O ano Pereiro

A Real Academia reivindica a Lois Pereiro como símbolo da creación contemporánea

Fotomontaxe a partir dunha fotografía de Manuel Villarino
Fotomontaxe a partir dunha fotografía de Manuel Villarino
A demanda para que a Real Academia Galega dedicara o Día das Letras Galegas a Lois Pereiro leva percorrendo durante bastantes anos algúns círculos literarios. Os motivos eran claros, para moitos dos escritores: reivindicar unha figura que conecta a poesía galega cos movementos da cultura europea dos 80 e a contracultura.


A estampa de Lois Pereiro converteuse nunha icona no mundo cultural galego. Hai unha famosa foto súa realizada por Manuel Villarino, na que se aprecia o poeta, vestido de negro, estremadamente delgado, cun cigarro medio agachado na man dereita, que podería corresponder a calquera creador cultural de Berlín ou Londres. A súa traxectoria poética parecía correspondíase con esa imaxe. Os dous poemarios que publicou en vida, Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1995) son analizados pola crítica en clave do expresionismo alemán. Para Manuel Rivas, un dos académicos canda Margarita Ledo e Xosé Luis Axeitos, que defenderon no pleno da Real Academia Galega o nomeamento de Lois Pereiro, "é un mito contemporáneo. A súa obra é avangardista, universal e tamén dramática, pero con moito alento".

O mundo da cultura ten sinalado a Lois Pereiro como unha figura que xorde nun momento especial para a cultura galega: a da xeración que comeza a súa acción máis creativa na primeira década da democracia, na que conviven unha creación cultura de base tradicional coa emerxencia de novas tendencias na creación na lingua de noso: a música alén do folk, a literatura urbana, a avangarda creativa e tamén a construción de novas formas de socialización, como a movida. Pereiro é parte desta xeración. En Madrid, onde marchou desde Monforte con 17 anos para estudar, xúntase con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro -o seu irmán, hoxe Decano do Colexio de Xornalistas de Galicia- e Manuel Rivas para fundar a revista Loia. De volta en Galicia, participou tamén en determinadas correntes da creación cultural e poética, vertebrados a través da revista Luces de Galiza e a publicación de antoloxías como De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985). Neses grupos estaban outros autores como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel e outros poetas. Deixou unha novela inconclusa, Náufragos do paradiso, da que se publicaron oito capítulos en Luzes de Galiza

A repercusión

O Presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín, iniciou o acto de presentación aos medios do novo homenaxeado do seguinte xeito: "Tomamos un acordo que terá unha grande repercusión". A súa figura, distinta ao perfil habitual dos homenaxeados no Día das Letras, cun carácter simbólico especial para a institución. "Nas letras galegas", asegurou Ferrín, "constitúe unha liña de intensidade vital e de formas contemporáneas".

Pereiro morreu na cidade da Coruña en 1996, con 38 anos, vítima do síndrome da colza. Tamén niso foi home do seu tempo.