Oportunidade IBBY

Comeza en Compostela o congreso que reunirá aos expertos de literatura infantil e xuvenil

Non é un congreso sobre literatura calquera, é o encontro que concentrará nun mesmo recinto aos responsables, científicos e expertos sobre a literatura para pícaros e adolescentes. Unha cita para coñecer os proxecto de iniciación a lectura tanto de países que traballan con dispositivos electrónicos como para aqueles outros que non dispoñen nin de libros impresos. Baixo o lema “a forza das minorías”, a cita comeza esta tarde en Santiago.

“O que nos auna son as ideas de que os nenos teñan acceso a literatura, que poidan ler libros no seu propio idioma, axudalos a superar situación en crise coa literatura, achegar aos nenos estas posibilidades…”. Patricia Aldana, presidenta de IBBY (siglas en inglés da Organización Internacional para o Libro Xuvenil), explica así o obxectivo final do 32 congreso que comeza esta tarde en Compostela. Un espírito que permanece fiel á súa orixe, cando unha muller xudía-alemana creou esta entidade para que houbera conexións entre os nenos de diferentes países a través da literatura. A día de hoxe, o IBBY conta con setenta e dúas sección nacionais que operan de xeito diferenciado e independente. Encontros como os que arrincan esta tarde son os que permiten de intercambio de experiencias, iniciativas, ideas ao tempo que sirven de espello do que está a acontecer na realidade deste sector. Ademais, esta xuntanza, de carácter bianual, é o foro destacado que ten IBBY para a posta en común das delegacións nacionais e que completa o traballo desenvolvido a través do sitio web e da revista.

Estratexias de países en crise
De todas as experiencias que se poderán coñecer no marco deste encontro alén das experiencias da India, Madeira ou Pakistan, Aldana destaca o traballo IBBY en Gaza. “É un lugar no que os nenos non podían facer nada, non había ningunha posibilidade de lecer nin de ocupación, e entón nós comezamos a traballar alí e quedamos moi sorprendidos” apuntou. Coa invasión en Gaza os dous centros IBBY que existían alí quedaron destruídos e tiveron que refacelos de novo. No marco dunha colaboración co Gaza Community and Mental Health Programme, desenvolveron unha exitosa campaña na que moitos nenos comezaron a debuxar o horror que viviron. “Resultaba incrible ver aqueles debuxos” apuntou Aldana que explica que “tardaron preto de 8 meses en poder chegar os libros, pero nunca se deixou de traballar con eles con outros materiais”. Non é o único caso, o apoio do centro IBBY depois do desastre natural de Haití foi outra das experiencias destacadas que se poderán coñecer neste encontro. “Un dos nosos cometidos alí foi contar con libros en criollo, na súa propia lingua materna, porque a xente quería colaborar e mandaba libros en inglés, en francés noutros idiomas, pero nós procuramos sempre facelo na súa lingua” puntualiza Aldana. Estratexias importantes porque como asegura a propia María Jesús Gil, “a competencia lectora é algo que te pode levar a outros mundos”.

A forza das minorías
“Nós pensamos que é a forza das minorías as que moven as maioriás” asegura María Jesús Gil, presidenta de OEPLI. Por iso, neste congreso que terá as primeiras sesións de debate mañá falarase de tradición oral e minorías sen literatura escrita, da ilustración como ferramenta de representación ou da experiencia de editar desde a minoría. “Hai moitos tipos de minorías: étnicas, lingüísticas ou relixiosas e hai que falar de todas elas” apunta Gil que advirte que este congreso reforzará unha das constantes polas que traballa o IBBY: a importancia da lectura na lingua materna.

Ademais, tanto Aldana como Gil aseguraron que a celebración deste encontro en Compostela (apalabrado desde o ano 2002 e posto en marcha desde o bipartito) servirá para coñecer a realidade galega neste momento. “Galicia é un exemplo de literatura florecente” apuntou Gil ao aludir a aparición de escritores e ilustradores que están a facer “un traballo destacado”.