Ponse en marcha o proxecto Terra para ensinarlle ós nenos a relación entre a arquitectura e o territorio

Terra con sentido

Ana e Luís comezarán en setembro deste ano 3º da ESO. Nos libros de ciencias sociais estudiarán o trazado reticular de Barcelona, os movementos terroristas do 11 de setembro que remataron coas torres xemelgas de Nova York. Pero é posible que nin Ana nin Luís cheguen nunca a Nova York, nin a Barcelona, pero si irán á Coruña, a Vigo, ou a calquera das aldeas que se espallan por Galicia e que non figuran nos seus libros. Un feito que o Colexio de Arquitectos de Galicia, a ASPG, TVE e a Fundación ONCE pretenden modificar a través dunha iniciativa que xa está en marcha e que se chama “Proxecto terra”.

Escribiu Vicente Risco que "a arquitectura é o instrumento de acomodo do home na terra (...) e que a unión do home coa paisaxe consiste fundamentalmente na súa relación co medio e exprésase por medio da súa arquitectura, permitindo que ó seu través poida deducirse todo o resto da cultura". E esta é a filosofía que moveu a un equipo de catro persoas (tres arquitectos e un profesor da área de ciencias sociais), dentro das propostas de actividades culturais do Colexio de Arquitectos, a elaborar materiais sobre a arquitectura popular, a contemporánea e a identidade territorial. Coa finalidade de que se puideran incorporar ó segundo ciclo a área de Ciencias Sociais da Educación Secundaria. E o resultado foi a creación dun programa que, cun orzamento inicial de 90.000 euros lles ensinase ós rapaces que existe toda unha arquitectura de carácter anónimo en Galicia e que tiña unha razón de ser. Un proxecto chamado "Terra", como non podía ser doutro xeito, que dous anos despois da posta en marcha foi incorporando pulsos novos e novas actividades e que a día de hoxe xa duplicou o seu orzamento (chegando a case 180.000 euros).

E se o Colexio de Arquitectos era o principal promotor do proxecto, puxo sobre a mesa a persoas cualificadas e os conceptos precisos para elaborar esta tarefa, a ASPG adaptaba eses materiais, dun xeito pedagóxico axeitado ó perfil que se buscaba para este traballo.

Xoán Costa, presidente da Asociación Sociopegadóxica galega (ASPG) explica que "unha das motivacións que deu pé a que se traballase nesta dirección é que tal e como a través das guías e dos libros de texto hoxe en día, se documenta todo o patrimonio artístico e histórico de Santiago a cargo de nomes recoñecidos; nós quixemos dar a coñecer que existe outro patrimonio de carácter popular e que ten a mesma importancia pero que ten un carácter máis funcional. Que existe unha determinadas forma de construír o espacio rural, que ten unha razón de ser, que non é facer etnografía nin arqueoloxía, senón dar a coñecer que existen outras formas de ordenación anónima, que é funcional e que depende do territorio e das propias configuracións xeográficas".

Fases
Etnografía, xeografía, historia, historia de Arte, Ciencias políticas, economía, socioloxía, antropoloxía e psicoloxía son algún dos contidos que contempla o Deseño Curricular Base de Secundaria (o DCB) que é como a biblia que contén os principios e obxectivos que marcan as pautas do ensino. Este currículo que por lei é aberto e flexible deixa ós docentes as posibilidades de impartilo ó seu gusto, sempre que se acaden os obxectivos precisos para superar a materia correspondente. E a forma na que se concretan cada DCB son as Unidades didácticas que son como as pautas de traballo relativas a un proceso de ensinanza-aprendizaxe, articulado e completo que o profesor imparte, con materiais de axuda, entre os alumnados. Cada Unidade didáctica aborda áreas de saber concretas.

E a creación destas Unidades didácticas acordes co territorio e a súa identidade foi un dos primeiros piares do proxecto Terra. Un programa que se divide en catro fases. "A primeira delas que está practicamente rematada, explica o coordinador do proxecto, Xosé Manuel Rosales, só lle falta enviar á edición e á imprenta. Consistiu en elaborar os materiais de apoio da Unidade didáctica para o profesorado e o alumnado deses temas que nós consideramos deberían estar incluídos nun DCB de ciencias sociais de secundaria e que hoxe non están. Ben porque son bastante extensos, ben porque o material que se ofrece sobre eles é moi escaso, ou ben pola propia dinámica dos centros". Uns materiais de apoio que se centrarían en reflexionar sobre tres conceptos clave "identidade territorial", "arquitectura popular" e "arquitectura contemporánea". Unha vez feito e editado o material, que estaría previsto para este curso 2002-2003, entrariamos nunha segunda fase que serían as xornadas de formación do profesorado. "Nós -segue José Manuel Rosales- entendemos que un material que normalmente non se traballa nos centros ou se traballa dun xeito moito máis livián, precisa dunha explicación moito máis pormenorizada daquelo que van transmitir". Serían unhas xornadas de libre acceso e que contaban, nun principio, coa participación dalgún arquitecto de recoñecido prestixio que pudiese aportar a súa visión persoal á hora de explicar a arquitectura sobre o terreo. A "terceira destas fases -apunta Rosales- é a de remitir de balde ós centros de ensino público de Galicia, os materiais elaborados así como a programación das actividades e as visitas guiadas e intercambios territoriais". E por último, "será o propio mantemento do proxecto que ten unha vocación de permanencia, porque entendemos que a formación neste tipo de temas ten unha pervivencia no tempo".

Colaboradores
Aínda que son os propios arquitectos os que elaboran os conceptos e recompilan o material (Pedro de Llano que elabora os temas de arquitectura, e Juan Luís Dalda, que leva os temas de identidade territorial) a ASPG é a encargada de adaptalos e darlle a forma precisa para a docencia. Pero non traballan sos, xa que hai máis entidades que quixeron aportar o seu gran de area nesta dura tarefa como é a de educar. Son TVE e a Fundación ONCE, cada una no seu ámbito de traballo.

Así, TVE vai elaborar os vídeos que acompañarán ás unidades didácticas (que nun principio estaba previsto que durasen 30 minutos e que acabarán tendo unha hora de duración) e que tamén emitirán como parte da súa propia programación en aberto para Galicia. Ademais, comenta Rosales, "vaise recuperar unha serie sobre arquitectura popular en Galicia que fixo TVE no ano 84 e que consiste nun material de apoio moi interesante". E, por outra lado, está a ONCE "que se amosaron desde o principio moi interesados polo proxecto. A súa colaboración consiste en facer unha adaptación deste proxecto para os alumnos cegos". A filosofía da nova lei de secundaria ten un carácter claramente integrador e os alumnos que teñen algún nivel de dificultade (que pode ser de visión, total ou parcial) e que están co resto de alumnos. E para este tipo de rapaces a fundación ONCE colabora adaptando o material para que ós alumnos con deficiencias visuais poidan seguir as explicacións como o resto dos rapaces. Un proxecto pensado desde a terra, que senta os piares na terra e que servirá, como dicía Risco para construír a súa cultura.