Vinte e un editores galegos acudirán á Feira de Bos Aires

A Cámara de Comercio de Santiago apoia unha misión comercial de dez destas firmas

A Feira do Libro de Bos Aires abre hoxe as súas portas coa presenza de 21 editoras galegas da man da Asociación de Editores e co apoio da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura. O vindeiro día 24 de abril celebrarase, no marco deste evento, o Día de Galicia, cun encontro con Benigno Campos e Xosé Carlos Caneiro. O mesmo día farase a presentación da edición arxentina de Poesía de Rosalía de Castro, coa participación de María do Cebreiro, Manuel Pampín e Francisco López Rodríguez, director xeral de Promoción e Difusión da Cultura. Ademais, o café Tortoni acollerá un encontro cos lectores galegos da cidade. Ao tempo, unha delegación comercial de dez firmas do sector participarán nas xornadas profesionais posteriores á feira e farán actos de promoción e presentacións polo país. Esta proposta está coordinada pola Asociación de Editores e mais a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, co apoio da Consellaría de Industria.