Esta fin de semana tivo lugar o fallo do premio Antón Losada Diéguez na súa vixésima quinta edición, que no seu apartado de Creación Literaria recaeu na novela A praia dos afogados (Galaxia, 2009), de Domingo Villar. O premio no eido de Investigación e Ensaio foi concedido a Pablo Carpintero Arias pola súa obra Os instrumentos musicais na tradición galega (Difusora, 2009). Os integrantes do xurado valoraron da novela de Villar "a súa excelente construción narrativa” asà como "a grande capacidade do autor para atraer novos públicos á literatura en galego". O Premio Antón Losada Diéguez convócase anualmente desde 1985 polos concellos de Boborás e O Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense. Prémianse dúas obras publicadas no ano anterior, unha na modalidade de creación literaria e outra de investigación, de entre as presentadas a concurso polas editoriais. Os gañadores recibirán cada un 6.000 euros e un diploma, nun acto previsto no pazo da familia Losada, en Moldes, o vindeiro sábado 12 de xuño.