As mulleres do audiovisual acordan en Santiago crear unha Rede Europea de Intercambio

Na Carta de Compostela expoñen medidas puntuais para promover a súa presenza

Chegaron a Santiago cun informe debaixo o brazo que evidenciaba a súa escasa presenza no sector. Agora, as mulleres que conforman o tecido do sector audiovisual (desde postos creativos ata técnicos) marchan con propostas concretas que se reúnen no que chamaron “Carta de Compostela” para mellorar eses indicadores. Inés Paris, presidenta de CIMA, entidade promotora do encontro, apunta que “este non é máis que o comezo e por iso propoñemos crear unha Rede Europea de Mulleres do Audiovisual” .

A rede será unha plataforma que conterá unha base de datos de todas as profesionais, servirá de intercambio de información, experiencias e proxectos, ademais de dispor dunha bolsa de traballo. Segundo se recolle na “Carta de Compostela”, esta rede propiciará espazos de encontros que atendan á produción, distribución e exhibición de produtos de autoría feminina.

Outras peticións concretas
Ademais da creación desa rede de traballo, o documento contempla outras iniciativas como instar á Comision da Unión Europea a creación dun Comité de que elabore un informe no que se analice a situación do audiovisual europeo desde a perspectiva de xénero. “Temos as cifras do que acontece no caso español, pero descoñecemos cales son as cifras exactas doutras realidades europeas, e así resulta difícil expoñer a nosa problemática” explica Inés Paris. Ademais, solicitan que a Unión Europe inclúe no Programa Media as medidas de acción positiva que xa existen en España e en algunhas comunidades autónomas; e que en cinco anos as televisións públicas se compromentan á paridade nos postos directivos.

Paris tamén asegura que en dous anos volverá haber unha xuntanza para avaliar a efectividade dos mecanismos xa adoptados e da aplicación das súas peticións.
Carta de Compostela.