O lobby do camiño

Un intergrupo do Parlamento Europeo vela pola promoción e mellora do Camiño de Santiago

Non teñen competencias executivas pero a súa presenza dá caché. Son o lobby do Camiño de Santiago. Francisco Millán Mon (PPE) acaba de resucitar un intergrupo (agrupación informais de eurodiputados que comparten puntos de vista comúns) que nos anos oitenta creou Xerardo Fernández Albor con importantes repercusións para o que é o primeiro trazado cultural Europeo.

"Europa fíxose peregrinando a Compostela" escribiu Goethe. E a frase, que tanto gustaron de repetir numerosos políticos galegos ao longo dos últimos lustros encerra unha parte de verdade avalada por numerosos títulos e documentos institucionais. En 1987, o Consello de Europa declarou o Camiño de Santiago o Primeiro Itinerario Cultural Europeo; a Unesco concedeulle a declaración de Patrimonio da Humanidade e tamén foi recoñecido co premio Príncipe de Asturias da Concordia. No seo do Parlamento Europeo creouse un intergrupo, é dicir, unha agrupacións informais de eurodeputados con inquedanzas comúns e, neste caso, cun itinerario que ten numerosos trazados, variantes e particularidades. Baixo o nome Camiños de Santiago/Ways of Saint James, esta sociedade política pretende estimular a identificación, recuperación e sinalización dos Camiños de Santiago en Europa.

"Como non temos dotación orzamentaria nós non podemos facer nada directamente, pero si reunirnos con políticos locais para transmitirlle esa sensibilidade e impulsalos a desenvolver accións no camiño" asegura Francisco Millán Mon. Para ser máis precisos aínda, “se conseguimos que países do norte de Europa, no que o espírito xacobeo estea menos estendido, recuperen partes do camiño ou algún elemento patrimonial como unha igrexa xa é un avance”. Ademais, esta viaxe tamén ten unha dobre volta, xa que estas reunións poden exercer certa influencia no desenvolvemento das políticas comunitarias, tanto no seo do Parlamento como no resto de institucións europeas.

Antecedentes e obxectivos
Non é a primeira vez que o Parlamento Europeo conta cun intergrupo. Nos anos noventa, Xerardo Fernández Albor promoveu un que recolleu o pulo social e cultural xestado na década anterior coas visitas do Papa a Galicia, o impulso das primeiras celebracións importantes do Xacobeo. Un legado que promoveu unha conciencia pro-camiño entre os eurodeputados de moitos países. Á marcha de Fernández Albor, o deputado navarro Jaime Valdivieso foi o continuador dese traballo e dese espírito. Non foi ata a chegada de Milán Mon e Antolín Sánchez Presedo ao Parlamento, cando se decidiron a relanzar nesta iniciativa. “Tentámolo no 2000, pero levabamos moi pouco tempo e claro, un aínda non tiña os contactos, non coñecía tanto á xente” asegura Millán Mon.

Pero a perseveranza tivo os seus froitos e o 11 de febreiro, Estrasburgo acolleu a primeira reunión do Intergrupo que conta con 60 eurodeputados e ten cinco vicepresidentes (o francés Dominique Baudis, o italiano Mario Mauro, o portugués Paulo Rangel, o polaco Konrad Szymansky e o galego Antolín Sánchez-Presedo). Foi nesta cidade porque así o marca o regulamento do Parlamento Europeo que fai fincapé en distinguir a súas actuacións da actividade oficial e lles cede os espazos (mais o servizo de tradución) ao remate das sesións plenarias (habitualmente os xoves). Millán Mon explica que moitas veces non é posible reunirse en Estrasburgo polo que manteñen a actividade por correo electrónico. “O habitual é reunirse unha vez ao mes, pero se esa frecuencia pode variar se as circunstancias o requiren e nos reunimos en Bruxelas, aínda que alí o Parlamento non nos facilita servizo de tradución e temos que empregar o inglés como lingua común”, afirma Millán Mon.

En todo caso, ademais de “manter viva a memoria e a conciencia Europea do Camiño”, o integrupo tamén pretende manter o contacto con institucións, cidade e entidades que están relacionadas con este trazado. É habitual a presenza dun eurodeputado en calquera foro, seminario e debate que se organice a propósito deste fin. Son fluídas as relacións con entidades como a Fundación Galicia Europa en Bruxelas que dan pé a multitude de actividades (conferencias, exposicións….) pero tamén con moitas outras entidades.