Compañeiras de papel

Internet e as novas demandas do mercado editorial abren novas vías para as guías de viaxes

Das guías grosas e enciclopédicas a formatos máis lixeiros e cun carácter temático. De compendios que duraban anos a volumes conectados a Internet ou con posibilidades de actualización. As editoriais galegas están a orientar as guías de viaxes cara un público con novas demandas e que lle pide cada vez cousas máis diferentes ás guías.

Dentro do xénero das viaxes, as guías son un dos formatos máis clásicos e de maior venda nas editoriais. Compañeiras inseparables do viaxeiro, o seu papel está a verse afectado na actualidade por un mercado diversificado e a presenza crecente de Internet como fonte de información, pero tamén de prescrición. O Encontro Internacional de Literatura de Viaxes, que se celebrará toda esta semana en Compostela, organizará hoxe ás 20:00 no Centro Social Caixanova unha mesa redonda sobre as súas posibilidades actuais. Quixemos coñecer, da man de tres editores galegos cunha continuada actividade no mercado das guías de viaxes, as perspectivas de futuro deste xénero.

“As guías en formato libro impreso viven un período lánguido, non diría tanto de esmorecemento, pero si dunha clara diminución con respecto ao grande éxito que viviron nos anos 80”, asegura Manuel Bragado, director de Edicións Xerais. Bragado alude ao gran proxecto editorial de Xerais chamado Galicia enteira que editou a empresa viguesa nos 80: “aquel era un gran proxecto de coñecer Galicia en 12 tomos no que máis salientaba o máis relevante do país e con moi pouca información práctica. Hoxe inverteuse a tendencia”. Para Cándido Meixide, responsable de Multimedia de Edicións do Cumio, outra activa editorial galega no ámbito das guías, “nós sempre estivemos dedicados ao tema literario e vimos que aquí podía haber unha liña para outro tipo de xente”. Do Cumio non só edita guías, senón cartografía especializada.

Con enfoque máis temático

Todos os editores consultados salientan a evolución que se deu no formato das guías. Se nos 80 as guías seguían un formato enciclopédico –que continúan as grandes coleccións de viaxes, como as guías de El País Aguilar ou as Lonely Planet- a tendencia actual, cando menos no caso das editoriais galegas, é a especializarse, a buscar temas locais e transversais para explorar o territorio. Do Cumio publicou guías de roteiros provinciais, e logo comezou a especializarse noutros elementos temáticos, como castros, fervenzas ou petroglifos. “Á xente gústalle coñecer elementos en detalle pero ao redor dese eixo central e temático tamén damos outros elementos de interese máis xerais”. Para Alvarellos, editor de Alvarellos Editora, “hai un mercado que consideramos importantísimo: a guía interior de viaxes, feitas para o mercado galego. Libros como a Guía verde de Santiago ou a Guía secreta da Gastronomía de Galicia teñen certa demanda de público local. E logo está”, continúa Alvarellos, “todo o relacionado con Santiago, que ten unha demanda internacional e para o que facemos distribución tamén no exterior”.

¿Son estas guías temáticas –con referencias moi concretas a elementos da cultura de noso- de consumo basicamente galego? Para Do Cumio, non: “tamén traducimos as guías temáticas ao castelán para este público foráneo. E esgotamos antes o mercado español, aínda que por suposto tamén temos reeditado en galego”, asegura Meixide.

Manuel Bragado, de Xerais, asegura ter a certeza de que “o mercado interior diminuiu” para este tipo de libros. Para o editor vigués, “dalgún título de Galicia Enteira se chegou a vender máis de 20.000 exemplares, e era mercado interior. Nós agora queremos compleméntalo co exterior. A nosa guía da Ribeira Sacra en castelán xa está esgotada”.

Internet e a escritura en esencia

Nos últimos anos, o papel de Internet coa presenza de guías interactivas, comunidades de viaxeiros e blogs, engadiu unha dinámica nova fonte de contidos que os consumidores empregan intensamente á hora de decidir as súas viaxes. Para os editores, Internet altera as decisións editoriais en relación ao tipo de guías que editan, aínda que en medidas diferentes. Para Cándido Meixide, de Do Cumio, o papel continúa a ter relevancia: “Todos empregamos Internet para planificar as viaxes, pero no caso concreto das guías, Internet non nos quita demasiado mercado. Fíome máis dunha guía que da conexión a Internet e ao final levamos a guía de man no peto”.

Manuel Bragado, pola contra, adopta unha estratexia intermedia: “A guía como a faciamos antes agora, comercialmente, é inviable. Mentres nós non vaiamos a un formato de edición electrónica, queremos ter algún tipo de posibilidade de competir. Esa é a razón de por que as guías nos últimos dez ahos se transformaron nas Guías da Ribeira Sacra, o Eume, os Curros, ou os Castelos de Galicia. O papel da guía é moitas veces para alertar sobre o espazo”. Bragado adianta que Xerais potenciará ademáis, o xénero da literatura de viaxes noutras coleccións. Deste xeito, a serie Crónica de Xerais acollerá o libro Un paseo por Rusia de María Xosé Queizán, canda outros libros de viaxes ou biográficos. “Imos potenciar a non-ficción nos vindeiros anos, e a literatura de viaxes vai ser moi importante”.

Un bo exemplo da política editorial de Xerais ante os novos tempos é a edición, o vindeiro ano, dunha guía de autor de Galicia, de Xosé Miranda. “Eu teño moita fe na guía de autor: non ten que ser unha obra de referencia máis enciclopédica, pero o subxectivo non é contraditorio co rigor. Debe ter un punto literario e incorporará un apéndice con información de servizos para actualizarse anualmente ou bianualmente”. Alvarellos procurará outros métodos de interacción co ámbito de Internet, especialmente a partir de códigos QR incluídos nas páxinas da guía ou a conexión entre a guía e a ampliación de contidos nun sitio web, conectando os dous mundos. Pero a presenza de Internet tamén ten incidencia no xeito no que se redactan hoxendía as guías de viaxes: “estamos falando de contidos moi concretos e específicos”, asegura Alvarellos, “con continuas referencias a ligazóns web. O mundo dixital estanos a convencer de que hai que escribir en esencia”.