Licenzas libres polo ben do galego

Proxectos de promoción da lingua aproveitan os recursos da rede e o traballo colaborativo

Aproveitar as posibilidades de Internet para difundir a nosa lingua, e facelo fundamentalmente a través dos espazos de ocio e das culturas emerxentes. Estes son os riscos comúns de dous proxectos que botan a andar este mesmo verán en Galicia. Por unha banda, a plataforma Galego Lab quere canalizar as ideas e proxectos de promoción da nosa lingua. Pola outra, Reditegal aposta pola introdución da nosa lingua nos contidos dixitais. Nos dous casos, a colaboración e as licenzas libres preséntanse como partes fundamentais dos dous proxectos, nunha tendencia que promete revolucionar a acción social encol da lingua.

Galego Lab, que se presentou a pasada semana, consiste nunha plataforma web que, segundo explican as bases fundacionais do proxecto, nace “cun enfoque de abaixo-arriba, con especial incidencia nas culturas emerxentes e na naturalidade da vida cotiá “. Segundo explica María Yáñez, unha das fundadoras desta iniciativa, na posta en marcha de Galego Lab “xuntáronse un pouco dúas ansias. Por unha banda había un nuclo de xente que querían ver como desenvolver o traballo a prol do galego nas culturas emerxentes e de cara á xente máis nova. Viron que ese é o ámbito no que máis hai que traballar”. Música, audiovisual, culturas urbanas ou o mesmo Internet son algúns dos ámbitos nos que se centran as propostas cara ás que se orienta Galego Lab.

O xeito de traballo
Galego Lab aposta polo crowdsourcing, ou traballo colaborativo, como método para lanzar e artellar ideas de proxectos a prol da nosa lingua. Segundo explica Yáñez, “a coincidir con esta xente, na empresa A Navalla Suíza queriamos traballar en cuestións de crowdsourcing, e xuntamos os proxectos”. Segundo explica o propio web do proxecto, este sistema traballo consiste na “combinación de traballo e recursos dunha gran cantidade de persoas a través dunha web e cun fin determinado”. A iniciativa establece un completo sistema de valoración e perfeccionamento das propostas, medindo a súa popularidade e permitindo que todos os interesados poidan valoralas e achegar ideas ou recursos ás mesmas formulando preguntas, ou facendo achegas. É precisamente neste sistema colaborativo onde está a grande novidade da iniciativa, segundo explican o seus impulsores. “Non é que o oco estivese tanto no destinatario, porque hai xa tempo que se fan cousas para a xente máis nova, senón no xeito de traballar”. Deste xeito, no web están a se recoller ideas e proxectos como campamentos de verán para neofalantes no rural, un duplo concerto en galego entre Coruña e Vigo, un flahmob ou un proxecto audiovisual sobre a vivencia diaria da lingua ou un servizo de asistencia lingüística a domicilio.

Contidos dixitais
De xeito semellante, está a se desenvolver en Compostela Reditegal, outra proposta a prol da nosa lingua que ten na rede e nos métodos de traballo asociados á mesma o seu eixe fundamental. “Trátase dunha plataforma que tenta aglutinar procesos para termos recursos dixitais en galego. Tentamos ir cara a nichos onde a presenza da nosa lingua é moi reducida ou inexistente, explica explica Xabier Seixo, un dos fundadores desta iniciativa. Entre os primeiros proxectos que está a lanzar a plataforma, está o Galeoke, unha aplicación para facer karaoke con grupos galegos que posúe xa unha canle en Youtube e que se presentará nas vindeiras festas do barrio de San Pedro, en Compostela. Canda a este, o colectivo está a desenvolver un sistema para o subtitulado en galego de filmes e ten en marcha outro proxecto de microblogging na nosa lingua. Como se pode ver, atopamos doutra volta iniciativas que se dirixen a dispoñibilizar máis opcións de ocio na nosa lingua. Segundo explica Seixo, “hai que conquistar o espazo lúdico, non podemos pensar que os nosos nenos e nenas non teñen capacidade para xogar en galego en o facer nada. Practicamente non hai presenza, nin de xogos educativos nin de lecer en xeral, na nosa lingua, e temos que tentar cubrir estes espazos”. Do mesmo xeito que queren achegar novos contidos á nosa lingua, en Reditegal tamén aposta polo camiño contrario. “Nunha segunda fase queremos tamén alimentar cara a fóra, e pór en sistemas multilingües material que se fai aquí, como poden ser videos ou filmes”.

Colaboración
Do mesmo xeito que en Galego Lab, a iniciativa aposta tamén pola colaboración colectiva como xeito de desenvolver novos contidos e propostas para a nosa lingua. “Nós actualmente estamos a deseñar as metodoloxías de traballo, por exemplo para o subtitulado de filmes. Unha vez feito iso, a nosa intención é crear comunidades que desenolvan os diferentes proxectos, con ferramentas que xa existen como foros e redes sociais, e unha vez que a comunidade estea creada, liberar o proxecto para que se desenvolva de xeito autónomo. É un pouco o modelo que xa se está a empregar na tradución de software libre”, explica. “Desde logo, non queremos ocupar espazos nos que xa está a traballar xente, en todo caso integrarémonos nesas iniciativas”.

Libres por necesidade
Tanto un como outro proxecto teñen nas licenzas libres unha das bases do seu traballo. Reditegal advirte no seu proxecto de Galeoke que non poden aceptar grupos rexistrados na Sociedade Xeral de Autores e Editores polas complicacións legais que pode supor a cesión de dereitos dos seus temas para o proxecto. Ao tempo, avogan por que os seus colaboradores adopten licenzas libres, como o creative commons, como mellor xeito de traballar. “Hai moitos recursos que se poden pór en galego porque as súas licenzas o permiten”, lembra Seixo. De xeito semellante, María Yáñez explica que en Galego Lab desenvolven unha política semellantes “porque é o único xeito en que podes facer de xeito legal algo como isto en Internet”. E refire, por exemplo, o proxecto de editar unha escolma de música en galego para empregar nos ximnasios que está en marcha a través do web. “Iso non se pode facer con temas que teñan dereitos reservados. E o mesmo acontece do software, por exemplo. Unha das iniciativas que apareceu no web é facer unha consola para cativos en galego, e iso ou se fai con software libre, e traballando de xeito colaborativo, ou de xeito industrial non se pode facer”.

Recursos abertos
A coincidir con esta análise, Xabier Seixo sinala que “nós somos unha periferia e as empresas non teñen o mínimo interese en que a presenza do galego sexa efectiva. Como moito pódense preocupar polo apoio que poden conseguir da administración para producir na nosa lingua. Por outra banda, a sociedade civil, por descoñecemento e inercias, entre outros elementos, non reclama esta presenza. Nós queremos actuar como catalizadores de cara a que se faga esa reclamación”. A ausencia de interese empresarial, leva, segundo Seixo “a buscar un camiño paralelo, empregando recursos que xa existen. Se sae un xogo de ordenador en software libre, é perfectamente traducible ao noso idioma”. Segundo explica Yáñez, “para nós a rede colaborativa e as licenzas libres supón unha grande oportunidade para o galego, e poida que isto ex Bastantes dificultades temos como para incluír ese afogo mais, É un xeito de permitirlle respirar un pouco ao galego e poida que por iso teña mellor saúde en Internet no que no “mundo real”.

As apostas están enriba da mesa, ao igual que moitas outras que están a se aproveitar de todos ou dalgunhas destas posibilidades. Queda por ver ata que punto conseguen mudar a situación do noso idioma.