Déixate sorprender

O Imaxina Sons celebra a sexta edición fiel á súa busca do máis novidoso do jazz

“Un non pode chegar á butaca sabendo de antemán o que vai escoitar. Necesitamos que se sorprenda”. E neso traballa Baldo Martínez, director do Imaxina Sons para que cada ano a xente descubra novas propostas musicais. Este ano, o festival ofrecerá desde unha banda que reinterpreta os sons africanos a ritmo de jazz ata un proxecto pensado para iniciar aos máis pequenos neste xénero pasando por master class, mesas redondas, concertos… a cita co jazz arranca hoxe en Vigo.

DESCOBRE A MÚSICA DA VI EDICIÓN DO IMAXINA SONS









Segue fiel aos seus sinais de identidade: a mostra do jazz europeo máis actual, a aposta por novos proxectos que avancen no desenvolvemento deste xénero e amosar unha gran cabida do jazz galego e do resto do Estado. Pero Baldo Martínez non perde o referente de que se trata dun encontro integrado nunha cidade como é Vigo, nun xénero coñecido pero non masivo e que, como festival que é, debe ter un apartado formativo.

Un festival moi público
“O Imaxina Sons está pensado para que todos os cidadáns de Vigo poidan gozar del” apunta o seu director. Pero non ten que ser dun xeito consciente, é dicir, hai actividades como son os pasarrúas para que o jazz entre na vida dos cidadáns sen que se dean conta. Alén destes hai outras iniciativas que pretenden “achegar concertos, sen que teñas que ir predisposto”. Así é como se fai público. E co paso do tempo. O Imaxina Sons cumpre seis anos, ten unha curta traxectoria que aínda non lle permite falar dun público específico e ten o hándicap de ir consolidando públicos. Nese sentido, Baldo promoveu unha iniciativa que ten como obxectivo captar aos máis novos. ¿Cómo? Cunha obra teatral musical Botazz! O swing do jazz que pon no escenario unha serie de muppets (feitas pola empresa Galitoon) para contar a historia dun can con pouco ritmo que é posto en apuros por uns felinos vagabundos e pícaros con moito swing. “Queremos abrir a porta aos máis pequenos, que serán o público de mañᔠafirmaba Baldo Martínez.

Un festival para apoiar proxectos
Neste ano de crise, o Imaxina Sons mantén o orzamento de edicións anteriores. “É un pouco como a economía doméstica, que tes que apretar un pouco máis o cinto axustando ás necesidades que ten o festival sen rebaixar a calidade”, apunta o director. E os principios irrenunciables deste encontro pasan por reflexionar cara onde vai o jazz na actualidade e apoiar novos proxectos. Trátase de “informar de certos mundos e que entendan e vexan o que é como é o jazz”. No marco desta visión de achegar a realidade contemporánea, tamén hai programadas unha serie de mesas redondas que analizarán tanto o fenómeno das redes sociais e de internet como acubillo das máis innovadoras propostas artísticas, como reflexión sobre as inquedanzas do público. Pero tamén hai que “apoiar novos proxectos, servir de plataforma para que a música se poida desenvolver”. ¿Cómo se pode facer? Baldo Martínez apunta a que hai múltiples formas de facelo. Co apoio a proxectos xa iniciados, con valor artístico ao que se lle ofrece a posibilidade de improvisar e de buscar novas fusións con outros músicos. Era o caso de Mompiana, o concerto que tivo que ser cancelado no que o pianista Lluis Vidal revisitaba a obra de Frederic Mompou. “Son iniciativas nos que ti, como festival tes que facer investimentos económicos, de xestión, organizar gravacións…. Un traballo que un artista en solitario non podería asumir”. Baldo Martínez sabe ben da importancia deste apoio ofrecido desde os festivais que fixo posible que no seu momento puidera asumir o Proxecto Miño (encargo do Festival de Gimaraes que lle permitiu xuntar a dez músicos durante un ano sobre unha temática concreta). Na súa opinión, esta actividade de respaldo aos músicos para darlle azos á súa creatividade para ver novos camiños é fundamental e debe continuar no futuro. “Forma parte do que nós entendemos que ha de ser un festival” apunta Baldo que ve nas coproducións con outros festivais a fórmula para continuar con este labor en época de crise. “A única cuestión é tomar iniciativa, porque é complexo xa hai que repartir gastos de produción, negociar moito, estar todos de acordo…. Pero esa é a intención”:
Ligazóns