Comeza un novo curso en Educación e Infantil e Primaria con menos nenos e moitas cuestións pendentes

Coa mochila cargada

Os alumnos de Educación Infantil e Primaria comezan hoxe, dez de setembro, as clases en Galicia. Un comezo de curso que ven coa mochila cargada de temas pendentes: un agudizamento no descenso de alumnos, un maior custo para enviar os rapaces ó colexio, o xa clásico debate sobre a gratuidade dos libros de texto e, este ano, unha grande novidade, a vindeira aplicación da Lei de Calidade do Ensino abre a posibilidade de que este outono se viva unha folga xeral no sector.

Menos nenos estudiando máis días

Este ano son algo menos de catrocentos mil os rapaces e rapazas que se incorporan ás clases nos distintos niveis de ensino que se imparten en Galicia. Segundo os datos da Consellería de Educación, isto supón nove mil alumnos menos nas nosas aulas, o que, segundo esta institución, permitirá unha menor cantidade de alumnos por aula, arredor de dezanove nos centros públicos e de vintecatro nos centros privados. De feito, nada menos que un 32,2% dos colexios públicos e un 15% dos privados que funcionan no país teñen menos de vintecinco alumnos. A dispersión pobocacional e o descenso de poboación no rural fai que existan nada menos que 343 escolas unitarias en Galicia. Desde a Consellería de Educación apúntase que existe un lixeiro incremento no número de alumnos matriculados en Educación Infantil, que se corresponde co incremento de nacementos rexistrado polo Instituto Galego de Estatística en1999 e 2000. Os estudiantes que se incorporan ás aulas hoxe enfróntase a un curso oito días máis longo que o anterior, dentro da dinámica da Consellería de ir incrementando o período lectivo para achegalo á media europea.




Ensino gratuito, complementos non
Aínda que o ensino continúa a ser gratuíto no Estado Español, os gastos que se enfrontan para enviar os máis novos ó colexio non deixan incrementarse ano a ano. Neste curso 2002-2003 calcúlase que as familias investiron neste 2002 unha media de trescentos sesenta euros en preparar os máis novos para as clases entre roupa, libros e material escolar. Precisamente o debate sobre o prezo dos libros é un dos grandes clásicos deste comezo do curso. Mentres os pais reclaman a gratuidade dos libros de texto, sexa mediante a reutilización dos manuais por distintos alumnos, sexa por axudas do Estado á súa compra desde as editoriais reclaman esta última solución como a única que lles evitaría enormes perdas económicas. Desde a Consellería de Educación tamén apoian polo de agora este sistema, e este curso multiplicaron as axudas á adquisición de libros, que pasaron dos 120.000 euros do pasado ano ós 760.000 durante este curso, ós que hai que sumar as axudas que outorga a Consellería de Familia e algúns concellos, chegando a 1,8 millóns de euros en axudas para libros no país. Segundo sinalou onte o conselleiro Celso Currás, a intención da Xunta é ir implantando progresivamente a gratuidade dos libros de texto “ou polo menos chegar a un financiaciamento máximo por parte da Administración pública”. De calquero xeito, desde a Consellería non se adiantararon aínda prazos para esa gratuidade e aínda se baralla a posibilidade de dotar de manuais “directamente” ós centros.



Ollando polas leis


Este curso 2002-2003 caracterizarase tamén por unha maior vixilancia no cumprimento da lexislación. Por unha banda ponse en marcha a obrigatoriedade de cintos e outros dispositivos de seguridade nos autobuses de transporte escolar en cumprimento da normativa aprobada neste eido, despois de que o ano pasado se implantase a obriga de que cada rapaz tivese un asento. Pola outra a Mesa pola Normalización lingüística vén de remitir a todos os centros de ensino do país unha carta reclamando que se cumpra o Decreto 247/95, que regula o número de horas que deben ser impartidas en galego. A Mesa advirte que realizará un seguimento centro por centro do idioma no que se desenvolven as aulas e no que están os libros empregados, denunciando á inspección todas as irregularidades que detecten.



Nova lei

De calquero xeito, a característica máis peculiar deste comezo de curso é o inicio da tramitación parlamentaria da Lei de Calidade do Ensino, que ameaza con mudar moitas cousas nas escolas. É tal o desacordo que provoca o texto que se vai discutir, que tanto sindicatos, asociacións de pais e organizacións de alumnos anunciaron mobilizacións e mesmo a posibilidade de convocar unha folga xeral no sector e non se modifica. Desde os sindicatos tamén se reclaman subas nos salarios dos docente do país, case conxelados desde 1991 segundo a Confederación Intersindical Galega, e unha solución ó alto índice de interinidade entre os mestres do país, case un 15% do total.