Cadriños sen crise

Viñetas desde o Atlántico mantén o seu nivel cunha maior participación do sector

Malia á crise e á necesidade de se axustar estritamente ao orzamento, o Festival Viñestas desde o Atlántico consegue chegar á súa XIII Edición mantendo o nivel. Exposicións de altísima calidade, convidados de primeira liña e a multiplicación de actividades por parte de colectivos e editoriais amosan un festival vizoso que aínda ten moito que achegar.

Viñetas desde o Atlántico non decae. O festival coruñés da banda deseñada cumpre trece edicións mantendo o tipo. O apoio decidido do Concello da Coruña malia á crise, conseguiu que a cita manteña a súa importancia, e mesmo nos últimos anos está a incrementar a súa presenza na cidade. Nesta última edición, sen dúbida, destaca o nivel das exposicións. Orixinais de Will Eisner, Dave McKean, Carlos Pacheco, Émile Bravo, Raule / Roger ou a importante colección de Clásicos de Prensa de Jaume Vaquer danlle o tono a unha edición na que tamén destaca a presenza galega, cunha mostra dedicada a Víctor Rivas que se suma á xa habitual do Premio Castelao e mais outra centrada na revista Galimatías. Completan o programa dúas exposicións temáticas, unha centrada nos esqueletes, e outra na cidades mergulladas na BD. A presenza dos autores xa mentados (agás Will Eisner, tristemente falecido) amosa un evento que mantén a súa importancia internacional, nun momento no que a crise está a ameazar moitas actividades culturais, como é o caso do Salón de Cangas, por seguir no campo da BD.

Asentamento
Semella que os dez anos do festival marcaron un certo punto de inflexión para este evento. Nos anos próximos a este aniversario comezaron a se erguer algunhas críticas contra o evento. Debatíanse entre editores, libreiros e afeccionados cuestións como a selección dos convidados, a falta de espazos propios para fanzines e autores galegos, cambios de ubicación dalgunhas das actividades (nomeadamente exposicións e espazo para librarías). Aínda que continúa a haber propostas desde o sector sobre como mellorar o programa, en xeral a instalación dunha carpa específica para librarías e editoras, ou a consolidación do Quiosco Afonso e mais o Palacio de Exposicións e Congresos como sedes principais no evento están a conseguir asentar o programa. A proposta continúa a atraer público xeral e mais unha lexión de afeccionados tanto galegos como foráneos na que é sen dúbida a cita da novena arte do verán a nivel peninsular e que continúa a desbancar unha cita como o Saló del Còmic de Barcelona a nivel de exposicións.

Presentacións
Non cabe dúbida de que boa parte deste incremento de actividade está relación co desenvolvemento nos últimos anos de editoras galegas, que aproveitan o evento xa non só para facer presentacións senón para organizar sesións de firmas dos autores que fan parte do seu catálogo. O décimo terceiro ano de Viñetas está a amosar ser especialmente prolífico a nivel de novidades, cunha vintena de títulos novos. Nese sentido, non cabe dúbida de que este ano é Faktoría K quen fai unha maior aposta de presentacións para este evento. O burato do inferno de José Manuel e Ramón Trigo é o quiñón galego dos seus lanzamentos, e vai acompañado por Luís vai á praia de Guy Delisle e mais Historias do mestre raposo de Bruno Heinz, os tres en edicións en galego e en castelán. Nos límites da arte secuencial atopamos aínda dous novos títulos, Y tú, ¿qué prefieres? e mais O insólito ascenso de madame Pol. El Patito Editorial pola súa banda, achega catro lanzamentos dos que tres son só en galego (Lobezno de Das Pastoras, (A mansión dos murmurios e Stratos de Miguelanxo Prado), e outra só en castelán (Carapuchiña vermella). Séguenas moi de preto Polaqia, con tres lanzamentos (entre eles un libro de bosquexos), e Demo Editora con dúas novas obras. Tamén presentarán as súas últimas entregas BD Banda, Retranca, e Carne Líquida, este último nun número compartido con ETT, sen esquecermos Petaco, álbum de Alberto Guitián editado por Diábolo. E desde o gremio dos fanzines novos lanzamentos como Breogán, Terra de Man e Improv!!, neste último caso unha publicación realizada en tres días que conta con textos e Bds dalgúns coñecidos autores do noso país e foráneos, como Miguel B. Núñez e Ulf K.

Actividades por libre
Unha mudanza destacada que se está a dar nas últimas edicións é que a presentación de novidades está a se trasladar desde o salón de actos do Quiosco Afonso a unha carpa situada na zona das librarías, a pé de rúa. E ás presentacións están a se sumar cada ano máis actividades paralelas que están a conseguir dinamizar en boa medida o festival. Segundo explica Juan Carlos Sanmiguel, libreiro e un dos dinamizadores deste espazo, “este ano está o tema de presentacións e sinaturas, tamén vai estar o Xabarín, presentacións de xogos de cartas, e de estratexia e partidas de exhibición de rol”. Nestas propostas colaboran colectivos como Mangalego, Terra Lúdica ou Draco. A falar de actividades lúdicas, tamén se presenta no evento o xogo de rol Embelyon, realizado polo autor de BD Álvaro López. Canda a eles, as Bibliotecas da Coruña preparan unha intensa actividade de dinamización, con préstamo de exemplares, concursos, obradoiros de creación e mesmo unha conferencia que complementan o programa oficial do evento. En xeral, segundo apunta Sanmiguel, nos últimos “a carpa vai tendo cada ano máis protagonismo. Hai xente que prefire quedar na zona das librarías ou que non lle dá por entrar no Quiosco Afonso. Así o público pode ver os autores a pé de rúa”. Neste contorno está a verificar nos últimos anos un certo incremento doutras actividades como a realización de fanzines durante a celebración do propio evento ou a venda de láminas feitas ex profeso por diferentes autores (este ano por conta de Bernal ou David Rubín, entre outros). Ademais, este ano celébrase por vez primeira, un mercado de orixinais que, de obter bos resultados, pode converterse nunha cita destacada do verán.

A maiores, de xeito paralelo ao evento, a FNAC tamén está a programar nos últimos anos eventos e exposicións relacionadas coa novena arte a coincidir coas datas do salón. Deste xeito, este ano achega unha exposición do coñecido ilustrador Luis Royo. Canda a el, pódese ver o traballo de David Pintor (Pinto) no campo da ilustración na Galería 9the13, na rúa Tabernas.

Como se pode ver, Viñetas avanza. O mesmo nivel, máis actividades, máis editoras e máis traballo do sector consolidan o evento como nodo fundamental para a BD galega e estatal. Só resta continuar o camiño.

A mansión dos murmurios

A mansión dos murmurios

libro primeiro. Sara (El Patito Editorial)

Barsowia nº15

Barsowia nº15

(Polaqia)

Carapuchiña Vermella

Carapuchiña Vermella

(El Patito Editorial). Tamén publicado en castelán

ETT nº3

ETT nº3

(Autopublicado)

Historias de Mestre Raposo. Le Roman de Renart

Historias de Mestre Raposo. Le Roman de Renart

(Faktoría K de Libros). Tamén publicado en castelán

Improv!!

Improv!!

(autopublicado)

Lobezno

Lobezno

(El Patito Editorial)

Luís vai á praia

Luís vai á praia

(Faktoría K de libros). Tamén publicado en castelán

Mamed Casanova. O fillo da furia

Mamed Casanova. O fillo da furia

(Demo Editorial)

O burato do inferno

O burato do inferno

(Faktoría K de Libros). Tamén publicado en castelán

O insólito ascenso de Madame Pol

O insólito ascenso de Madame Pol

(Faktoría K de Libros). Tamén publicado en castelán

Petaco

Petaco

(Diábolo Ediciones)

Pictodiario

Pictodiario

(Polaqia)

Polaqia Sketchbook nº4

Polaqia Sketchbook nº4

José Domingo. Incómodos Vecinos (Polaqia)

Sen mirar atrás

Sen mirar atrás

(Demo Editorial, Deputación da Coruña). Tamén publicado en castelán

Spirou e Fantasio en Nova York

Spirou e Fantasio en Nova York

(Cerditos de Guinea Cómics)

Stratos

Stratos

(El Patito Editorial)

Superlópez e a caixa de Pandora

Superlópez e a caixa de Pandora

(Cerditos de Guinea Cómics)

Y tú qué prefieres

Y tú qué prefieres

(Faktoría K de Libros)

Carne Líquida nº9

Carne Líquida nº9

(Autopublicado)