O Proxecto Toponímico de Galicia avanza na recuperación dos nomes que conforman a identidade territorial

¿E ti de onde ves sendo?

Comarcas, municipios, aldeas, capelas, fontes, embalses, montañas, covas... todo absolutamente todo que remita a unha entidade territorial estará catalogado. Ou polo menos ese é o cometido do Proxecto Toponímico de Galicia, un extensísimo e vasto traballo que pretende preservar e protexer un patrimonio lingüístico e cultural que está a desaparecer paseniñamente.

Todo ten un nome, que pode ser diferente co paso do tempo. Todos sabemos que as linguas, son como as comunidades vivas e moitas veces as formas de chamarlle as cousas varían. E igual que pasa na nosa forma de falar, de alcumarnos os uns ós outros e mesmo de relacionarnos, pasa no modo que lle chamamos ás cousas, ós territorios e ós lugares. E á forma na que lles chamamos ós lugares é o que pretende recuperar o Proxecto Toponimia de Galicia. Un proxecto que, segundo o xeógrafo e coordinador, Fernando García Pazos, "nace coa necesidade de conservar e protexer un patrimonio lingüístico e cultural que corre o risco de perderse no esquecemento, mediante un plan de acción para acometer a recollida de toda a toponimia existente no territorio". É dicir, o seu cometido é recoller todos os nomes de lugar, definir a súa ortografía e localizalos sobre un mapa. Un programa que se da a coñecer hoxe no congreso Internacional de Onomástica Galega "Frei Martín Sarmiento" que se desenvolve en Santiago.



Naceu hai pouco máis de dous anos ó abeiro da Lei de Normalización Lingüística, como unha experiencia piloto en cinco zonas diferentes do territorio e que estaban a sufrir momentos económicos diferentes (a economía sempre mediatizou a forma de relacionarnos co medio e de chamalo) . Os pioneiros foron Betanzos e Santiago (na Coruña), Sarria (en Lugo) e Riós e Quintela de Leirado (Ourense) e nos que un equipo de investigación foi recollendo todos os datos de toponimia e microtoponimia (nomes de aldeas, lugares, ríos, regatos, montes, terras, vales, vías, fontes....) e que asentaron, ademais dun modelo de proceder cos concellos (unidades e obxectos de investigación do traballo), unha previsión do tempo no que se podería acometer todo o traballo.



A día de hoxe, segundo datos do coordinador do proxecto, existen unha decena de concellos rematados (ou a piques de concluír o traballo de campo), e entre uns 50 e 60 nos que xa se iniciaron as xestións. En números hai recollidos uns 52.482 topónimos (12.157 na Coruña, 11.163 en Lugo, en Ourense 23.383 e en Pontevedra, 5.778). É un proceso lento, que discorre paseniñamente e que ten como principal inimigo o paso do tempo. Moitos dos nomes e das formas de referirse a determinados lugares perviven na memoria e no maxín dos maiores e coa súa perda, pérdese tamén unha parte da cultura e da identidade territorial. E os procesos son lentos porque ademais de traballosos (en Galicia conta aproximadamente coa metade dos nomes de lugar que existen en todo o Estado Español, conformando un total de tres millóns de nomes) son custosos. O orzamento inicial co que se contaba era uns 108.000 euros (uns 18 millóns de pesetas), que aportaban a Consellería de Presidencia e Dirección Xeral de Política Lingüística, unha contía que se quedou escasa para a magnitude do proxecto. De feito, segundo o seu coordinador, estanse a revisar as partidas económicas e acábase de ter unha nova incorporación: a Consellería de Obras Públicas e Ordenación do Territorio. Isto no que atende ó custe que supoñen ás preto de 15 persoas contratadas especificamente (filólogos, informáticos, xeógrafos e técnicos) para o desenvolvemento do traballo desde o SITGA (Área de Cartografía das S.A para o desenvolvemento comarcal de Galicia).



Pero existen máis entidades implicadas neste proxecto que, non aportan cartos, pero aportan outro tipo de material igualmente válido. Son a Real Academia Galega (que se incorporou ó proxecto en maio e facilitará persoal e recursos técnicos), o Seminario de Galego de Centros de Ensino (que realizará actividades de dinamización sobre a toponimia da súa zona) e, por suposto, cada uns dos concellos (que como base de actuación xoga un papel destacado dentro deste gran banco de datos toponímico).



Metodoloxía de traballo



O concello é a unidade territorial base do traballo, como unha forma de sistematizar o obxecto de estudio por unha banda e pola outra, conseguir unha mellor implicación das persoas que poidan informar. E a forma de integrar os concellos para que colaboren activamente (e iso implica tamén colaboración económica) co SITGA no desenvolvemento deste traballo é mediante a sinatura de convenios de colaboración.



Así o SITGA facilita o material para realizar a recollida, a metodoloxía de traballo, a base de datos, a cartografía e as aplicacións informáticas (a base de datos e as fichas correspondentes precisas para obter a información); mentres que o concello asume o custo das persoas que forman o equipo de traballo que realiza as enquisas para a recollida de datos (unha contratación que na maioría dos casos se asume a través do Plan Labora da Consellería de Familia).



Os obxectivos desta enquisa resúmense no establecemento dun plan xeográfico (tipoloxía correcta de cada topónimo e a súa localización precisa no mapa) e no plano lingüístico (na transcrición ortográfica e fonética da enquisa oral realizada polo propio terreo, e a definición precisa da acepción que acompañan ó topónimo).



Con este proceso o que se pretende é que a creación desta base de datos toponímica teña unha aplicación práctica no traballo de todos os organismos que manexan a información territorial (desde a investigación, planificación do medio , estatística ata o catastro, a concentración parcelaria)... E unha vez realizado este thesaurus toponímico (con carácter normativo e lingüístico) resultará moito máis doado a súa revisión e actualización.



A toponimia no ensino



Coñecer as relacións do home co seu entorno e a forma que emprega para denominalo é algo que se debe inculcar desde nenos. Por iso, desde o Proxecto Toponimia de Galicia non quixeron descoidar a grande achega que se poden facer desde a escola. Co amparo da Consellería de Educación, pensouse que a mellor forma de integrar ós rapaces dentro deste proxecto era a través dun concurso, un certame que premie o coñecemento do seu propio medio por parte dos escolares e que os obrigaría a coñecer xa non só o seu espacio, senón, na sociolingüística específica de cada campo. Un traballo de base que, ademais, aportaría información de primeira man sobre a toponimia dos concellos dun xeito lúdico e ó mesmo tempo pedagóxico.