Ribadavia recupera a procesión das ánimas na súa Festa da Istoria

A historia da Istoria

Entrar en Ribadavia o derradeiro sábado de agosto é como atravesar unha cortina do tempo. Tafetá vermello e azul, tocados dourados, torneos medievalescos nas loitas de nobres cos seus vasalos, aves de presa que surcan os ceos, música medieval, teatro histórico e para cear unicamente as mans. Esquece o móbil, o coche o reloxo e vai a Ribadavia. A "Istoria" sorprenderate.

Prohibido ir en coche (tes dous aparcadoiros con sendas paradas de buses para levarte ó centro), prohibido ir vestido en vaqueiros (o teu traxe de época será o aval para entrar no castelo ou para acudir á cea) e prohibidos os euros (terás que cambiar os teus cartos por marabedís. Que saibas que os cambistas tamén fan o seu agosto, levan unha comisión dun dez por cento dos cartos que cambies). Ribadavia será este sábado un pequeno feudo con historia propia. Non en van esta é a Festa da Istoria máis coñecida en Galicia. Os seus case 35.000 visitantes que se recibiron o ano pasado e o seu galardón de festa de interese turístico-nacional proban a importancia desta historia.



Historia



A Festa da Istoria ten a súa historia. Non é unha celebración recente que xorde da nada. No ano 1989 a Escola Obradoiro “San Andrés” (subvencionada polo Concello, o INEM e o fondo de Cohesión Social europeo) decidiu recuperar unha festa que deixou de celebrarse no 1868. E ó desaparecer esta escola unha coordinadora fíxose eco do seu traballo. Un membro da coordinadora, Erundina Pumares, recorda que da festa orixinaria o único que se mantén é “o desfile e o teatro”. Pero tampouco en estado puro xa que “antes representaban algunha pasaxe do antigo testamento, pero que nós non imos representar, porque non ten moito sentido. O que fixemos foi buscar dous feitos históricos que tiña Ribadavia e, dalgún xeito, sacar unha obra de teatro”. E así foi como naceron as dúas obras que os veciños, de xeito completamente desinteresado e non profesional son os encargados de poñer en escena. Unha é de raíz xudía e, conta como unha persoa de Ribadavia acusou de xudía a un membro da súa familia e logo tiveron un proceso en Santiago. Di a lenda que logo do proceso o que denunciou ó seu familiar apareceu morto en estrañas circunstancias nas rúas da vila. A outra obra de teatro toca un feito histórico que é, segundo recorda Erundina Pumares, “a parte que nos tocou da revolta dos Irmandiños, houbo revolta tiveron os seus máis e os seus menos cos condes e acabaron pasando á señora condesa polas armas”.



Ademais do teatro tamén se conserva da festa orixinal o tradicional desfile, aínda que con connotacións evidentemente diferentes. Segundo conta Erundina Pumares, “na festa orixinaria ían diante o patriarca cos hebreos que recorrían a vila”, mentres que agora o evento adquiriu tinguiduras completamente festivos. Carrozas, comparsas, cabalos, cetrería... é o punto máis vistoso dunha festa que dá moito máis de sl.




Actividades




A Festa da Historia ten un programa cargado de actos da mañá á noite, para que se poida gozar dunha historia, dun ambiente dunha festa en todo o seu esplendor. A festa comeza coa lectura do pregón a cargo dun veciño “ilustre” a primeira hora da mañá. O seu discurso é como o inicio da festa. E logo unha serie de actividades para poder gozar das vantaxes do propio feudo.



Un inmenso xadrez xigante xogará tres partidas de xadrez vestidos de época; logo chegará a Voda Xudía (que organiza o Centro de Estudios Medievais); a exhibición de aves de cetrería desde dentro do castelo dos Sarmientos; o tiro con arco; o torneo con xogos a cabalo; o baile medieval (de gran espectacularidade); a música e o teatro completan unha xornada que remata, como non podía ser doutro xeito cunha grande cea na antiga igrexa da Madalena, no pleno centro da Festa. E este ano, como gran novidade haberá unha procesión de ánimas que supoñerá un percorrido desde a zona vella co obxectivo, segundo Pumares, de “desconxestionar o casco da Historia para que a xente poida desmontar os obradoiros e as súas artes despregadas”.



E aínda que a Festa da Historia é un único día ó ano, por detrás hai moitos meses, moitos nomes e moitas entidades colaborando para que ese día ó ano, esa punta do iceberg sexa un éxito. E a encargada de remover os retazos do pasado e a Coordinadora da Festa da historia. Unha sociedade que se disolve todos os anos en decembro e se volve fundar en xaneiro para que todos os integrantes teñan o mesmo escalafón ou a mesma antigüidade. E esta entidade é a que se encarga de celebrar actividades durante todo o ano que, segundo Erundina Pumares, “Algunhas son completamente independentes da Festa da Historia e outras forman parte da mesma”. As primeiras son o ciclo de conferencias sobre o pasado medievo en Ribadavia e que pretenden contar co apoio da Universidade de Santiago para vindeiras edicións, no que sería un curso de verán. As segundas son os obradoiros que se realizan todos os anos desde xuño e que serven para preparar ós habitantes e ós cidadáns para que a vila retroceda cincocentos anos e que sexa completamente crible. E neste empeño que custa cada ano uns 12.000 euros a Coordinadora non está soa. Caixanova (aínda que non con cartos, si organiza unha actividade musical o día antes da Festa), a Deputación e o Concello contribúen o seu mantemento. E por outro lado, sen esquecer o pasado sefardí de Ribadavia o Centro de Estudios Medievais quere aportar o seu gran de area, e faino coa organización da Voda Xudía.