O valor económico das linguas

François Grin e Marcelino Fernández Mallo reflexionan no Consello da Cultura sobre a vertente económica do multilingüismo

A problemática das linguas nos ámbitos socioeconómico e mais dos medios de comunicación centra a xornada que hoxe se celebra no Consello da Cultura Galega. A abrir a terceira sesión do Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia, o especialista da Universidade de Xenebra François Grin reflexionou sobre o custe económico de ter varias linguas e a sustentabilidade das políticas neste campo. Canda a el Marcelino Fernández Mallo analiza algúns dos efectos económicos do multilingüismo no caso galego.

O dereito dunha sociedade a contar no seu seo con varias linguas, os efectos das políticas públicas para as promover, a prioridade que se lle debe outorgar no gasto público ou como calcular o correspondente investimento. Estas son algunhas das cuestións que François Grin abordou esta mañá na súa conferencia no Consello da Cultura Galega. Este doutor da universidade de Xenebra, considerado un dos maiores especialistas na relación entre estas cuestións, partiu do título Por que o plurilingüismo está economicamente ao noso alcance para explicar as vantaxes deste modelo social fronte ao dominio dunha única lingua.

O papel do Estado
Encol da protección das linguas, Grin lembrou que “os estados teñen relativamente poucas obrigas nesta materia”. O pouco recoñecemento desta cuestión como dereito individual ou colectivo ou a ausencia de tratados internacionais vinculantes neste campo, “provocan o risco de que as medidas a favor das linguas rexionais ou minoritarias sexan superficiais”. Á hora de falar sobre se lle compete ao estado traballar a prol da diversidade lingüística ou se a evolución social das linguas debe ficar ao criterio dos cidadáns, Grin apela á teoría económica. Para el as linguas constitúen un medio coas características básicas dos “bens públicos” que o mercado, se se deixa só, non cobre de maneira axeita e que, por tanto, precisan dunha intervención estatal. Pola súa banda, o economista Marcelino Fernández Mallo, retrucante na intervención desta mañá, sinala que “a dedicación de recursos a prol dun idioma non implica un prexuízo para ningún axente social”, e conclúe do mesmo xeito que o primeiro relator que “o multilingüismo é asumible polos poderes públicos”.

Beneficios inmateriais e materiais
Dentro dos argumentos que Grin emprega a prol do interese en traballar a prol da diversidade lingüística, recoñece que, considerando o multilingüismo como un valor absoluto, resulta difícil cuantificar os beneficios directos que achega, e nese sentido emprega a comparación co medio natural e mais coa paisaxe. “existe unha correlación positiva entre a diversidade dese contorno e a nosa calidade de vida”, explica, lembrando que polo xeral a sociedade está a prol de dedicar recursos escasos á un intanxible como este no caso da paisaxe, se ben non sempre existe a mesma disposición a apoiar medidas a prol da diversidade lingüística. Considerando o multilingüismo como un valor continxente, Grin apunta os beneficios intanxibles que achega “a posibilidade de ter máis contacto coa xente doutras culturas”, e a nivel monetario os pluses salariais que pode achegar o dominio de varias linguas. Tanto desde unha perspectiva individual como social, para este investigador está clara a relación entre multilingüismo e creatividade, refrendada por diversas investigacións, e que incide directamente, tanto a nivel individual como colectivo a nivel económico.

Diferenciación e efectos económicos
Encol este ámbito, Marcelino Fernández lembra que “será preciso desenvolver un método que calcule o valor de mercado dunha lingua” como mellor xeito para poder comparar polo múdo os beneficios e custes das políticas de promoción da diversidade neste campo. Indo a un aspecto máis concreto e de menor escala, sinala que “sería do máximo interese comprobar a probable correlación entre o uso da lingua propia e a intención de diferenciación da oferta”, e cita como exemplos a empresa galega R, a cooperativa vasca Mondragón, ou múltiples empresas catalás. “Ademais, dáse unha coincidencia entre a aposta pola lingua minoritaria e o dinamismo e a innovación a nivel empresarial”, sostén. Nese sentido lembra que para os consumidores do mercado interior, o idioma funciona como “un sinal de afinidade entre a marca e o seu demandante”, mentres que para clientes e usuarios foráneos, “o idioma engade un elemento de autenticidade que mesmo a nivel subconsciente xustifica un prezo maior”. Aínda incide Fernández no posible efecto multiplicador que o multilingüísmo ten no sector cultural, coa correspondente incidencia no Produto Interior Bruto, ou o potencial internacional de comunicación que posúen linguas minoritarias como o galego.


Ofertas e demandas
A analizar a vertente dos custes relativos do multilingüismo, Fernández aplica a teoría económica á lingua, e aposta por considerarmos “as posibilidades de formación, a dispoñibilidade de información ou a sinaléctica nunha lingua como a súa oferta, e o seu emprego efectivo como demanda. Entón, segundo a curva de oferta e demanda, temos que, canto maior sexa a primeira, menor será o custe de empregar unha lingua. E como custe entendemos desde o acceso á formación ata os problemas psicosociolóxicos de falar segundo qué lingua en determinados contextos”. Continuando coa analoxía Fernández sinala que “unha política lingüística de éxito habería reducir os custos de utilización dos idiomas minoritarios como un paso previo a gañar ou recuperar falantes”. Precisamente encol dos custes, Grin incide en que, mesmo sen coñecermos exactamente as vantaxes materais do multilingüismo “os custes de pasar do monolingüismo ao plurilingüismo a nivel social son bastante baixos”. A tirar datos do caso do ensino plurilingüe no País Vasco e mais en Guatamala, sinala que o custo nos dous casos está estimado en apenas un 4% ou un 5% máis do que un sistema monolingüe no mesmo contexto. “Posiblemente as melloras na aprendizaxe que implica un ensino con varias linguas reduce aínda máis o custe final en relación cun sistema cunha soa lingua”.


Dun xeito ou doutro, Grin recoñece que “queda un considerable traballo teórico e empírico por facer para que poidamos saber máis verbo do que custa promover o plurilingüismo”, no entanto, a partir da súa argumentación sostén que este tipo é políticas son “moralmente corectas, tecnicamente viables e paga a pena o investimento”. Do mesmo xeiro, Fernández Mallo sinalou a importancia de abrir en Galicia este tipo de debate. A xornada continúa hoxe ao longo de todo o día con intervencións que tratarán a lingua e mais o desenvolvemento económico, a relación das linguas minoritarias e os medios de comunicación ou a lingua como ben común.