No ronsel do Grand Tour

Dúas producións culturais rescatan as viaxes de aprendizaxe dos intelectuais galegos

Roberto González del Blanco no Cairo (década de 1910)
Roberto González del Blanco no Cairo (década de 1910)
Entre as elites europeas dos últimos séculos, foi habitual emprender viaxes de formación a Europa e Asia que permitían coñecer os escenarios da Historia clásica europea e escribir despois os relatos destas aventuras turísticas. Aínda que en menor escala, Galicia non foi allea a este fenómeno, e así o evidencian dúas novidades culturais: o libro Memorias dunha viaxe improvisada, en Rinoceronte Editora, e un programa cinematográfico titulado Os mundos de Vicente Risco, presentado hoxe no Festival de Cine de Ourense. Son historias fascinantes que retratan a Europa do XIX e XX desde a óptica dos curiosos visitantes galegos.

Desde o século XVII, pero especialmente a partir da Ilustración, impúxose unha moda para a educación dos fillos da aristocracia europea: o Grand Tour, o paso final na formación das elites europeas. O Grand Tour consistía na visita, acompañado dun preceptor, dos principais focos culturais da Europa antiga, nomeadamente Francia –con París- e as ciudades do Renacemento italiano. Coa mellora das comunicacións no século XIX, o colonialismo en Asia e os novos gustos estéticos orientalizantes, as viaxes fixéronse máis longas, incorporando Palestina e Exipto a estas viaxes da aristocracia e a alta burguesía. Moitos deles contaban despois a súa experiencia, a “viaxe dunha vida”.

Memorias dunha viaxe improvisada
Aínda que na súa condición periférica, Galicia tamén participou do gusto polas viaxes culturais, e pouco a pouco van aparecendo textos e crónicas das elites económicas e culturais galegas aos focos culturais Europeos. Rinoceronte Editora acaba de publicar Memorias dunha viaxe improvisada, a tradución ao galego dun curioso libro impreso en Betanzos en 1900 no que un indiano retornado de América, Rogelio Borondo, narra a súa viaxe cos irmáns Juan e Jesús García Naveira por Francia, Italia e Suíza, no estilo do seu tempo. O título de improvisado alude á descrición de cómo se organizou a viaxe: da mañá á tarde, a partir dun encontró fortuito na rúa entre os tres amigos que se despedían antes de partir en “misión comercial”. O interesante do asunto é que os irmáns Naveira, os coñecidos filántropos de Betanzos, empregaron a viaxe para algo máis. Segundo o xornalista Xesús Fraga, autor da introdución, “semella que case todos os lugares visitados no 1899 acabaron, dunha forma ou doutra, no Pasatempo”. E é que os Naveira atoparon inspiración en Europa para deseñar o seu parque exemplar en Betanzos.

De Europa a Oriente
A finais do XIX xurde en Europa o orientalismo, a fascinación polas culturas árabes e orientais vinculado á propia expansión colonial europea en Asia. Algúns viaxeiros galegos tamén emprenderon viaxes nesa dirección. Un caso significativo é Roberto González del Blanco, un aristócrata amante da pintura que encarna o prototipo de viaxeiro romántico do século XX. A súa historia foi recuperada polo equipo de investigación dos castros de Neixón, en Boiro. González del Blanco viaxou a Exipto ao rematar os seus estudos e de alí a Constantinopla, Italia, a Roma e a Florencia, onde residiu. A súa fascinación por Oriente ficaría despois plasmada na súa plástica elaborada en Galicia. Ao que sabemos, a aristocracia ilustrada do país viaxou moito por Europa: autores como Emilia Pardo Bazán ou Federico Maciñeira repetiron estancias en París e noutras ciudades do continente.

Vicente Risco e a República de Weimar
Para o Presidente do CCG e catedrático de Historia Contemporánea da USC, Ramón Villares, “a vontade de pensar Galicia en termos europeus é antiga. O que acontece é que os membros da xeración Nós déronlle un novo tratamento a esta dimensión europea de Galicia. Ao seu xeito, os tres grandes da xeración Nós fixeron importantes viaxes por Europa”. O factor que fixo posible que os intelectuais galegos, con menos posibles, viaxaran por Europa foron as bolsas da Junta de Ampliación de Estudios, concedidas na República. O Álbum da Ciencia de culturagalega.org permite ver o traxecto de moitos intelectuais por centros de cultura europeos.

Un deles sería Vicente Risco, que fixo unha longa viaxe a Alemaña en 1933 para estudar etnografía e residir en Berlín por varios meses. Da experiencia xurdirían uns controvertidos diarios, Mitteleuropa, en 1934, nos que Vicente Risco narra o xurdimento do nazismo en Alemaña. Hoxe presentouse en Ourense no Festival Internacional de Cine da cidade o programa Os mundos de Vicente Risco, que acolle unha exposición titulada Os estudios cinematográficos da UFA na Fundación Vicente Risco de Allariz e un ciclo de cine cos clásicos cinematográficos producidos en Berlín durante a estadía de Vicente Risco aló.

o documental Vicente Risco e a República de Weimar, promovido pola Fundación do autor, no que se detalla a viaxe de Risco ao Berlín de entreguerras.

As cruces de Castelao
Castelao, tamén pensionado pola Junta de Ampliación de Estudios, tamén emprendería viaxes por Europa. O seu Diario da viaxe de 1921 dá conta do seu percorrido polos museos, e o seu estudio As cruces de pedra na Bretaña<(1930) converterase nunha exhaustiva publicación que inspiraría a posterior As cruces de pedra na Galiza (1950). Otero Pedrayo tamén emprendería viaxes por Europa.