Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores

Dez anos de Culturagalega.org: Cos ollos dos usuarios

Director de Edicións Xerais, presidente da Asociación Galega de Editores, destacado blogueiro e veterano da Internet Galego, Manuel Bragado explícanos a súa experiencia con culturagalega.org

¿Cando coñeciches o portal?
Penso que o coñecín xa ao día seguinte de que apareceu, son seguidor e admirador desde o comezo.

¿Como o ves na actualidade?
Para min é o espazo de referencia na rede para o seguimento da actualidade cultural en todos os seus ámbitos. Están as fichas de novidades editoriais, as críticas de Lg3, os espazos especializados de música e o novo de artes plásticas, e o seguimento da BD e do audiovisual. Realmente os membros das industrias culturais temos que estar moi agradecidos do traballo de visibilidade que que levades a facer cos nosos produtos e iniciativas. E sobre todo que o fagades con criterios de rigor, independencia e beleza na presentación dos contidos. O portal foi tamén un acompañante extraordinario para o desenvolvemento da textualidade dixital en lingua galega no ámbito da cultura. Moitos dos que traballamos na edición electrónica e no mundo dos blogs temos moito que agradecerlle, é moi importante para organizar o noso traballo.

¿Que pensas que lle falta?
O portal precisa, como todos os espazos deste tipo, maior interactividade. O futuro está en que sexamos capaces de vertebrar auténticas redes sociais. Temos o reto aínda de facer unha grande rede social da cultura galega en todos os seus ámbitos, de xeito que se produza intercambio de opinións sobre os libros, os filmes a música ou todas as expresións da industria cultural. Non sei se lle falta tanto a culturagalega.org como ao país, non é só responsabilidade do portal. Pero facía falla iso, sobre todo sabendo que a rede é compartir e tamén tecer, abranguer a máis persoas e unilas, é un reto que temos por diante e no que de certo Culturagalega.org servirá de avanzada.

¿Hai algún servizo que empregues habitualmente ou algún contido que lembres de xeito especial?
Eu son seguidor das noticias que enviades por correo electrónico. Estou subscrito ás novas e á axenda, e revísoas todos os días. Logo non vou negar que tamén descargo moitos dos contidos que podes en liña. Sobre todo os libros do Consello da Cultura, pero tamén doutros contidos que ofrecedes.