Quen faga un percorrido polas librarías da zona vella de Compostela este ano poderá comprobar nos seus escaparates que estas tendas tamén aproveitan o tirón turístico do Xacobeo 2010. Roteiros por Galicia e libros de temática xacobea e, canda elas, moitas novelas sobre o Camiño ao mellor estilo Dan Brown. Unha ollada máis atenta revela que a maior parte dos seus autores son foráneos. E que moitas veces non poden evitar caer nos tópicos sobre o país e os seus mitos.
Na televisión, a escena ocorre do seguinte xeito: un moribundo Gonzalo Uriarte, caracterizado como cabeciña dunha secta priscilianista compostelana, balbucea a Roberto Enríquez: Somos herexes pero non asasinos, Padre Quart. Enríquez interpreta a un axente especial do Vaticano especializado en turbios asuntos esotéricos. Os dous, e outras dúas personaxes, están encerradas na cripta do mosteiro de Carboeiro, en Silleda a produtora engadiulle unha vistosa tumba de Prisciliano no centro- á que só se pode acceder despois de tocar unha melodía cun organiño situado na nave da vistosa igrexa medieval. Tan bizarra escena aparece no segundo capítulo da serie Quart, que Antena 3 emitiu hai dous anos en horario de prime time.
Este fragmento de guíon non é máis que un exemplo da postmoderna e por veces kitsch ensalada conceptual que hoxe en día se emprega para a ficción ao redor do Camiño de Santiago. Ocorre no audiovisual pero, sobre todo, na literatura. Imaxinario, mitoloxía e recreación histórica anegan as librarías compostelanas; os máis puristas (un sector minoritario) recrean a versión orixinal do mito compostelano e a súa historia, pero unha boa parte deles aderezan a narrativa co último en templarios, rosacruces, meigas, criptas, segredos e curas detectives. É un xénero que continúa en auxe.
Desde que Random House publicara nos Estados Unidos no 2003 a novela O código da Vinci dun escritor moi pouco coñecido, Dan Brown, cun éxito imparable de vendas, o mercado editorial foi un non parar, con produtos escritos a partir dun imaxinario híbrido de mitoloxía, esoterismo e ocultismo que cristalizou en Europa no XIX a partir da relectura romántica dos mitos medievais.
Un cóctel de imaxinarios
A especial materia lendaria do Camiño de Santiago vén prestándose a lecturas do seu imaxinario desde hai tempo. O galeguismo desde finais do XIX viña reinterpretando o roteiro e a súa significación relixiosa mesturándoo con outras referencias da cultura do país: o Grial do Cebreiro, a presenza do Santo André de Teixido ou a existencia dun camino prehistórico en dirección ao Solpor. A devoción de Santiago sería a manifestación medieval desta vía inmemorial. Os galeguistas interpretaron a historia do Camiño como unha Historia imposta desde fóra, e procuraron interpretala en clave máis galaica.
O exemplo máis claro destes traballos é a "Gran Sospeita", que xa nunca nos abandonou: ¿sería en realidade Prisciliano o que estará soterrado na catedral de Compostela? O teólogo Victorino Fernández Prieto revisou en Prisciliano na cultura galega (Galaxia) o rol do herexe no espírito cultural do país, máis acaído que o propio Santiago. A "Gran Sospeita" xa nunca nos abandonou.
Esta corrente de mitoloxía moderna ficara, máis ben, no consumo interno en Galicia, ata o primeiro gran best-seller do esoterismo de base xacobea. A lectura máis libre dos mitos galegos proveña do propio espírito da Transición española, cando se edita o primeiro best-seller esotérico. En Gárgoris y Habidis. Una historia mágica de España (1978), Fernando Sánchez-Dragó céibase e vemos, por primeira vez, destinados a un público non galego, os elementos que irán forxando parte das claves deste revisitado mito xacobeo: o druidismo, as meigas, o paganismo latente na cultura galega. Unha corrente máis espiritualista representouno outro best-seller xacobeo publicado dez anos máis tarde polo brasileiro Paulo Coelho: O peregrino de Compostela (Diario dun mago) introduciu ao Camiño de Santiago nun esquema da espiritualidade contemporánea, en conexión clara co puxante sector dos libros de autoaxuda. Coelho convertiu o Camiño nunha experiencia de evolución persoal. No ano 1999 Sánchez-Drago, ao fío do Xacobeo dese ano, revalida a experiencia cunha Historia mágica del Camino de Santiago, na que desfila todo o imaxinario deste subxénero: desde os templarios ata os alquimistas e os druidas.
Novidades no Xacobeo 2010
A maior parte das novidades en narrativa relacionadas co Camiño de Santiago están escritas por autores de fóra de Galicia, que recrean cada un ao seu xeito a experiencia xacobea e, ás veces, os propios mitos do Apóstolo e da Historia de Galicia. Os adolescentes contan con dous títulos que abondan nos aspectos mortuorios tan en boga na literatura xuvenil actual. En A cripta do Apóstolo, o autor Pere Tobaruela sitúa a un grupo de amigos que percorren o Camiño de Santiago co seu colexio, e durante o traxecto un monitor avísalles que a Cripta do Apóstolo está en perigo. Aí queda o asunto. Pero tamén a cripta (segunda mención nesta reportaxe). Pola súa banda, en El cementerio de las estrellas, Manuel Nonídez sitúa a dous adolescentes que deben desvelar, coa axuda dun experto, os significados ocultos que un anticuario asasinado ocultou nos símbolos arcanos dun caderno de campo.
Xa no ámbito da literatura best-seller actual, El alma de las piedras, de Paloma Sánchez-Garnica, adéntrase nos secretos agachados nas pedras do Camiño. O protagonista é un monxe axudante do bispo Teodomiro, Martín de Bilibio, que ve o proceso de descubrimento da Tumba do Apóstolo que ten, asegura o texto promocional, a súa razón de ser na necesidade de fortalecer a fe dos fieis da zona de Galicia, abatida polo abandono e arroxados aos ritos pagáns que o bispado non é quen de erradicar.
Promete moito De obispos y de meigas, de Domingo Pellicer, no que o resumo promocional non ten desperdicio: o consagrado bispo de Reims, Hugo de Vermandois, inicia unha viaxe a Santiago de Compostela provocando así a oposición da Santa Compaña, a cal, con axuda da meiga Ela-Cecilia, tentará que non chegue ao seu destino nin acade, en consecuencia, consolidar o Camiño de Santiago.
Máis fiel á ambientación histórica é La estrella peregrina, de Ángeles Irisarri, baseada nunha peregrinación dunha condesa francesa e o seu séquito ata Compostela no século X. A editorial afirman que é unha novela ideal para percorrer o Camiño desde o sofá de casa. A xornalista Sonsoles Ónega non dubida en recorrer tamén á fantasía para darlle ritmo ao seu libro Encuentros en Bonaval: a fantasía enfróntase á realidade en Compostela, unha terra de meigas onde os soños sempre atopan acubillo. A editorial define a narración copmo dura como a natureza das pedras milenarias da cidade de Santiago e etérea coma os soños dun pobo de meigas, espíritos e feiticeiros.
¿E os autores galegos?
Paradoxicamente, non hai moita presenza galega nesta eclosión de literatura de imaxinario xacobeo maila que parece ser, pola contra, moi rendible. ¿Cales son as causas deste silenzo literario? A profesora da USC e crítica literaria Dolores Vilavedra repasou nun artigo en El País de título sintomático, O Xacobeo ausente, a escaseza de títulos literarios en Galicia ao redor desta temática. Houbo un certo complexo, un certo menosprezo dun tema que se vía como tópico, sinala Vilavedra. A Historia do Camiño elaborouse en boa parte fóra, e en Galicia está vencellado a sectores conservadores, o ámbito da relixión ou a promoción que fixo del o Goberno Fraga. Os casos de ficción escrita en Galicia son moi puntuais, e Vilavedra destaca como sintomático a lectura en clave esotérica que realizou Suso de Toro en Trece badaladas (2002), na que o escritor tamén introduce elementos pagáns e heterodoxos na novela.
Ademáis, sinala Vilavedra, as editoriais de aquí non acaban de ver o feito de encargar a escritores determinados produtos que en anos coma este poden funcionar. Mentres as editoriais desenvolven iniciativas propias en ámbitos como as guías de viaxes, o territorio da ficción continúa especialmente a cargo da iniciativa dos escritores.
Mentres, continúa a paradoxa: o mito máis internacional (e rendible) do país escríbese por escritores de fóra de Galicia.