeira metade do século XX, como Risco, Otero Pedrayo ou Bouza Brey entre moitos outros. “É importante valorar como neste caso como os editores foron quen de turrar pola creación”.


Nós
Pouco despois desta proposta chega o traballo de Ánxel Casal coa editorial Nós. “Xorde no 27, e Casal comprente xa non só que hai público, senón que hai un mercado para o libro, e aí crea a empresa editora moderna en Galicia”. Falamos dun traballo profesionalizado, con obras de máis envergadura, que deu pé á edición de títulos aínda hoxe clásicos como a revista homónima, Arredor de sí entre moitos outros.

Edicións de calidade
En todo o caso, Barro insiste en que os editores no momento “facían verdadeiras heroicidades para turrar cara adiante. Naquel momento este era un país pequeno, pouco alfabetizado e pobre, no que non a maior parte da xente culta e ilustrada estaba de costas á nosa lingua”. Debemos pensar que só un 10% da poboación vivía en cidades na altura de 1900. No entanto, canda ás edicións populares, asistimos tamén na Coruña ao nacemento das primeiras publicacións xa coidadas do noso país. Deste xeito, en 1900 Martínez Salazar tira do prelo a Crónica Troiana. Esta é a transcrición en dous volumes de grande formato dun texto medieval en prosa, algo que a priori estaba dirixido a un público especializado pero que o edito contaba, cando menos, conseguir vender. Con Lar tamén se produce unha aposta por edicións máis coidadas, como é o caso das Cousas de Castelao, que “sen ser un libro de luxo, supuxo unha proeza no noso país, contando cuns medios moi limitados

A man de obra
Unha curiosidade que revela esta mostra é o feito de que, en certo xeito, a industria editorial galega ten a súa base no traballo a baixo custo dos orfos dos hospicio provincial. “Nesta institución existía unha imprenta escola, o que lles permitía aos editores publicar estas obras a prezo de custo. Moitos imprimían alí e non tiñan que pagar man de obra. Son aventuras como esta as que están detrás da edición en Galicia”, explica o comisario.

A mostra
A mostra que se pode ver na sala de exposicións do Pazo Municipal ata o vindeiro 21 de novembro achega arredor de sesenta pezas, das que non todas son libros. “O que procuramos foi adubiar un pouco a mostra. O libro como obxecto expositivo sempre é algo árido, porque está nunha vitrina e non se pode coller e ler, que é para o que están feitos. Entón incluímos obxectos persoais dos editores, como a bandeira galega de sobremesa de Leando Carré, que estaba feita a man e que tiña no seu despacho. Outro elemento destacado é o reloxo de peto de Ánxel Casal, que se lle voltou á familia cando foi asasinado. No acto inaugural déuselle corda simbólicamente”.
Folleto da mostra A Coruña na creación do libro galego.