Espazos para provocar

Nove artistas interveñen nas rúas de Santiago na maior mostra de arte público en Galicia

O colectivo cultural Labra colocou a semana pasada unha cadeira xigante do alto das ruínas da torre medieval de Meira (Moaña) co obxectivo de falar “da arte como expresión”, en palabras do seus responsables. O que foi unha anécdota, espoleada polos medios de comunicación, puxo enriba da mesa o papel da arte nos espazos públicos. Nun país no que estamos afeitos a ver obras de arte nas rotondas e nas prazas como meros adornos, escasean proxectos culturais de carácter crítico como existen noutros territorios.

Accións puntuais sobre un territorio público non son proxectos de arte pública. Iniciativas escasas, non só pola falta de tradición, senón principalmente pola envergadura, a dimensión e o traballo que supón unha iniciativa deste calado que implica unha concepción diferente. O último e mellor exemplo é A Cidade interpretada, unha proposta na que nove artistas ofrecen a súa visión de Santiago en outros tantos espazos da cidade. Pero é tan laborioso que Pablo Fanego, comisario de A cidade interpretada, dubidou moito en retomar esta iniciativa que puxo en marcha anos atrás ao abeiro do concello. Esta vez non está só a administación local, xa que o CGAC e o Xacobeo arrimaron o ombreiro para presentar un proxecto moi ambicioso. Os 200.000 euros que as tres entidades achegaron ao proxecto, cantidade moi por debaixo de iniciativas semellantes noutras partes do mundo, serviron principalmente para sufragar a produción destas obras que, polo seu carácter, serán efémeras. Á marxe da temporalidade do encontro, destaca a importancia que ten A cidade interpretada, por provocar ao público no seu propio contorno, no seu propio espazo. “A arte contemporánea síntese ausente do espazo público, que ultimamente está privatizado” afirmaba Pablo Fanego na rolda de presentación da iniciativa.

Nove visións de Compostela
Non é unha exposición que toma a rúa como escenario, senón máis ben como protagonista, no que se traduce nunha reinterpetación dese espazo. No fondo, A cidade interpretada é un proxecto que pretende que a arte é outra forma de comunicación de entender un lugar e, por suposto, cun sentimento crítico que faga pensar ao espectador. Pablo Fanego, comisario deste proxecto, explica que “a base do proxecto era atraer á mente o elemento clásico do espazo público para crear conflito, diverxencia, disenso e, en definitiva, política”. En realidade, este é un dos aspectos que serven para marcar a diferenza entre o que é un proxecto de arte público ou a colocación de arte no espazo público: a provocación. Socorro García Conde, concelleira de Santiago e copromotora deste proxecto explica que “sabemos que era difícil este tipo de proxectos, que rexeitan tópicos onde a crítica e a reflexión son coherentes e irrenunciables”.

En A Cidade Interpretada hai un destacado traballo de comisariado que permitiu que algúns dos artistas seleccionados por Pablo Fanego para ofrecer estas outras visións de Compostela sexan artistas de primeiro nivel. Das propostas destaca Andrea Fogarasi (a intervención titulada Building, Dismantling pódese ver na Avenida de San Caetano, a Rúa Otero Pedrayo e na Caseta da Alameda), un artista especializado en investigar como entidades culturais se poden converter en imaxes, marcas e identidades negociables. “Andrea traballa con ideas de industrias culturais, de márketing e relaciona ambos conceptos nas súas intervencións” expuña o comisario. Canda el, o compostelán Rubén Santiago ofrece unha atractiva intervención parte no CGAC que ten dúas partes. Dunha banda, xoga coa idea de saúde pública ao emular o sistema municipal da canalización da auga e alterou a proporción de substancias químicas necesarias para a purificación da auga para o uso común. Así pretendía crear incertidume e reflexións sobre o servizo público. Da outra, aproveitando a historia do CGAC, edificado sobre unha nascente dun río, ideou outro sistema alternativo para evacuar esa auga que procede do chan do museo e que percorre as galerías. Deste xeito, aproveita para reflexionar sobre os propios códigos museísticos. Completan a listaxe Lnnie van Brummelen& Siebre de Haan no Museo das Peregrinacións; Mircea Cantor na Praza do Irmán Gómez, Latifa Echakhch en San Martiño Pinario; Daniel Knorr no Toural; Florian Slotawa na Zona c e Michael Stevenson nos catro patios da Facultade de Económicas.

En todo caso, como o reza o propio folleto do proxecto “ningún proxecto de arte público pode ser ningún fracaso”. Haberá agora que agaradr pola reflexión do público, esa variable que “pretendemos e que buscamos pero que non podemos controlar” asegura Pablo Fanego.