O difícil ascenso desde o río

A Ribeira Sacra consolida a súa presenza no mapa cultural e turístico do país

O río Sil e o mosteiro de Santa Cristina. Foto: Turgalicia
O río Sil e o mosteiro de Santa Cristina. Foto: Turgalicia
Carece de límites concretos. Repártese entre dúas provincias e outros tantos ríos. Comprende destacados elementos naturais, históricos, gastronómicos e paisaxísticos. Agora, un libro analiza a historia e os recursos da Ribeira Sacra, un espazo que está a se reivindicar pola súa importancia no conxunto do país e que ten aínda grandes retos por superar.

Piedra sobre agua: El monacato en el entorno de la Ribeira Sacra é o título da última obra que analiza, a través de catorce artigos, cuestións como a implantación dos mosteiros na zona, a situación xurídica dos mesmos, a arte e a configuración desta comarca. Enrique Fernández Castiñeiras e Juan M. Monterroso foron os coordinadores desta publicación que presentaba a pasada semana a Fundación Barrié.

Os límites difusos
Segundo explica Monterroso,“é complicado definila porque mesmo na súa delimitación territorial hai moitas variantes, non é a mesma Ribeira Sacra para todo o mundo”. E é que os límites non están claros. Se nos guiamos polo mapa que achega o Consorcio de Turismo da zona, a Ribeira chega polo Oeste ata Nogueira de Ramuín, no Leste a Quiroga, cara o Norte prolongan a comarca ata Portomarín, e no Sur prolóngase ata Montederramo. “No entanto, hai un elemento básico que é o vencello cos límites do Sil e das súas gorxas. Xeograficamente é unha estrutura marcada por pendentes escarpadas e mais un microclima privilexiado que lle permite ter unha produción vitivinícola de especial interese, e mesmo oliveira nalgúns casos. Iso implica tamén unha estrutura socioeconómica concreta”.

O patrimonio
No entanto, o elemento máis coñecido desta área son os abondosos mosteiros que lle dan nome, e dos cales na actualidade pódense visitar 18. A primeira referencia á “Rivoira Sacra” aparecer xa en 1124 na carta fundacional do Mosteiro de Montederramo, o que dá idea da temperá ocupación destas terras. “A nivel cultural ten carta de natureza como espazo agreste e illado, onde o monacato, primeiro como eremitas e logo organizados en ordes como os Bieitos ou o Císter, atopa un lugar ideal para se retirar a meditar. Xa no século XVII Frei Antonio de Yepes fala da zona como un marco incomparable para a vida monástica”. Para alén dun lugar de retiro, a zona posuía tamén destacados recursos económicos que permitían a supervivencia destas comunidades, nomeadamente o viño. Segundo explica Monterroso “a zona introdúcese prefectamente no ideario espacial dunha orde monástica. A pegada da relixión marcou a estrutura da zona”.

Evolución
Obviamente, a área mudou moito ao longo dos anos, e é que falamos dun espazo que “conta con poboamento continuo xa desde antigo, dáse unha certa continuidade da ocupación”. Xa desde a época castrexa, o final do Imperio Romano e, especialmente, desde a difusión do cristianismo e a multiplicación de comunidades monásticas, a área mantivo unha relativa presenza humana. Segundo este investigador, “a pegada social da área na historia galega é relativamente pequena. Había pouca poboación e economicamente eran áreas periféricas. O que acontece é que os mosteiros tiñan xurisdicción sobre amplos dominios noutras áreas de Galicia. O maior peso económico, baseado sobre todo nas rendas e no dominio territorial, dáse sobre todo a partir da reforma dos Reis Católicos ata o século XVIII. É nesta época cando se dá o proceso de renovación arquitectónica e de construción de grandes edificios, entre eles algúns dos mosteiros máis interesantes da xeografía española. Despois é unha etapa máis escura para os cenobios, xa coa desamortización. Ata a estrutura municipal é a igrexa quen vertebra esta estrutura territorial.”

A paisaxe
Foi o cultivo da vide o que deu forma a boa parte da paisaxe ribeirá, unha paisaxe que supón para estes autores o principal patrimonio da zona. “O marco natural é fundamental, sobre todo pola conxunción entre ese marco cun espazo construído, artístico e cultural que é o do mundo monástico. Nese sentido destacan as xoias de San Estevo de Ribas de Sil e Santa María de Montederramo”. A estes engaden “toda unha serie de prioratos vencellados a eles, tanto do císter como bernardos. Ao final supoñen unha rede completísima que se traduce case na estrutura parroquial da zona”.

A reivindicación
Logo de que no século XIX a desamortización dese finalmente na ruína de boa parte dos mosteiros da zona e do progresivo abandono da poboación da comarca, nos últimos anos están a se multiplicar as iniciativas para reivindicar esta área. Iniciativas como o tren turístico que percorrerá as beiras dos ríos a partir do vindeiro mes de xuño, rutas vinícolas, museos, restauracións como a que fixo do mosteiro de San Estevo un destacado parador, aloxamentos, rutas de sendeirismo e actividades de promoción de todo tipo van configurando a zona coma un espazo de especial atractivo turístico. Segundo o coordinador de Piedra sobre agua, “estase avanzando moito e fanse moitas cousas, tanto na posta en valor do patrimonio como na paisaxe e da cultura do viño”. No entanto apunta que “queda aínda moito por traballar porque a Ribeira Sacra é inmensa. Agora temos a conciencia patrimonial suficiente para a valorar no seu conxunto, non só polos monumentos e a paisaxe, senón pola súa condición de ser unha paisaxe antrópica, completamente modificada polo home”. Á hora de falar de eivas, continúan a existir carencias en infraestruturas e faltan aínda moitos elementos para se pór en valor, segundo este investigador. “Están a se facer actuacións puntuais, pero resultan bastante illadas”. O Plan de Desenvolvemento Turísico da zona, que afecta a 20 concellos, preséntase como unha das grandes oportunidades de coordinar accións e desenvolver novos proxectos.

De cara ao futuro, a Ribeira terá que se enfrontar á súa posta en valor como destino turístico destacado e mais á modernización da actividade vitivinícola. Canda a isto, ten pendente desde hai anos un grande reto no que aínda lle cómpre moito traballo, e é que a zona está na lista de agarda para chegar a ser proposta por España como Patrimonio da Humanidade. Segundo recoñece Monterroso, a posibilidade de acadar este estatus “é moi difícil porque hai moita competencia. Se se explota a conxunción de elementos baixo a cultura monástica cabe a posibilidade de que nalgún momento se consiga este recoñecemento”. No entanto, queda aínda pendente moito traballo de promoción e recuperación para comezar a pensar seriamente nesta posibilidade.