Roteiros: de paseo con Blanco Amor

Descubrimos os espazos urbanos de Ourense da man de A esmorga

“Tense dito que A Esmorga é a grande novela de Ourense pero non dun Ourense real senón dese na lembranza de Blanco Amor” afirma Alfonso Vázquez Monxardín. Xunto con Manolo Figueiras e Marcos Valcárcel presentaron hai anos unha proposta para percorrer a cidade das Burgas a camiño coa novela. Na proposta de Roteiros de Verán para hoxe visitamos este roteiro.

No marco da actividade do hoxe extinto Clube Cultural Alexandre Bóveda, a cidade de Ourense conta con nove placas situadas en espazos destacados da cidade. Cada unha desas placas reproduce un fragmento da obra que se sitúan no que daquela era o Ourense suburbial, entrano na parte fidalga e burguesa de xeito ocasional. Pedímoslle a Alfonso Vázquez Monxardín (autor xunto con Marcos Valcárcel dos textos que se editaron no tríptico do roteiro)que seleccionara tres das nove paradas do percorrido.

Primeira parada: Taberna da tía esquilacha
“Ao chegar, perto do Posío, entramos na taberna da tía Esquilacha onde pararan os tratantes.






Monxardín explica que “é a que da inicio a obra e representa ese mundo suburbial e de confluencia entre os tratantes que estaban alí e os tres esmorgantes: o bocas, o milhomes e o cibrán que comezan a súa deriva nesa xornada de troula”

Segunda parada: As Burgas
“Con que seguía a caer aquela chuvia acoriscada que facía máis mesto o bafo a se soerguer da auga quente do lavadoiro grande da Burga”






“Escollemos esta parada, explica Monxardín, primeiro por estar nun lugar emblemático na cidade e segundo porque a presenza da chuvia é unha constante na obra”. Monxardin reflexiona sobre a importancia dos líquidos chuvia, o alcol, esa incapacidade de controlar o destino conflúen neste lugar” Hai ese andar arredor do centro e esa confluencia dese clima pegañento do bafo e da humanidade”.

Sétima parada: Praza Maior
Conque ao chegar, perto da Praza Maior, oíronse as tres da mañá no reló da Catedral. A xiada estraaba as rúas e mais os tellados”.






Esta parada foi escolleita pola “presenza húmida e o reloxo da catedral que da lugar aos compases da traxedia” apunta Monxardín. “Tense dito que A Esmorga é a grande novela de ourense pero non dun ourense real senón dese na lembranza de Blanco Amor e pensamos que esta parada ocasional pola Praza Maior é o contrapunto a todas as voltas que dan os personaxes dun circuito moito máis amplo".
Roteiro Literario A Esmorga.