Lecturas das Letras

A orixinalidade dos enfoques marca boa parte das publicacións relacionadas con Uxío Novoneyra

Como cada ano, a celebración do Día das Letras vén acompañado da publicación dun bo feixe de libros encol do autor homenaxeado. Uxío Novoneyra non podía ser menos. Recitais en CD, pseudomemorias ou banda deseñada mestúranse coas habituais reedicións, textos inéditos e obras divulgativas mestúranse nos andeis das librarías. Achegámoste unha listaxes das opcións máis recentes para se achegar ao Poeta do Courel.

Obviamente, a reedición de obras de Novoneyra supón un dos puntais dos lanzamentos encol do homenaxeado. Desta volta é Galaxia quen corre coa xa inevitable Antoloxía poética, da que se encargou Arturo Casas. Alvarellos, pola súa banda, tirou do prelo unha reedición de Tempo de elexía en galego e castelán, tal e como fora publicada orixinalmente en 1966. Canda aos poemas, a obra inclúe unha Autopética na que o autor reflexiona sobre a súa creación e mais un CD no que se pode escoitar, por vez primeira, o recital que Novoneyra realizou no Instituto Lucus Augusti en 1982. Semella que o CD con recitados é unha das tendencias das publicacións deste ano, xa que tamén a nova edición de Do Courel a Compostela, de Galaxia, inclúe un. Xerais, pola súa banda, recupera Os Eidos. O libro do Courel e mais Dos soños teimosos, a principal obra de reflexión deste autor. Pola súa banda, na Deputación de Lugo apostaron por recuperar a edición primeira de Letanía de Galicia, unha obra publicada orixinalmente en 1972 na revista da Escola de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo e que sufriu diferentes problemas coa censura da época.


Biografías e ensaios
Canda ás propias obras do autor, tamén están a ver a luz os habituais ensaios e reflexións sobre o mesmo. A xa habitual biografía que tira A Nosa Terra sobre o homenaxado de cada ano corre nesta ocasión por conta de Carmen Blanco. Canda a esta, Antón Lopo fai a súa propia achega á vida do homenaxeado na forma dunhas supostas memorias en A distancia do lobo. Biografía de Uxío Novoneyra, que publica Galaxia. O autor aproveitou entrevistas, discursos e a obra deste autor para reconstruír os hipotéticos recordos do poeta ao final da súa vida. Desde a amizade co autor Xosé Lois García achéganos en Uxío Novoneyra. Revisitado unha ollada íntima ao courelán. Hai tamén abondas publicacións colectivas. O Centro Ramón Piñeiro apostou por un monográfico dos seus cadernos, no que achega unha ampla selección de textos inéditos, tanto en prosa como poéticos, así como reproducións de mecanoscritos e caligrafías. Tamén Escrita contemporánea a revista a AELG, centra no poeta a súa atención, con textos de creación, artigos, fotografías e distintos contidos.

Didácticas
A xeito de ensaio atopamos en 3C3 o Dicionario Uxío Novoneyra de Esperanza Mariño. O volume mestura unha introdución á vida de autor cunha escolma poética e achega asimesmo diferente material didáctico para traballor o autor nas aulas de secundaria e dos últimos cursos de primaria. A coincidir en certo xeito na idea e no público, Everest tirou do prelo Do A ao Z con... Uxío Novoneyra, de Francisco Xavier Fernández Naval. A partir de entradas alfabeticamente ordenadas, o autor fai un repaso polas ideas, a vida e mais a obra do poeta para os máis novos. Tamén para eles, Xerais publica na colección Merlín Folerpas de Novoneyra, un libro no que Fran Alonso aborda a biografía e obra do autor a través de anécdotas e detalles, ademais de proporcionar unha escolma poética. Os interesados en recursos didácticos encol do autor, teñen no web da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística unha ampla selección de material descargable neste sentido, e na Secretaría Xeral de Política Lingüística un PDF cunha breve biografía do autor.

Outras olladas
Entre as achegas máis orixinais a este autor, desde a Consellaría de Cultura anunciaron a publicación de Uxío Novoneyra: A voz herdada unha banda deseñada con guión de Kike Benlloch e debuxo de David Rubín, unha historia na que un admirador de Novoneyra percorre a vida e obra do autor. Desde a Real Academia Galega presentan a partitura coa adaptación do poema Chámanos este día que chove que musicou Manuel Rico Berea e que conta con arranxos de Nani García. Tamén está previto que se presente o mesmo día 17 o disco Sons Nús, no que Baldo Martínez e Maite Dono adaptan versos do autor. Non podemos esquecer tampouco a edición do cartafol Homenaxe a Novoneyra no que Rei Zentolo recupera gravados, ilustracións e textos que diferentes creadores do país realizaran para honrar o autor. Desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, teñen dispoñible para libre descarga un calendario 2010 dedicado ao autor, e seguindo coas paredes, tamén Xerais achega un cartel sobre a celebración.


Para alén das publicacións, tanto físicas como en formato PDF, existen tamén diferentes webs que lle prestan atención a Novoneyra, como a propia uxionovoneyra.com, que se creara para promover a candidatura deste autor. Pola súa banda, en culturagalega.org, achegamos un roteiro cultural que permite coñecer a vida do autor a percorrer o Courel e que se insire nos contidos especiais que realizamos con ocasión deste Día das Letras.
Ligazóns