Presentamos o roteiro Castelao en Pontevedra

Un paseo pola Cidade do Lérez permite coñecer polo miúdo a obra do rianxeiro

Percorrer a cidade de Pontevedra seguindo as pegadas de Castelao. Esta é a proposta que achegamos hoxe nos nosos roterios para o verán. Trátase dun percurso breve pero no que se poden atopar múltiples referencias ao traballo do rianxeiro espalladas nos máis diversos recantos da cidade do Lérez. Un xeito diferente de nos achegar á Boa Vila e mais á figura do insigne galeguista.

Traballo, familia, creación artística ou activismo político. A cidade de Pontevedra resulta fundamental para entender a vida e a obra de Castelao e, por extensión, o galeguismo do primeiro terzo do século XX. Malia ás inevitables mudanzas que experimentou o casco urbano desde entón, aínda é posible percorrer boa parte dos espazos polos que transcorrían os días deste persoeiro fundamental. Achegamos unha pequena selección.

1. Museo de Pontevedra (edificio Castro Monteagudo)
Visitar este centro permitiranos coñecer a Praza da Leña, un dos recantos máis recoñecidos da zona histórica pontevedresa. Pero ademais, estaremos entrando no lugar onde se pode ver máis obra gráfica do rianxeiro. Para alén das pinturas e debuxos que nos amosan a súa faceta artística, o Museo foi tamén un centro que contou coa colaboración activa de Castelao, que fixo parte do seu padroado.

2. Café Moderno
Reconstruído hai poucos anos como Centro Social de Caixa Galicia, este espazo recuperou o seu aspecto modernista e evoca as xuntanzas que mantiña aquí Castelao con distintos persoeiros da intelectualidade da época. Diante do edificio, unha escultura lembra estas tertulias.

3. Ruínas de Santo Domingo
Nos restos deste antigo convento poden atoparse os orixinais dalgunhas pezas retratadas en As cruces de pedra na Galiza. Lugar de referencia na cidade, os restos permiten achegarse á nosa historia medieval mediante sepulcros da época e unha grande colección de escudos heráldicos.


O roteiro foi deseñado para o CCG por Etnoga.